Pensionistas
Dende hai algún tempo oímos falar das pensións, e o colectivo de pensionistas está preocupado; normal, eu tamén.
Os que manexan os fíos do poder neste país, veñen movendo os monecos do escenario político e aos medios de comunicación co “mantra” das pensións: que si baixan, que o sistema non se pode manter, que si a solución é ir aforrando aínda que sexan dous euros ó día (era o remedio da Sra. Villalobos que leva media vida chuchando do público), que si o goberno afundiu o peto dos cartos de reserva das pensións…etc.
E a xente ponse nerviosa e entra facilmente polo rego que nos fixeron: como si foramos un rabaño de mansas ovelliñas que entran no curral. E a xente fala, incluso admitindo que “si o din eles, será que é certo” e resignados axeónllanse diante do poder que os manexa. Mágoa!
Tamén hai quen se alporiza e discuten alí onde se atopan: taberna, cafetería, ximnasio ou nos camiños. Conversas perdidas, o mesmiño que o ruído dun foguete un día de festa
Van aló sete anos que están a xogar connosco. O mes de xaneiro é cando se lembran de nós para anunciarnos que temos unha suba do 0.25%, anunciado cunha carta da ministra Fátima Báñez -con fondo político, e porén mentireiro- e outra máis técnica da directora xeral Paula Roch Herrera.
O tema nas redes
Atendendo a unha chamada que circulaba polas redes que trataba de devolvelas sen abrir ó emisor, co gallo de demostrar o rexeitamento de tal repetida burla. Pero como non lembraba as dos anos pasados, abrín o sobre e dispúxenme a sufrir, e velaí que decidín reflexionar sobor do tema en cuestión.
Carta da ministra
A carta, breve no contido; ben espaciados os parágrafos e con expresións cargadas de demagoxia –algunhas insultantes e outras falsas-. Dirixidas a un colectivo de homes e mulleres que xa fixeron o seu percorrido polo mundo do traballo e esperan a consideración que merecen.
O contido deixa ver o desleixo co que somos tratados os pensionistas: nalgúns casos con superioridade e altivez, propio de xente que asume función de asuntos ao presidente do goberno, e dicir: postos a dedo e descoñecedores do mundo do traballo. Eles e elas son fieis ó sistema e teñen a vida asegurada na política -moitos deles non valen para outra cousa-. Irán dun ministerio ao Parlamento ou ó Senado, a Europa ou a unha empresa por aquilo das portas xiratorias.
Recollo algunhas frases que merecen unha reflexión
-”Estimado pensionista”.
-1)”Grazas á solidariedade e ó esforzo de tódolos españois” (…) “Avanzado na senda da recuperación e crecemento…”
-2) “Un período no que se crearon máis de 600.000 empregos” (refírese ao ano 2017)
-3)”Temos que seguir a traballar nesta dirección, salvagardando os valores que nos fan sentir orgullosos do noso modelo, sobre a base da súa sustentabilidade e o seu perfeccionamento”.
-4)”Queremos trasladarlle a nosa gratitude e recoñecer tamén a comprensión que os pensionistas demostraron” (…) “Agora ben, a intensa creación de emprego que lidera hoxe o noso país supón unha garantía de presente e de futuro”.
– “Reciba un cordial saúdo e os meus mellores desexos para o 2018”
O saúdo e a despedida –protocolarios- non me merecen comentario algún. En canto aos apartados 1, 2, 3 e 4, si que merecen un comentario:
-1) Non aturo que as pensións sexa cousa da solidariedade, porque son dereitos (artigo 50 da Constitución). Posiblemente vostede non a coñeza, e si a coñece trata de enganarnos. Non somos parvos, somos vellos. Vostede non queda moi ben nin tampouco quen a mantén no cargo. Os dereitos non son esmolas, son froito do traballo de moitos anos e das aportacións a Seguridade Social, no meu caso (50 anos de traballo e 48 de cotización).
-2) A creación de 600.000 empregos, é unha falacia. Sendo os empregos dun día, dous, tres…unha semana…un mes etc. significa que xornadas traballadas pódense reducir a metade.
-3) Neste punto a ministra riza o rizo; e fálanos de salvagardar os valores que nos fan sentir orgullosos …
Os valores fóronnos arrincados cos cambios do modelo de traballo e de convivencia social (a Lei Mordaza, a Lei de matrimonio homosexual – recorrida no Constitucional-, o incumprimento da Lei da Memoria Histórica, o recoñecemento das vítimas do franquismo, etc. Asemade, as chamadas do relator especial do Departamento para os Dereitos Humanos da ONU, incumpridos.
-4) Sra. ministra, equivócase; non ten nada que agradecerme, porque eu non tiven nin teño ningunha comprensión (neste caso vostede fálame en plural e sinto ter que contestarlle no mesmo xeito): saiban vostedes que os pensionistas non temos nada que agradecerlles. Si criticarlles que nos enganen e nos mintan.
A vostedes véñenlle moi ben as liortas de Cataluña para enmascarar a desfeita deste país e o despilfarro do diñeiro das pensións e doutras necesidades do pobo. Non esquezan que están para servir a cidadanía (artigo 1.2 da Constitución)
Vostedes xa non falan dos paraísos fiscais, nin dos retiros dos banqueiros dos bancos arruinados que houbo que recuperar; tampouco lles interesa falar do tremendo escándalo de saqueo das empresas públicas e privadas; dos desfalcos das autoestradas, e un largo etc.
Sra. ministra, non sinto ningún aprecio por vostede nin en singular, nin en plural; o que si espero é que recapacite.
Telmo Comesaña febreiro 2018
Como siempre moy ben Telmo lástima da sordera a quen vay
dirixida.
un saludo
O