Soidade en tempos de loita contra o Covid-19

Ninguén pensaba que o encerro sería máis aló das dúas semanas que anunciara o Presidente o 14 de marzo 2020. Agora que estamos a pasar a cuarta, xa estamos concienciados para pasar esta  e dúas máis.

Heroes/heroínas?. Non, xente do común, nada especial. A xente vaise acomodando a situación e vai facendo a vida diaria mudando os hábitos rutineiros que nos trouxeron  até onde nos atopamos. É como si chegara alguén e mandara parar, e paramos: un “becho” microscópico foi o causante do andacio que está a estarrecer ó mundo enteiro. Cadaquén fala del como si xa lle fose familiar e tolea co que “aprende” nas redes sociais e nas televisións. Os e as que exercen a política activa tratan de sacar tallada da situación e hainos que ó feito de eliminar o coronavirus chámanlle “unha guerra”. Que disparate, meu deus!.

Coido que o nome non lle fai honra: el non precisa de armamento que pode destruír cidades enteiras como aconteceu en Hirosima e Nagasaki no ano 1945 do pasado século,  ao remate da II Guerra mundial. Este becho ademais é selectivo: busca ás persoas  máis febles, anciáns e/ou con doenzas graves. Sen importarlle, iso si, nin o lugar do planeta no que se atopa, nin o color da pel, ideoloxía, relixión   ou poderío económico ou social. Velaí as características deste virus para reducir a unha poboación que xa non pode producir.

E para entreternos nestas longas xornadas  recluídos nas casas, que facer!

Faladoiros cos familiares e amigos

Lembreime de dous compañeiros divorciados que viven sós e decidín  falar con un deles e despois co outro, e velaí a sorpresa e o ben que o pasamos.

Un deles é enxeñeiro e o outro economista. Eles non se coñecen -cando isto remate teño que presentalos porque aseméllanse bastante no seu perfil-. Ámbolos dous están ocupadísimos: un está estudando socioloxía e o outro  a facer poesía e traducir cancións ó inglés  e outras do inglés ao castelán: pinta  e ten unha actividade social  dende a reclusión. Os dous teñen fillos e netos e falan a cotío.

Os dous me falan do arranxo da casa e do seu enxoval: fregar, barrer, limpar, facer a cama, panchar a roupa,  cociñar, etc. Os dous están orgullosos dos progresos que fixeron cociñando. Os dous gardan un tempo para reflexión.

O enxeñeiro é amante da música clásica e dime que ten moita que aínda non escoitou. Agora gózaa e contempla dende a fiestra a finca que ten en fronte e nunca reparaba nela. Neste encerro dedícalle un tempo a desfrutala e cóntame que está sen traballar e ten froiteiras; chámalle a atención un limoeiro cargado de froito. Tamén se fixa nun can que anda ceibo e de cando en vez ládralle aos paxaros que se pousan no chan esculcando na terra na procura do alimento.

A rúa ten un tráfico  intenso, mais agora é tan diminuído que na parada do bus nunca lle cadra ollar xente; todo é moi diferente porque aí sempre había pasaxeiros e agora o autobús nin para. Así pode facer a ruta máis amodo razóame el cun sorriso de picariño.

En canto ao economista, ten máis visibilidade porque vive nunha encrucillada e o campo de visión é máis amplo. Preocúpalle -xa mo ten dito outras veces- o espazo no que se asenta unha antiga conserveira (obra do arquitecto Gómez Román). Cóntolle un pouco da historia que eu coñezo daquel espazo que foi o campo de fútbol do “Fortuna” , equipo da 1ª división e rival do “Vigo”; da unión dos dous saíu o Celta de Vigo no ano 1923.

Eu non tiña idea pero el é defensor de que se manteña o conxunto co chalé e o depósito da auga dentro dun gran parque que a zona necesita.

Días despois fun falando con outros dedicados ao ensino: profesores e profesoras de historia e de linguas, que están dando clase dende o seu domicilio. Cóntanme as experiencias e din que teñen que traballar moito máis; dubidan que o resultado sexa positivo por ser desigual para o alumnado que non dispón de ordenador na casa. Ademais entenden, que sendo presencial uniformiza máis aos grupos.

Non deixei de aproveitar a dous coñecidos .un informático e outro enxeñeiro- que pasaron a traballar na casa, e vailles ben.

O cambio é imparable

O traballo na casa ten dúas vertentes: o empregado non se move da casa e o empresario aforra espazo, electricidade, auga, etc.

Sorprendeume que ninguén se queixase pola reclusión forzada. A todo nos afacemos. Si Nelson Mandela resistiu 27 anos nunha pequena cela, porque non imos resistir nós un par de meses!

 

 

Telmo Comesaña  Abril 2020

A %d blogueros les gusta esto: