Reaccións

Despois da sorpresa do Real Decreto anunciador do enclaustramento da sociedade  co gallo de combater o Covid-19,houbo unha etapa de desconcerto. Algunha xente non entendía o pecharse na casa durante dúas semanas.

As mensaxes non axudaban ao ser contraditorias: -que si era unha gripe máis e iso pasáballe aos chineses e aos italianos porque non dispoñían dunha sanidade como a nosa, etc. Doutra banda a propaganda oficial ou oficialista insistía en que nós temos a mellor sanidade do mundo. Ámbalas dúas mensaxes adormeceron-os a todos (Esqueciamos as marchas das e dos “batas brancas en Madrid e outras comunidades).

Pero a triste realidade impúxose, faltaban medios: -batas, máscaras, equipos de respiro, luvas, test de análise, etc.

Confusión

Os laios non se deixaron de escoitar e, como sempre: a culpa, de quen é?

As rifas entre políticos faise notar. Oín a un que para axudar poñía unha condición: que o presidente se desfixera do socio de goberno .

(Abofé que isto ben merece unha análise para decatarmo-nos en que mans está o pandeiro. Voltarei noutra ocasión).

A cidadanía foi espertando e saíu aos balcón e ás fiestras para recoñecer o arriscado traballo dos e das profesionais da saúde, e pouco a pouco foi chegando a reacción. Algunhas empresas foron facendo aportacións de medios e dúas semanas despois xa se viu un compromiso social a prol de axudar: a gran maioría púxose a facer cousas, e saíu o mellor do ser humano.

Artistas, músicos, cantantes e xente anónima preocupáronse polos cativos que estaban sen escola, polas persoas anciáns que viven soíñas e achegándose aos sen teito. Que mágoa atoparse nas rúas sen ter a compaña dunha familia que os ampare!

O comportamento exemplar desta xente tamén merece un aplauso prolongado no tempo.

Non podemos esquecer.

O meu encerro

Nunha cidade como Vigo con un rural  duns sesenta ou setenta Km cadrados,  con vivendas dentro de fincas nas que podes entreter unha parte do día, o encerro convértese nunha terapia :suavízanse os ruídos e a natureza nesta primavera axuda a levar as angurias producidas polos acontecementos  que os medio de comunicación  nos fan saber.

Encerro na casa verbo nun barco.

O caso do encerro dunha poboación é inédito e porén pretendo achegarme a dura vida das xentes do mar.  En artigos publicados no ano 2017, pódese ollar as entrevistas con xente que navegou en tódolos océanos. (En abril de 2018 está publicado  “Historia dun aventureiro”).  Xa falei da situación desta xente; mais agora podemos facer unha comparación. Como xa levamos algo máis de dúas semanas, e estamos fartos, vexamos o que significa un grupo de  dez ou once homes metidos en espazos moi reducidos (Tomemos como exemplo o “Bernardo Afageme”,  arrinconado na rotonda de Coia -onde antes do polígono estaba o Cruceiro centrado na encrucillada dos camiños-.Nese barco poderiamos ver as condicións en que ían a Gran e a Terranova daquela catorce homes).

No encerro caseiro desfrutamos do que temos e tamén do que nos vai chegando dos mercados,  Ah! E o chan non se move.

A vida nun pesqueiro consiste en traballar a cotío. Os sábados, domingos e festivos non existen. Cada catro horas suben o aparello e descargan o peixe que logo teñen que procesar.  E así até a volta.  Ah!  E o barco nunca está quieto.

Cando penso neles sinto un arrepío . Velaí un grupo de homes nunha illa flotante na que se dan moitísimas historias que eles mesmos calan. “O que pasa no mar, no mar queda”.

Por eles, por todos nós e polos/as que se sacrifican para que a situación mude para ben, o meu aplauso.

O encerro é noso; a esperanza tamén.

 

 

 

Telmo Comesaña   Abril 2020