Ramón Sampedro na lembranza

O móbil deume un pitido de aviso, e de contado deume a nova: (“El País”. La Ley de Eutanasia ha tenido una amplia mayoría en  el Parlamento).

Eu estaba ensarillado noutras cousas e non me imaxinaba o que estaba acontecendo na Cámara Baixa, (lugar onde os representantes da cidadanía se reúnen para promover, debater e aprobar -ou non- as leis que poden mellorar a vida da xente). Que grande é a democracia, meu deus!

A batalla de Ramón durou unha morea de anos. El só pedía poder morrer dignamente: trinta anos deitado naquel leito éralle insufrible. Amoláballe o ser unha carga para familia. Mirábaos traballar e adicarlle a el o tempo que necesitaban pro descanso; e todo iso sen un futuro, nin para a familia nin para el.

Ramona Maneiro

Ramón pediu insistentemente poder deixar aquel corpo inútil que só lle servía para complicarlle a vida á familia. Quería morrer dignamente e a palabra clave era “Eutanasia”. O seu caso deulle a volta ao mundo: dúas películas ilustraron a súa dor; mais non houbo interese para remediar aquel suplicio. Pero non por iso deixou de facerlle fronte a intolerancia, e atopou a axuda necesaria en Ramona Maneiro, que colaborou para que a morte desexada fora cumprida.

Os feitos produciron un “terremoto” sobre todo nas persoas máis achegadas a relixión católica e Ramona foi chamada pola xustiza acusada da morte de Ramón. Ela sempre se mostrou moi enteira: arriscou pero saíu adiante.

Arestora, vinte e dous anos despois do pasamento, Ramón venceu a intolerancia e Ramona ten que ser moi feliz ó ver que a loita pagou a pena.

A sociedade española mudou

E tanto que mudou, e para comprobalo só compre ollar uns anos atrás. Os que se opoñen ó acomodo dos tempos son os mesmos de sempre, e a Igrexa Católica adoita aliñarse cos grupos  máis retrógrados da sociedade: (as veces con grandes manifestacións presididas por bispos e cardeais)

Opuxéronse a lei do divorcio, despois a do aborto  mais tarde ao matrimonio de persoas do mesmo sexo, e porén a lei da Eutanasia.

No fondo a oposición é ficticia; despois de aprobadas fan uso delas con naturalidade. Como xa hai unha lei que  permite –dentro dunhas normas establecidas- xa deixa de ser “pecado” practicalas, tanto o divorcio como o aborto, así evítalles o ter que desprazarse a un país estranxeiro para  solucionar o problema. E mesmo o matrimonio entre persoas do mesmo sexo, solucionou moitos problemas a xente que o combatía.

A sociedade mudou e vai tomando conciencia do seu poder.

Lembro a Xosé Afonso  que nos deixou a canción acaída  (Grândola vila morena terra da fraternidade / “O pobo é o que máis ordena…)

E o pobo español xa ordena que a lei de Eutanasia  se fundamente nos principios dos Dereitos Humanos.

Xaora, deixo aquí un respectuoso recordo para o home que abriu unha fenda na sociedade e que   22 anos despois rematou por rachar a intolerancia.

E unha felicitación para Ramona Maneiro que grazas a ela hoxe iniciamos un camiño de liberdade.

Espero que Concellos, Deputacións, Sociedades Comunitarias e cívicas homenaxeen a estas persoas senlleiras.

 

 

 

 

Telmo Comesaña    Febreiro  2020

A %d blogueros les gusta esto: