Xente de mar. Cristina Álvarez
Neste traballo de hoxe non é un home o que nos relata a vida nun barco pesqueiro. Circunstancialmente tamén as mulleres son enroladas en barcos pesqueiros.
Cristina Álvarez, bióloga, estivo unha campaña en barcos factoría no ano 1993.
Cando lle propuxen a Cris, (Cris para a familia e para os amigos), que me contara a súa experiencia no mar, quedou un pouco sorprendida, – como si estivera pensando, e este que quer saber? – pero cando lle comentei, esquematicamente, que pretendía dar a coñecer a vida da xente do mar e as súas consecuencias, comentadas pola xente do mar, dos que están na cuberta, dos que se mollan. Cris, que ademais de ser unha boísima persoa é miña prima, entendeume de contado e, xa que logo, o camiño estaba aberto para :
Conversa
E unha tarde soleada, deixando devalar o día, falamos de vagariño nunha conversa emocionante, da súa vida embarcada e da nosa familia: mais o que compre deixar neste pequeno artigo é a xente do mar. Empezo preguntando.
-Cando te fuches a Terranova para min foi unha sorpresa e considerei e sigo considerando que fuches moi decidida. E dime, por que embarcaches, para que e en que tipo de barco?
-Hoxe hai moi pouco traballo, pero daquela despois de rematada a carreira, traballar como bióloga era case imposible e eu non quería outro traballo que non fora a miña paixón.
Contratoume a empresa S.A.G. de Galicia S.L. que xestionaba os traballos de “mostraxe” nos barcos e, posteriormente pasáballos ó I.E.O. (Instituto Español Oceanográfico), sito en Vigo.
O barco era unha factoría, pescaba e procesaba unidades e despeces: filetes, etc.
O barco estaba moi ben acondicionado e a min déronme un camarote individual na ponte.
O meu traballo consistía en tomar as coordenadas onde pescabamos, medir e pesar certas unidades de cada lance e levar un rexistro .
-Dime, que peixes pescabades, bacallau ou outras especies?
-A pesquería era de arrastre, o aparello ía a máis de mil metros de profundidade e a especie era fletán negro; o bacallau estaba prohibido terminantemente.
-Dime, como se desenvolve o traballo dos mariñeiros nun barco que fai algo máis que pescar, como é o traballo?
A tripulación era de vintetantos homes en total, e o traballo é constante. No mar non hai calendario, nin día nin noite. Os lances son de unhas catro horas, e hai que procesalo antes do seguinte lance: si ven moito peixe filetease e se pouco pola contra,aproveitase para despezar máis, e así organizado o traballo, o tempo de descanso é moi pouco. A vida dos mariñeiros é dura.
-Como foi a convivencia dunha muller entre tantos homes tanto tempo? Moi boa para min e coido que para eles. Eu sentinme apreciada tanto polos mandos como polos mariñeiros, iso si, as distancias entre mandos e “tropa” era significativa, a soidade é a mesma pero a calidade de vida duns e outros non.
-Cando embarquei e saimos ao mar, mirábanme con sorpresa, aínda era algo raro unha muller a bordo e ademais, tan contenta de estar embarcada: a viaxe durou sete días e non me mareei, para sorpresa dos que se mareaban moito. Ao empezar a traballar con eles xa foron facéndose máis amistosos e eu xa era unha máis naquela “familia”.
A metade da campaña cambiou de barco para seguir co mesmo traballo.
-Dime, entón como cambiaches, fostes a un porto, ou en alta mar?
-Aproveitando o bo tempo (eu fun en primavera) pasáronme dun barco ao outro nunha lancha, e alá ía eu coa miña maletiña e cos arneses montados para gabear pola escaleira que me botaron. Dende arriba tiraban por min cunha corda. Eu miraba aqueles homes con barbas negras e pensaba: onde me vou meter, miña nai queridiña!. Recibíronme moi ben e ríanse dicindo: eu tiraba da corda para subila, pero non pesa nadiña! E xa todo foi como no outro barco.
-Atopaches diferenzas de barco, de traballo ou de trato?
-O barco era un pouco máis pequeno pero semellante no demais, tamén era factoría. O traballo era coa mesma organización que o anterior, mais o trato entre mando e mariñeiros era máis afectivo, máis humanizado.
O meu traballo tamén era igual e enseguida me vin acollida na nova “familia”.
E non fostes a porto algunha vez?
-Si, fomos a Saint Pierre de Miquelón para levar ao médico a un enfermo: aos mariñeiros non os deixaron desembarcar pero a min si, e estiven paseando pola rúa, foi moi gratificante despois dun tempo no mar.
-Eu teño moitas lembranzas de Saint Pierre, aínda que nunca estiven alí, pero nos anos 50 cando as flotas de Vigo puxeron rumbo a Terranova o porto de referencia era Saint Pierre. Alí había un consignatario que se chamaba Monsieur Paturrell. Lémbrome porque meu tío político, Manolo Armada (Faneca) andou varios anos de patrón de costa e traía cervexas en lata e whisky “Seagrams”; logo como el botaba meses sen vir, era eu quen bebía as cervexas. E lembro ver fotos das casiñas de madeira.
– Que opinión tes ti como muller, compartindo a vida de traballo e illamento, coa xente do mar, e que significou para ti?
– Sempre digo que todo o mundo debía de facer unha campaña, máis non, con unha é suficiente, para coñecer de preto esa vida: esa xente está en dous mundos, e nos dous están desorientados. No mar saen a relucir os ciumes, as xenreiras, as rifas por calquera cousa, mais ao cabo todo pasa porque aqueles son as súas familias, cos que comparten moitas horas de traballo de angurias e tamén risas e confidencias.
Cando deixei o primeiro barco foi moi triste para todos e tamén para min, foi unha despedida con bágoas nos ollos, pero moi emocionante, e no outro barco semellante.
Para min foi a maior experiencia da miña vida, porén entendo o que estás a facer e agradézocho.
-Pois grazas a ti Cris, por darme a coñecer a túa experiencia a bordo dun barco traballando na profesión que escolliches para seguir a túa vida.
Que sexas moi feliz e un biquiño agarimoso
Texto: Telmo Comesaña decembro 2016
Qué buena entrevista Telmo! Es increíble lo valiente que es esta mujer, sobre todo por ir en un barco a realizar una tarea nada fácil, con vientos y muchas horas de trabajo. La admiro .