Reflexións arredor dunha conferencia

O médico xeriatra Miguel Ángel Vázquez Vázquez  foi o poñente.

O evento, organizado por Katusa (directora do Centro Sociocomunitario de Coia), tivo gran transcendencia no colectivo.  Presentou o proxecto concibido por ela  mesma.

Os tristes acontecementos que os medios de difusión nos presentaban con arrepiante frecuencia “un home apareceu morto no seu domicilio, días despois unha muller  finada días antes…e outra muller e outro home” .A chamada era dos veciños que denunciaban o mal cheiro que saía polas portas.

Katusa, sensibilizada co problema  que representa a soidade na ancianidade, tomou o camiño de pórse ao fronte na procura de solucións: compre crear un grupo de voluntariado para facer un seguimento das persoas  que viven soas -e o desexen-: unha chamada telefónica;  chamada ó timbre;  petar na porta; etc. Si non hai resposta ”alarma”. O procedemento é o habitual.

A asistencia foi de máis de 120 persoas -como sempre máis mulleres ca homes-. Ben é certo que o título chamaba a atención. ”Vivir ben máis aló dos cen ou cento vinte anos””.

Publicouse na Revista e, asemade, Katusa foi aula por aula informando do proxecto e da importancia da asistencia á conferencia. Que o conferenciante sentira o interese da veciñanza de Coia! E abofé que  a resposta do colectivo foi exemplar e desfrutouna  con ledicia, tanto que, quen máis quen menos, tirou de enriba uns cuantos anos. Alí eramos dunha media de idade duns 65 ou 70 anos (como di un amigo meu, xente con xuventude acumulada). Pois como digo, xa fora de alí, todo eran sorrisos pracenteiros: “que alivio meu deus!, e eu que pensaba que xa non valía ren, e mira ti, que aínda podemos mocear…” /risas). Era a leria dun grupiño de septuaxenarias, penso eu.

O poñente

Eu adoito  asistir a conferencias de temas moi diversos, mais non asistira a unha como a impartida por este galeno: moi ordenado para conseguir que a mensaxe nos chegara ; retranqueiro, de cando en vez metía unha anécdota que facía sorrir, e logo, continuaba coa mensaxe. Ben se ve que ten experiencia e calidades para captar o estado de atención do público.

Polas frases que foi debullando e o ton das palabras, coido que é un “humanista” e que nos deixou interese pola vida sempre e cando non abandonemos  as ansias de aprender: traballar o corpo e   a mente, (aprender a tocar un instrumento musical  ou un idioma axuda moito); a amizade é un ben que hai que cultivar (ter amigos é unha regalía que prolonga a vida).

Todo un éxito.

A miña reflexión

Vivimos nunha cidade onde día si e día tamén, nun lugar ou noutro, hai conferencias de distintos temas que enriquecen a nosa cultura. No Centro Sociocomunitario de Coia boto en falta  -coa frecuencia que coido debe ter-,   unha achega deste tipo, e porén, vou ter a ousadía de propor algunha: filosofía, economía,  loxística, industrial, enxeñería  industrial, teleco, química, robótica, etc. puidera ser un ou unha.

Non quero deixar pasar a importancia da pesca en Vigo; ben puidera ser un capitán de pesca destes que faenaron en caladoiros do Gran sol, Terranova, Groenlandia, Malvinas ou Antártida. Que riqueza ten esta xente! Como se pode vivir nunha especie de illa flotante traballando día e noite, con bo ou mal tempo, sen descanso durante  un mes…dous…tres ou seis. Como é o comportamento; quen auxilia a un ferido ou enfermo. Cantas cousas se lles pode preguntar e así entender o que é unha das vidas máis duras e problemáticas.

Remato deixando estas propostas  para que aparezan outras igual ou máis importantes.

 

texto :Telmo Comesaña   Outubro  2019

Fotos : Jose Antonio

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.