Río e vida

A vida vai como un río: rápido cando baixan polas abas dos montes,   lento nas chairas, precipitándose nas fervenzas, e deitándose noutro río ou no mar.

As augas sempre poden ser aproveitadas: movendo rodicios de muíños, turbinas de centrais eléctricas, regando as terras de labor, criando peixes e mantendo flora e fauna.

Alí por onde pasa  florece a vida. As árbores que lle son propias como os  amieiros e outras especies, árbores e arbustos danlle acubillo aos paxariños que poboan o entorno. Parrulos  e aves migratorias desprázanse dun a outro lado na procura de alimento. Á beira dun río, no verán sempre hai frescura que alivia aos camiñantes e as xentes que traballan as terras da contorna.

E nós…?

O río síntese ferido cando o estragamos os humanos con lixo e augas fecais.

De cando en vez chegan algunhas novas nos xornais encol dunha limpeza feita por xente voluntaria. E que sae de aí, rodas de coches, latas de aceites industriais, de conservas, cadros de bicicletas, plásticos, paus e ata algún animal morto. E dicir: toda a trangallada que xa non nos é útil.

Pobre río que de fonte de vida pasa a ser vertedoiro dunha sociedade irresponsable e inculta.

Acaso non sabes cidadá e cidadán que estás destruíndo a supervivencia do planeta!

Non te decatas que da terra-auga e ar, son os fundamentos da vida de tódolos seres vivos, xa sexan plantas, árbores, peixes e algas, bechos e animais, -dende as formigas aos elefantes-, e todos nós, os humanos.

Predadores

No mundo animal o  equilibrio mantense vivindo uns dos outros. Pola contra, os humanos  vivimos a conta de todos: animais e  plantas como alimento e dos mesmos humanos  como suxeitos sometidos  polos poderes que controlan as sociedades.

Véxase a historia da humanidade: sempre houbo un tirano ou un clan que domina  a grupos ou a nacións,  pequenas ou grandes. Ningunha época foi mellor ca outra. As guerras son bíblicas; dende que Caín lle zoscou coa queixada asnal  a seu irmán Abel tirándolle a vida, xa quedou instaurada  o binomio criminal/vítima. Meus pobres Adán e Eva!  Nada mais empezar a súa andaina fora do Paraíso xa tiveron que soportar a morte violenta do fillo querido. Eles soíños, sen veciñanza que os consolaran.

Devalando o tempo como si fora un río que vai ao mar, ela e máis el foron quen de repetir para que hoxe sexamos arredor dos oito mil millóns de  descendentes.

E dende aquela norte violenta, cantos morrerían por diferentes causas … Uf!.  Preguntas que non teñen contestación.

Aínda non nos é doado chegar tan lonxe no tempo. Quizais con ese ordenador cuántico do que nos veñen falando os e as científicos, se chegue a resolver esa incógnita.

E cal é o río da nosa vida?

Pois depende dos anos que teña cadaquén. Isto é tarefa dos historiadores, sexan home ou muller. Eles e elas van dando fe do que aconteceu no pasado  e nútrense nos arquivos e no que outros deixaron constancia: aínda que a escolma da información oral élles indispensable.

Non é a miña intención facer aquí  un relato histórico; só quero achegarme a un resumo da vida da que eu podo dar fe; sempre dun xeito esquemático.  Facelo polo miúdo é traballo doutrora.

Este río de vida tivo de todo ao longo dos 85 anos que levo nel.

Ilusión de ter un futuro mellor,  traxedia semellante ao río  que se estraga nas rochas , como lle pasa ao Xallas cando se derrama na fervenza de Ézaro.  Sometemento nun longo percorrido  por zonas de moito perigo nas que nunca estabas seguro do que ía acontecer un pouco máis adiante. Un ensanchamento con moitas turbulencias que nunca acaban de chegar á posuír un remanso no que poidas serenarte e desfrutalo placidamente.

O río da nosa época coñecémolo ben; precisamos aínda así coñecelo mellor para entender os “remuíños” actuais que tan alporizada pon á xente que non se preocupa de observar eses movementos das augas das nosas vidas.

Como optimista que son coido que o río tranquilizarase e as augas darannos tranquilidade sen consentir que se deixen de mover, porque iso sería o fin.

 

 

 

Telmo Comesaña   Xaneiro 2020

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: