Quintana di que a Rede Galega de Centros Sociocomunitarios quer ser un lugar de encontro os maiores

quintana1.jpgA rede está composta por 43 centros como resultado da renovación dos 35 centros sociais e 8 fogares do maior de titularidade autonómica
A iniciativa pretende a apertura dos centros a toda a cidadanía, a democratización dos procedementos de funcionamento e o desenvolvemento progresivo dun catálogo homoxéneo de servizos en toda a rede
O vindeiro 12 de decembro celebraranse as primeiras eleccións aos Consellos de Persoas Usuarias de cada centro, que xunto coas Asembleas Xerais serán os novos órganos de participación cos que se quere garantir que os usuarios e usuarias teñan capacidade de decisión efectiva
O vicepresidente participou nun encontro con preto de 400 persoas que se deron cita no Fogar do Maior de Pontevedra

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, asegurou en Pontevedra que promover e dinamizar a participación comunitaria é un referente de actuación do Sistema Galego de Benestar e indicou que a Lei Galega de Servizos Sociais que xa está en trámite no Parlamento recolle como un dos dereitos básicos da cidadanía o de participar no deseño e programación dos servizos sociais do noso país. Así, situou a creación da Rede Galega de Centros Sociocomunitarios de Benestar como un dos recursos no camiño avanzar nesta participación social.

Quintana explicou en Pontevedra, durante unha visita ao centro sociocomunitario desta cidade, na que participaron preto de 400 persoas e na que tamén estiveron a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, e o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que esta Rede de Centros Sociocomunitarios engloba neste momento 43 instalacións destinadas á prestación de servizos sociais de carácter comunitario, como resultado da renovación dos 35 centros sociais e 8 fogares do maior de titularidade autonómica. Neles están inscritos arredor de 80.000 usuarios, polo que Quintana dixo que agarda chegar aos 10.000. O vicepresidente salientou que a configuración destes centros en rede supón unha reforma profunda que persegue como obxectivos a súa apertura a toda a sociedade, a democratización dos seus procedementos de funcionamento e xestión e o desenvolvemento progresivo dun catálogo homoxéneo de servizos en todas as instalacións. “É bo que a democracia chegue aos centros socioculturais”, recalcou o vicepresidente.

Máis bailes de maiores

Ao longo dun encontro que se estendeu por espazo de hora e media, Quintana responde aos interrogantes dalgunha das persoas asistentes. Entre outras, pedíronlle que a Administración galega faga un esforzo para aumentar o número de bailes para as persoas maiores, así como os sitios habilitados para tal fin. A esta cuestión, o vicepresidente responde cunha exclamación, “non sabe como llo agradezo, porque a min critícanme porque fago e vou a bailes para maiores, e non sabe o bos que son. Canto máis baila a xente, máis contenta está e menos enferma”, explicou nunha resposta que foi moi aplaudida polos asistentes. Ademais, pedíronlle a Quintana a creación de máis centros sociocomunitarios que formen parte desta Rede. O vicepresidente, pola súa banda, explicoulles que nestes tres primeiros anos de lexislatura existía a prioridade de crear centros de día porque non había ningún e agora xa hai 55.

Tarxeta de usuario para todas as idades

O vicepresidente insistiu na importancia de abrir estes centros a toda a sociedade para que sexan realmente centros da comunidade, ”auténticos espazos de convivencia e encontro interxeracional que sexan puntos de encontro non só de maiores, senón de experiencias e coñecementos de galegos e galegas de todas as idades, maiores e mozos”. Neste senso, Quintana explicou que calquera persoa que o desexe, con independencia da súa idade, poderá participar nas actividades e programas que neles se desenvolven, ser usuarios dos centros e ter acceso a unha tarxeta de socio usuario.

Participación efectiva

A transformación pasa tamén, segundo dixo, por unha modificación profunda dos instrumentos de xestión dos Centros Sociocomunitarios, “unha transformación que busca dar un impulso definitivo á participación democrática dos seus usuarios”. Este novo modelo de xestión fundamentase na creación de dous novos órganos de participación en cada centro, “dous órganos que darán voz e voto aos seus usuarios e que pretendemos sexan auténticos instrumentos para que a súa capacidade de decisión sexa real e efectiva”: a Asemblea Xeral de Persoas Usuarias e o Consello de Persoas Usuarias. Estes novos órganos teñen como finalidade fundamental favorecer a participación das persoas usuarias na programación e desenvolvemento de actividades do centro e no seguimento do funcionamento dos servizos que neles se prestan.

A Asemblea Xeral será a responsable de aprobar as normas de funcionamento e convivencia do centro, e o Consello de Persoas Usuarias terá, entre outras funcións, as de deseñar o programa anual de actividades do centro e elaborar unha memoria anual de xestión das actividades realizadas, que despois será sometida á aprobación da Asemblea Xeral. Neste eido, todos os socios usuarios e a dirección do centro formarán parte da Asemblea Xeral e o Consello de Persoas Usuarias será o órgano de representación dos usuarios dos centros e estará integrado por membros elixidos cada tres anos mediante un procedemento electoral transparente e obxectivo.

Catálogo de servizos

Por outra parte, Quintana sinalou que a creación da Rede ven supoñer unha importante transformación, pois o funcionamento en rede suporá a implantación progresiva dun catálogo homoxéneo de servizos, programas e actividades nos centros que a compoñen, procurando o desenvolvemento de actividades que sexan do interese do conxunto da cidadanía e tendo en conta as necesidades específicas dos seus principais usuarios, as persoas maiores.

Neste senso, indicou que se está a levar a cabo unha importante ampliación dos servizos a desenvolver e adiantou que os Centros Sociocomunitarios acollerán progresivamente servizos de información e asesoramento sobre as prestacións e recursos do Sistema Galego de Benestar.

Así mesmo, lembrou que se amplían os programas de dinamización sociocultural e as actividades terapéuticas que neles se desenvolven, favorecendo a creación dunha programación en rede que facilite o acceso a programas de dinamización, atención e promoción social dos maiores como “Coñece o teu país”, “Galiza Natural”, “Turismo Social” ou o “Cachibol”. Esta programación enriquécese ademais co desenvolvemento de Aulas de Prevención da Dependencia e obradoiros terapéuticos e de aprendizaxe de habilidades sociais, así como con actividades recreativas e culturais que favorezan as relacións interxeracionais. Ademais, e de xeito progresivo, iranse implantando novos servizos de comedor, lavandería e podoloxía naqueles centros que conten cunha maior demanda.

Quintana explicou que estes cambios nas actividades e programas complétanse coa ampliación do horario de apertura dos centros nas xornadas de fin de semana desde as 9 ás 21 horas naqueles centros que unicamente viñan funcionando nos días laborables, de xeito que todos funcionen un mínimo de seis días á semana.

Todo este conxunto de cambios, segundo dixo, permitirá abrir os centros a toda a comunidade, ampliar e reforzar a prestación de servizos de benestar no noso país, optimizar o emprego destes recursos, infrautilizados en moitas ocasións, ao tempo que se reforza o protagonismo social das persoas maiores, os seus principais usuarios.

A %d blogueros les gusta esto: