Praias de Alcabre

Para Alex con agarimo

Non hai como ter anos e boa memoria para refacer espazos da vida. Esta escrita sáeme porque na clase de viaxeiros, a profe ofreceunos unha historia das praias de Alcabre, engadindo fotografías da zona; pareceume moi interesante e decidín aportar o que eu lembro ó respecto e, velaí vai.

A estrada Citroen – Porto é a división xeográfica entre as parroquias de Bouzas e Alcabre polo Leste.

Barrio de Roade

Conservera Justo López ValcárcelA liña de costa –pragada de historia- dá comenzo na Praia de Fontoura; os movementos de mareas provocados polo recheo e o paso do emisario de borde de Ría, provocaron a perda do areal. No lugar onde se atopa a urbanización Sotavento, asentábase a conserveira de Justo López Valcárcel. O peixe chegáballe por mar (conservase moi modificada a rampla por onde os mariñeiros subían coa materia prima recen pescada). A saída da mercadoría e tránsito do persoal era pola Avda. Atlántida (daquela, estrada sen nome). O desnivel entre fábrica e estrada era considerable, tanto que na entrada -dentro do gran portal-, tiña un disco que suliñaba un (12 %), e iso que o camiño ía facendo zigzag. Eu cando empecei na escola pasaba por alí tódolos días e aquel letreiro vermello e branco cos números en negro chamaba a miña atención. Tardei moito en entendelo.

Lembro os camións que saían dalí subindo moi amodiño; parecían vellos, de cor escuro. Entre a cabina e a Caixa tiñan uns depósitos e as caixas da conserva ían ó descuberto. Máis tarde souben que por falta de gasolina aqueles camións andaban con carburo e dixéronme que aqueles depósitos eran onde se producía o gas que substituía a falta de gasolina.

O camiñar dende a Garita até Bouzas era unha parte do aprendizaxe escolar; a xente que ía os traballos falaba de cousas que eu non sabía, e aprendín moito deles e delas.

Na nave que se ve na zona alta do remonte había unha fábrica de fariña de peixe; coñecina traballando, porque nela facía garda meu avó despois de retirarse do mar. Ía coa miña tía Pura a levarlle a cea; eu fixábame naquela transmisións de correas que movían os muiños. O peixe eran cabezas e espiñas secas. Despois convertérona nunha fábrica de curtidos; na parte baixa había unha fonte dun manantial subterráneo que tamén desapareceu.

O edificio da dereita (hoxe de Manuel Fernández de Sousa -Faro), foi fábrica de conservas e salga. Parece ser que tivo máis dun dono, pero eu coñecina como “a de Cardona”: conserva –polo Leste- o atraque dos barcos que descargaban o peixe. A finca tiña un xardín moi importante con arbustos, camelios e dúas grandes palmeiras. Cando deixou de producir quedou vivindo alí o encargado, Benigno Torrado, que viñera da Pobra do Caramiñal; casou con Pepiña e fundaron alí a súa familia. Despois deles foron vivir alí Paulino Freiría e –a miña curmá- Locha Álvarez Comesaña, filla da miña tía Cecilia irmá de meu pai. Paulino finou naquela casa, e Locha coas cinco fillas foi vivir un pouco máis arriba; ela finou aos noventa e catro anos cunha memoria excelente.

Praia de Carril

Playa carril alcabre Vigo

Coñecida durante anos como a primeira de Alcabre. Era a máis popular porque ó non haber medios de comunicación, a xente de Vigo chegaba a Bouzas no tranvía, e logo camiñaba pola Praia de Bouzas e Fontoura. Carril estaba ben dotada: casetas de baño, aros para ximnasia e unha cantina con música dun pik-up, e pista de baile, só na tempada de verán.

A area era tan branca que se vendía en -tépedas saquetiñas de saco- polas vivendas da cidade para fregar as cociñas de ferro e outros usos domésticos: ese labor diario facíao unha señora que cargaba a un sufrido burriño. Era coñecida pola “areeira”. (Vina moitas veces pola rúa do Príncipe anunciando a mercancía “arena fina de la playa de Alcabre” berraba para facerse oir) . Outra característica da Praia era a riqueza marisqueira; moitos bruños saíron dalí.

Achados arqueolóxicos

Nas reformas que fixo Xosé Fernández ao comprar “Cardona” apareceron restos arqueolóxicos. Cando se abriu a gabia para o emisario -na parte da finca de Sensat cedida ao Concello, hoxe hotel Los Escudos-, apareceu unha vila romana que obrigou a facer un bay-pass para non estragala.

Co recheo mudou o areal de Carril trasladando a area do Leste ao Oeste, deixando ao descuberto dúas columnas xónicas -coido que están en Castrelos- e os cables coaxiais dos Cables Inglés e Alemán, que ían á terminal de Roade, uns cen metros máis arriba. (A casa consérvase reformada, e nun lateral mantense a placa identificadora.

A finca “Miramar” .

Hotel Pazo Los Escudos - antigua finca miramarEra onde vivía dona Amalia Curbera –despois pasou ó seu fillo Xavier Sensat Curbera-. Perimetralmente pechada de pedra, con casa pacega e outra para os caseiros. Tiña auga de manantial represada para rega e uso doméstico e industrial. A vida estaba arredor dunha vaquería con vacas suízas e un semental; nun establo -anos luz- do común que había por aquí. Quizais fose a máis importante de Galicia. Un caseiro coa familia (señor Camilo e a súa dona señora Carlota, tiñan catro fillos: Julio, Nocho, meu coetáneo, Javier e Pepe.Os tres primeiros xa finados. Máis tarde tiveron dous mais cos que eu xa non me relacionei. Eran boa xente e moi amigables e iso permitiume coñecer moi de preto a finca e as instalacións leiteiras.

A venda da produción leiteira faciana na tenda que tiñan en García Barbón nº 6. Diariamente o señor Sotero coa cabeza cuberta cunha viseira e unha fusta na man conducía un carro especial para o traslado das botellas de cristal tirado por un cabalo tordo. Cabalo e cabaleiro estaban tan identificados que o señor Sotero sentado no pescante só lle dicía, Tordoo deixándolle case suavemente a fusta enriba do lombo. O animal votaba a andar ó ritmo de sempre (hoxe diríase: como si estivese programado). Na andaina até Vigo quen máis o sufrían eran os tranviarios que tiñan que acomodar a marcha á do cabalo.

O PXOM do 1993, cun acordo entre o Concello e a propiedade, fixeron un troco de superficie por edificabilidade, pasando a público 21.000 metros cadrados da finca. Con esta actuación puidéronse derrubar os muros e darlle máis amplitude e vistosidade a Praia. Foi un intenso traballo da Asociación veciñal Nosa Terra de Alcabre.

Telmo Comesaña marzo 2019

Un comentario sobre “Praias de Alcabre

  • el 24 de marzo, 2019 a las 12:57
    Permalink

    Gracias Telmo. Gracias a tí revivimos un pasado fascinante de esta parte de Vigo, tan lleno de historia y gentes valientes. Un abrazo. Alex

Comentarios cerrados.

A %d blogueros les gusta esto: