Peche de librería

ANDEL do libro galego e portugués

Anuncio peche Librería AndelOs irmáns Xaime e Concha Nogueira Méixe dan por rematada a andaina de libreiros en Vigo. Mágoa!

A triste nova apareceu na prensa do venres 22 de febreiro, e dicía así:

A última gran librería de textos en galego, Andel, anuncia o seu peche.

Os responsables do espazo fundado no 1997 farán liquidación ata o 30 de marzo.

LibrosTriste, moi triste a desaparición desta ágora da palabra e da cultura, onde todos tiñamos acollida: presentación de libros, conferencias, mesas redondas, debates, poesía, música, etc… Outro golpe máis a cultura nesta nosa cidade na que non quedan espazos para o desenvolvemento cultural. Coa desaparición de Caixanova e as restricións do Concello, burocracia e pagamento, faise moi difícil manter actividades culturais.

O cambio dos tempos

Todo muda rapidamente, certo; a lectura de libros diminúe –penso eu-, por varios motivos: un deles é a rapidez que lle imprimimos a vida. Ler un libro custa tempo -aparte de que compre mercalo- ocupa espazo e faise incómodo levalo connosco. Un dispositivo é moito máis pequeno e fácil de levar no peto, e, nel pódese dispor de toda a información que se queira: cámara, fotos e vídeos; Internet, correo electrónico e mapas; reloxo, teléfono, calculadora e, un sinfín de aplicacións que fan deste aparello unha peza insubstituíble para o desenvolvemento do día a día.

Redes SocialesAs redes sociais están tan introducidas na sociedade que non deixan espazo para o desfrute de ler un libro; pasando dunha á outra folla, sabendo que naquela peza traballou moita xente: autor ou autora, persoal da Editorial, debuxantes, impresores manexando máquinas papel e tinta, todo un proceso de organización, medios e obreiros, libreiros e persoal que os achegou ás librerías e bibliotecas. Moita vida arredor dos libros. Toda esta xente merece o noso respecto e admiración por traballar a prol da cultura.

A sociedade que conformamos os habitantes dun pobo, dunha cidade ou dun país, precisamos de espazos públicos para que a liberdade, igualdade e fraternidade poidan ser unha realidade.

Si, é certo; non podemos parar o reloxo do progreso. Ao través dos séculos os cambios son fáciles de ver: dende que a escritura se facía con plumas de ave, pasando logo ás metálicas e máis tarde ás máquinas de escribir o proceso foi lento. Mais no século XX coa introdución da informática e os ordenadores, o cambio é exponencial. As novas tecnoloxías mudan o mundo dun día pro outro, e nós non nos decatamos que tamén temos que mudar para poder acomodarnos os ritmos que marcan os tempos. E cústanos moito, si señor!

Lectura de un libroO mundo dos libros e dos libreiros vai esmorecendo, quedando no esquecemento, pasando á ser pezas de museo para as vindeiras xeracións.

Pódese facer máis lento e ordenado ese tránsito? Coido que si. Depende de varios factores, entre eles, da resistencia da sociedade e dos gobernantes que a cidadanía escolla para ser gobernada.

A cultura precisa ser apoiada como un dos fundamentos esenciais para o avance social dos pobos.

Só me queda darlle-las grazas e unha fraternal aperta -sempre cos meus mellores desexos- a Concha e a Xaime.

Telmo Comesaña marzo 2019

A %d blogueros les gusta esto: