Un día diferente

Vista aérea del barrio de Navia // R. Grobas http://paudenavia.blogspot.com.es/

Erguínme cedo. Espertei e vin claridade polas rendixas da persiana, votei man do reloxio,  premín o botón e contestoume,  “son las siete de la mañana”. Sentíame ben,  durmira seis horas e media ou sete, e para min era doado.

A claridade ía en aumento anunciando que pouco despois as raiolas do sol inundarían de luz e de cor todo o que me arrodeaba: campos, bosques, casas, e o mar un pouco máis lonxe. O mar de Coruxo,  Canido e cabo Estai e  as Cies, facendo inútil as ráfagas dos faros das illas.  E no monstruoso e insultante edificio de Toralla refletindo nos vidros  que devolven a luz encol do mar.

Sentinme ben, e decidín  –xa que non tiña xinasio ese día- irme a camiñar ata Samil. Almorcei seguindo a costume de afortalar o corpo para pasala media xornada. Saín da casa as oito con rumbo Oeste, mais o sair do portal deume unha arroutada e fun deica o Leste. Andiven uns douscentos metros até a rotonda da Avda de Europa e baixei deica o Sur,  deixando a miña dereita a urbanización do PAU  (Plan de Acción urbanística) Navia. A esa hora os carrís da estrada ían cheos de coches, camións, trailers, motos  e autobuses urbáns e escolares. Todos ían con presa e o atasco na rotonda de santo Andrés (principio da autovía, saída deica Coia e Zona Franca, estrada de Camposancos e Avda Citroen) era evidente.

Eu paso moitas veces por esa ruta: en autobús, a pé ou en algún coche que ten a ben trasladarme. Digo trasladarme porque coido que é o que fai a xente –e eu tamén-, indo dun a outro lado sin pararse a vivir as emocións que nos depara  unha reflexión asisada do espazo e do tempo.

No medio deste balburdio cheguei ao semáforo para cruzar a outra banda, -a idea era ir   deica o Leste- ; cando fun premer o botón pra que dera paso aos peóns, deume un lóstrego na cabeza e sentinme setentacinco ou algúns  anos máis  atrás, dixen algo en alto e, unha xoven nai, cun carriño dunha crianza que estaba ao meu carón  miroume de esguello e, decateime da súa sorpresa. Entón eu, sorrindo díxenlle. -Non filla, non estou tolo, é que estou aquí sententacinco anos atrás–. Sorriu e votou a andar empurrando por aquel carriño onde levaba o seu tesouro, unha nena loiriña chuchando na chupeta.

…E a xente ía pasando, e eu quedei alí, chantado como unha pedra, ou como as arbores  que alí seguen sin follas e sin vida.

Eu quedei alí, a poucos metros de onde pasaba o ferrocarril a Baiona, e a poucos metros da rotonda, onde as vías cruzaban a estrada había unha caseta na que se recollía do sol e da choiva, a señora que poñía e sacaba as cadeas cando ía a pasar un tranvía. -O ferrocarril tiña preferencia de paso-.

A dereita de onde eu estaba asentábase o apeadoiro da Bouza, (un galpón de madeira  e aberto de cara ás vías, cun banco  e todo pintado de azul claro), e mesmo enfrente a casa do señor Avelino  o “Maturranca”  e a súa dona señora Elisa cos fillos Pepe e Jaime. (Miña nai levábanos a visitar aquela familia. Eran amigos de meu pai).  Chegabamos alí polo camiño de Lamelas, onde tiñamos unha tomada con pinos e toxo. Polo medio daquelas terras de labor había algunhas casa. Mirabas xente traballando ou apastando o gando, un rapás cunha cabra ou cunhas ovellas. Vida, había que procurala comida. Os animais daban crias, leite, carne, lan, facían esterco pas terras e si se vendían, uns cartiños para as contribucións e gardar para unha enfermidade ou algún arranxo.

Cando saín do trance mirei a actualidade: a xente vai de presa, non hai animais produtivos, só hai cans, moitos cans. Daquela e ata fai uns vinte anos había poucos veciños, e pola contra, hoxe din que xa hai dez mil, xente nova con moitos nenos e barrigas hinchadas. Boa sinal!

Mergulleime nas rúas: Teixugueiras, Limpiño, Lamelas, Pozo cabalo. Respetouse a toponimia. Ben!

O barrio ten boas dotacións: ambulatorio, escola de primaria, centro para minusvalías, a Escola de Arte Dramatico de Galicia, igrexa, zona deportiva con campos de fúbol e auditorio, centro con piscinas, xinasios e actividades complementarias , e no medio un gran parque. Din que está en marcha a derradeira fase.

Cheguei de volta a casa facendo un pequeno percorrido, pero vivino intensamente. E púxenme a escrbir para ter a satisfación de facelo e trasmitilo.

Telmo Comesaña   maio 2017

2 comentarios sobre “Un día diferente

  • el 12 de mayo, 2017 a las 1:52
    Permalink

    Gostei moito, Temo. Importante o q sinalas da toponimia.
    Moitas gracias!

  • el 18 de mayo, 2017 a las 16:23
    Permalink

    q bonita vuelta al pasado Telmo encantoume vikos

Comentarios cerrados.