Viaxe a Castela-León
Nunha das viaxes que programa o Imserso, participamos, a miña dona e máis eu, na compaña de outras corenta e catro persoas máis. Foron seis días no proxecto “culturais”.
A partida foi de Pontevedra
(Non é fácil entender o ter que achegarse a Pontevedra, capital da provincia, cando a maioría da xente é de Vigo e bisbarra). Algo teremos que facer para acabar con este desleixo.
Na estación de autobuses, recibiunos Patricia, a guía que nos ía acompañar até a volta, ó mesmo lugar da partida. Acomodados no autobús -case de estrea- Patricia deunos a benvida; presentounos a Iván, condutor do bus, e pasou a ler o programa co itinerario previsto:
Base en Zamora, a onde chegariamos sobre as cinco da tarde.
Luns, visita guiada a Salamanca, xantar e paseo por Ledesma e Sayago.
Martes, visita guiada a cidade de Zamora, xantar e tarde libre.
Mércores, visita guiada a Benavente, xantar e visita a cidade monumental de Toro.
Xoves, visita ao Parque Natural do Lago de Sanabria, xantar e visita a cidade.
Venres, volta á orixe.
Logo, Patricia púxonos as condicións para que a viaxe fora pracenteira e disfrutaramos dela, a saber: puntualidade; a espera máxima será de cinco minutos. Os que non cheguen á tempo terán que facer o percorrido ao hotel pola súa conta. Deunos o seu teléfono e confirmou que estaba ao noso servizo ás 24 horas, indicando o problema.
Saída
Ás dez horas, saída prevista, faltaban catro persoas; cumpridos os cinco minutos de cortesía, Iván puxo en marcha o bus con aquel grupo de pensionistas dispostos a coñecer algo máis as terras, vilas e cidades de Castela-León.
En ruta Por autoestrada a dirección Vigo.
Pasamos a ponte de Rande e seguimos pola Rande-Puxeiros para coller a autovía rumbo ó destino. A mañá estaba fresca e o sol xa collera altura; a paisaxe non era a mellor que podíamos desexar: os efectos dos lumes deixábanse ver nas árbores queimadas dando unha visión fantasmagórica, pero pouco a pouco iamos pasando por pobos que daban a coñecer que a vida seguía e os montes voltarían a reverdecer. Hora e media despois -intermedio de Sanabria onde tiñamos acordado o xantar- fixemos media hora de descanso.
Seguimos e na Canda tivemos a visión da neve e no Padornelo xa estaban as quitaneves limpando a estrada e a marcha fíxose máis lenta. E pagou a pena porque a paisaxe, co sol reflectindo na neve e nos vidros das máquinas facíanos ver algo ao que non estamos afeitos.
Chegada a Zamora,toma de contacto coa cidade e desenrolo das actividades previstas
Hospedámonos nun hotel de 4*, confortable, no que faciamos o almorzo da mañá e a cea; o xantar era nos lugares de visita.
Nunha mañá fría e chuviosa, recibiunos Rosa; a guía que nos levou ao longo de dúas horas por aquela cidade “Patrimonio da Humanidade pola UNESCO no 1988, e Cidade Europea da Cultura ao longo do 2002”. Rosa, persoa duns 70 anos -a miña apreciación non é moi fiable debido a miña limitación visual. Padezo DMAE- levounos camiño das xoias arquitectónicas daquela vella e ben conservada cidade; a pouco andar mostrounos o arquivo da guerra civil. Seguimos camiñando deica as catedrais e ía debullando as historias de cada porta ou de cada pedra. Falaba con voz clara e firme, deixando espazos e entoacións que transmitían momentos para a asimilación do que nos falaba. No interior da catedral nova foinos mostrando: arquitectura, altares, imaxes, esculturas, pinturas, tallas; nomes dos artistas e épocas; conflitos e acordos para o desenvolvemento ao longo dos anos.
Dalí pasamos a catedral vella, século XII, e nunha sala arrodeada dunha bancada, sentamos e, deunos unha clase maxistral: o exame dun universitario da época (non me atrevo a reproducir o que recollín porque deixaría atrás, quizais o máis importante daquela exposición. Sinto respecto pola persoa que sen ler falou uns dez ou quince minutos deixándonos a tod@s nun profundo silencio.
En fronte da catedral mostrounos o pazo episcopal, e dixo “este es el palacio episcopal, que el obispo catalán Pla y Deniel cedió a Franco para su residencia” -houbo un silencio prolongado-. Explicou a filigrana da fachada da catedral e ensinounos a buscar a “ra”. (Toda unha historia arredor dese batracio).
Seguimos polas rúas dándonos a información dos edificios, das persoas relevantes que os habitaron, ata pasar pola rúa na que viviu Nebrija, que estivera chea de librarías e editoriais; doutra banda, a casa onde viviu Unamuno, e aquí tamén houbo outro silencio prolongado. Na casa das cunchas pasamos ó interior e seguiu falando da historia do recinto; rematamos na praza maior cunha información detallada do espazo máis senlleiro das prazas españolas. Só podo cualificala de excelente!
O paseo por Ledesma e Sayago, foi sómente iso: un paseo por dous pobos con moita historia e baleiros de xente.
Visita guiada pola parte monumental: Castelo, catedral, igrexas, rúas e comentarios históricos cívico-relixiosos. Atopei a cidade moi mellorada respecto a anos atrás.
A tarde libre aproveitámola -parte do grupo, sempre baixo a titoría de Patricia e Iván – para desprazarnos a Miranda do Douro- Portugal. Naquela pequena e histórica cidade episcopal, na actualidade compartida con Bragança onde ten a Sede o bispo, unha guía, con un castelán moi aceptable,deunos unha información ampla da catedral, da historia e dos xeitos de vida. Malia que a poboación decrece a sociedade resiste.
-Benavente.
Recibiunos con moita choiva, pero aínda así, puidemos facer un percorrido pola cidade. Para min foi unha sorpresa porque nunca reparei nela.
Toro cidade monumental, certo, a igrexa é unha xoia dun pasado que non volve. Ao meu ver, aquela nobreza estaba chea de soberbia.
-Parque Natural do Lago de Sanabria
Recibimos unha ampla información no centro de Interpretación da Natureza. Guías moi ben formadas e con moita experiencia, foron mostrándonos as características e historia daquel espazo natural cuxa conservación é indispensable para a conservación das especies. Moi interesante.
A cidade de Sanabria é outra xoia do pasado que compre conservar.
Volta a Pontevedra
O sexto día fixemos o camiño de volta; xantamos en Sanabria e pouco despois das cinco da tarde –como xa calculara Iván- arribamos ao punto de inicio sen ningún problema. Felices e content@s
A miña visión, e reflexión
Lugares fermosos, históricos, polos que pasa o camiño de Santiago “camiño da prata”. Pobos despoboados; terras ermas e sen rabaños como noutrora. En poucos anos cambiou moito. Si é para ben, benvido sexa.
Coido que o comportamento do colectivo foi bo; non houbo rifas nin desencontros, que eu saiba.
Condutor e guía merecen o meu recoñecemento. Patricia estivo pendente de min e demostroume a súa sensibilidade. (Na primeira parada comenteille que levaba no grupo unha persoa con minusvalía visual grave, mostreille a chapa “Tengo baja visión”, e díxenlle que non se preocupara porque estaba acompañado pola miña dona e outra familia; simplemente llelo dicía para que o soubera; e tívoo moi en conta. De volta en Pontevedra démonos un bico e desexeille “que sexa moi feliz e unha longa vida”
O último espazo é para Rosa –catedrática, según me dixo Patricia-. Dúas largas horas acompañándonos, sen ler un papel, sen dubidar nin trabucarse, facendo silencios cómplices, que ninguén se atreveu a ocupar cunha pregunta. Cando falou de Unamuno estiven tentado a preguntarlle polo episodio co xeneral Millán Astray. Estes dous persoeiros tiveron un desencontro no que Unamuno dixo: “ganarán, pero no convencerán”, ao que lle retrucou o xeneral manco e torto: “abajo la inteligencia. Viva la muerte”. Din, que Carmen Polo que estaba presente, cortou a rifa.
Só me queda felicitar ao grupo pola camaradería, respecto e colaboración durante os seis días que durou este encontro de mulleres e homes pensionistas de diferentes lugares. Seméllame unha lagoa á que chegan regos de auga; unha vez mesturada nun único espazo volven a esparexerse de novo.
Parabéns e ata outra!
Telmo Comesaña marzo 2018
De acuerdo contigo de tener que ir a Pontevedra, de hecho yo no me anoto a estos viajes por esa razón. Por lo demás me gusta mucho como nos haces sentir lo que disfrutasteis en el viaje.
Grazas Esther, xa vexo que non son eu so que me amola desprazarme a Pontevedra