Quo vadis Galicia?

“O norte de Portugal gaña en 100 postos en I+D a Galicia, ao rabo de Europa”

“A economía lusa tomou nota da lección  da crise: dende o 2011 o seu crecemento en I+D+i  (investigación +desenrolo +innovación)  sextuplica a da nosa comunidade”.

“De un ranking de 238 rexións,  Galicia está na 190”.

Este é o titular e portada do Faro de Vigo do domingo 30 de xuño 2019.

Magoa coñecer esta situación nunha comunidade que ten de seu, un  parlamento e goberno,  con  estruturas para desenvolver as  competencias  cedidas polo Estado.

Galicia/Galiza, situada no lugar máis estratéxico da península Ibérica, debería ser punteira no desenrolo peninsular; condicións ten para selo: arredor de 1000 Km de costa -exterior e entre rías-, rica en pesca  e produción de bivalvos, pesca de altura e grande altura. O sector pesqueiro  demostra o pulo permanente desta actividade.

Portos de mercadorías diversas: Grandes transatlánticos con miles de turistas; “autopista do mar” entre Francia e Marrocos (dende a plataforma “ro-ro” do peirao de Bouzas con coches e carga diversa); pedra, graneis, contenedores, pesca, etc. (Os peiraos ocupan a maior parte da poboación obreira).

Automoción, aeronáutica; maquinaria, química e téxtil  son referentes. Todos situados na costa, agás Corenen,  os viños do Ribeiro, Ribeira sacra, Monterrei    e pouco máis no interior.

Pola contra, o rural abandonado; despoboándose dun xeito preocupante e, o monte sen control. (Faro de Vigo adoita lembralo nas súas “editoriais” dos domingos: nunha delas dicía: “…os países centro-europeos arranxaron o problema da agricultura hai douscentos anos / en Galicia nin está nin se espera).

As medidas que se teñen tomado polos gobernos galegos son de conivencia para manter un espazo da “costa atlántica”  adicado ao monocultivo arbóreo  e pouco máis.

A agricultura e a gandaría  esmorecen no interior da comunidade, deixando as terras á poula e, os pobos valeiros de xente. Pódese afirmar que Galicia vive da costa e das pensións. Triste realidade.

O que non falta é troula. Ao longo do ano o calendario de festas para entreter a cidadanía é artellado minuciosamente para non deixar ocos prolongados; dunha a outra enchenta  de churrasco, polvo, sardiñas, xurelos, empanadas, tortillas, cebolas, pan de millo ou de trigo, pementos de Arnoia ou Padrón; viño, sidra e, sen esquecer os percebes do roncudo, as ameixas de Carril,  etc. -O espazo non me da para máis. As e os amables lectores/as que poñan o resto-. Pero sen esquecerse da música. Que sería unha trangallada destas sen música e o estoupido duns foguetes!

De festa imos sobrados; a xoldra é o mellor programa do país,  e pares que aos que gobernan este vailles ben, aínda que de cando en cando muden de cor.

Futuro

Moito se empeñan en falarnos de futuro. Un futuro  que nunca chega porque nunca se programa. Galicia  non interesa que medre; así controlase mellor.

Industrializar o campo  é cuestión dunha política  que está por chegar. Temos a terra, as mans e os medios: tres universidades formando técnicos/as para mellorar as sementes e os fertilizantes, mellorar as cabañas, dotar de medios modernos as comunidades, formar ao persoal labrego e gandeiro. Concienciar da importancia do cooperativismo, etc.

A desculpa non pode ser a de que os galegos somos retrógrados, desconfiados e rifamos polos marcos dunha leira.

Esas desculpas para revolucionar o campo galego xa non teñen acougo no século XXI.

 

 

Telmo Comesaña

 xullo 2019

 

A %d blogueros les gusta esto: