Van invadirnos os chinos

Este era o tema de conversación e debate, a veces acalorado, nun lugar de encontro que de cando en vez, frecuentamos  un pequeno grupo moi heteroxéneo e cunha diferenza de idades considerable.

Estas xuntanzas non son programadas; cando menos esperas tes unha chamada e como si dun ritual se tratara acudimos ó encontro. A cita non sempre é no mesmo lugar, pero si dentro dun radio de non máis de tres Km. Esa é a única condición que eu poño.

Eles e elas adoitan traer algún comentario dos que se fan con xente do traballo ou dos lugares de ocio. Os medios de comunicación tamén achegan novas  que sorprenden e alporizan a xente menos informada; hai quen aínda fala do “Domun”  e das novelas de “Pear S. Buck”.

Fomos chegando á casa que nos acollía naquela xornada e a anfitrioa gozaba coa presenza das persoas amigas coas que poder partillar un par de horas máis ou menos. Os bicos, os sorrisos e as boas palabras  foron como unha regalía para Maruxa que vivía soíña dende o pasamento do seu Faustino.

Xa acomodados, cadaquén no recuncho que lle era máis acaído, fomos deixando que a lingua ceibe e entrar no relato.

Os chinos non van vir; os chinos están aquí. Apuntou Xerome. Xiana mostrouse sorprendida e apuntou: pois eu non vexo tantos:  dous ou tres restaurantes e tres ou catro comercios quincalleiros.

Ai filliña!, interveu Andrés -que aínda que era novo dábase a maior e trataba de filliños e filliñas  ata os avós-,  pois velaí tes. Os quincalleiros dos que falas  e que venden barato, barato, son a desgraza de moita xente que produce as mesmas cousas e de mellor calidade. E por ir comprar aos chinos eles e elas teñen que pechar as portas.

Celso di que unha cousa non tira a outra, que a competencia sempre estimula. Entón Delfina tomou a palabra  e falou dos dereitos humanos, e dixo: esa xente traballa como escravos; en China non hai sindicatos que loiten pola xente traballadora e dese xeito a competencia é desleal.

A conversa íase animando e uns e outras ían poñendo o seu “gran de area”  no tema que nos ocupaba.

Logo de  consumir unas noces e uns manises,  -o viño pono a xente da casa-, foi Mariña (muller moi viaxada, -foi daquelas dos primeiros “Erasmus”-  faladeira, culta e amigados parladoiros) a que nos deu unha lección maxistral.

Aquela China da que nos falaban nos catequeses cando se pedían esmolas para as Misións…(Los pobrecitos son tan incultos que no conocen a Dios y por eso los misioneros tienen que ir allí para convertirlos  y extender la “obra de Dios en la tierra. Id por el mundo y predicar el evangelio), mudou tanto que arestora  asombra ó mundo.

No ano 1949 Mao Zedón chegou co seu exército a Pekín.  Chiang Kai- Shek abandonou o poder e refuxiouse na illa de Formosa independizándose da China continental e protexido polos EEUU de América.

Mao implantou un réxime comunista moi ríxido que mantivo ata a súa morte no ano 1976 aos 82 anos de idade. Os novos mandatarios foron mudando o sistema ata convertelo nun comunismo-capitalista. O que se ve nas televisións,  o que se escoita nas emisoras de radio e o que se le nos xornais.

China con 1.200 millóns de habitantes é o país máis importante de Asia, a súa traxectoria nos últimos corenta anos foi de máis á máis. As grandes cidades asombran ó mundo, a tecnoloxía que manexan danlle unha capacidade de desenrolo  que ninguén esperaba. China chegou á cara oculta da lúa. E a capacidade de producir medios de consumo é case ilimitada, como para inundar ós demais países.

China compra de todo o que é produto capitalista para logo negociar con máis fortaleza: fábricas metalúrxicas, equipos de fútbol, barcos e fábricas de procesado de peixe, etc.

Arestora os chineses están montando macro-factorías pesqueiras en Uruguai e Namibia con flotas de pesqueiros que faenan nos caladoiros nos que traballan os barcos galegos. Din que na Antártida xa pescan máis os chineses que o resto das flotas xuntas..

O relato de Mariña deixounos preocupados e con poucos azos para preguntar de onde lle chegara tanta información.

Só Celso deixou caer  unha de tantas frases feitas das que non comprometen a ninguén: “Vaiche boa Vilaboa”.

Telmo Comesaña    novembro 2019

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: