Parroquias e barrios. Lugares de encontro (VII)
Sigo co meu compromiso de comentar vivencias e episodios que a xente maior sufría, -inconscientes úns, e pola contra outros disfrutaban-, mentras os adolescentes íamos levados pola inercia que marcaba o sistema sin que os nosos maiores puderan remedialo. O silencio era a maneira de protexerse e protexernos.
Nesta situación de terror, cando as cárceres seguían cheas de xente, os campos de concentración aínda seguían activos e o exilio era abrumador, os depurados sen traballo (moitos desterrados acusados de non ser fieis o “Alzamiento Nacional”), a Igrexa Católica facía o traballo asinado de control da sociedade, e porén, hoxe ocúpome dos
Novenarios
Todolos meses do ano eran motivo de festexar algunha divinidade dun xeito especial.
-Xaneiro. San Amaro o día quince; misa adicada porque tiña moitos devotos. Sandaba moitas cousas, pero mellor era achegarse a Matamá, que alí ten capela propia.
-Febreiro. As Candeas e o San Brais, (que sandaba os malciños da gorxa)
. Despois do entroido, “fiestas paganas promovidas por el demonio”, viña o mércores de cinza. Íamos a misa e o cura fácianos unha cruz na frente con borralla, que o sancristán levaba nunha bandexa e, lembrabanos que eramos pó, e en pó nos convirtiriamos,”polvo eres y en polvo te convertirás”, e saíamos dalí coa frente emborrallada e o medo no corpo.
Empezaba a cuaresma, tempo de dor; Xesús de Nazaret, pasa corenta días na horta das oliveiras; compre rezar, facer xexún e abstinencia e pagar a bula.
O día do Nazareno era especial: en Alcabre pídense “as tres gracias” (instituidas na igrexa de San Francisco polo cura Emilio Álvarez Martinez “Reisiño”). Mentras viviu este persoeiro as tres gracias convertíase nun acontecimento social. En Alcabre o Nazarino tiña moita sona e aproveitábase o exemplo de Vigo.
-Viña marzo e a seman Santa xa era o remate: xoves pola tarde, venres e sábado eran días de moita dor e moito aburrimento. Non tocaban as campás, nin había cines nin bailes, todo era tristura e procesións, misas e sermóns, porque os xudeos mataran a Cristo, por culpa dos nosos pecados.
Todo medio de diversión estaba pechado, pero sempre había un desafogo , as tabernas e os prostíbulos estaban a plena actividade –neste caso xa estou falando dos anos cincuenta—
-Abril non tiña nada especial pero maio xa era adicado a Virxe, – o mes das frores a María- -era un xeito de desvirtuar os maios—
Era o mes das primeiras comunións.
-Xuño era o mes do San Xoán –festa mais ben lúdica para tapar o sosticio de vran-, San Paio, a primeira festa da veciña Navia.
-Xullo, mes de festas lúdico-relixiosas, -dándolle sempre máis valor o relixoso-. O lúdico era o desfogue da sociedade. A festa de Santa Olaia caía no segundo domingo de xullo, a anterior era Coia, a posterior Bouzas, e o día 16, o Carmen en Coruxo .
-Agosto e setembro eran máis tranquilos.
-Outubro tiña a Cristo Rei. Naquela novena tamén viñan predicadores para darlle pulo a figura homenaxeada: era unha imaxe de Xesús co corazón fora do peito: a imaxe era voluminosa e, o corazón vermello resalta enriba del, -parecía verdadeiro- ,e estaba de frente aos fregueses; cando predicaban facíannos ver que Dios entregara ó seu fillo para redimirnos dos nosos pecados, e él, entregábanos o corazón, e a vista ía deica a imaxe que seguía coa mirada perdida, e nos…pampos porque tomábamos por certas as metáforas coas que nos adormecían as infantís conciencias.
Lembro un cantar neses actos relixiosos: “Tu reinarás y el mundo entero / te rendirá tributo y honor / y a la impiedad en su orgullo fiero / aplastarás rey vencedor / reine Jesús por siempre/ reine su corazón / en nuestra patria en nuestro suelo / es de María la nación…”.
Remataba o domingo con misas e comunión. A mediados da semana viña o predicador a escola e o sábado todos, -como un rebaño de añiños-, a confesarse e ter a alma limpa para recibir a eucaristía.
E así acontecía en todalas novenas.
-Novembro xa era tempo dos defuntiños, tempo de tristura, responsos no cemiterio, misas e rosarios que aliviaban as penas das almiñas que penaban no purgatorio. Os días de defuntos tocábanse as campás, a morto, (dúas badeladas da campá grande unha da pequena) toda a tarde e parte da mañá.
-Decembro xa era outra cousa: a Purisima Concepción o día oito, Santa Olaia a vella o día dez e despois a natividade. As prédicas axustabanse a chegada do Neno Deus, e despois de cada acto, (misa ou rosario) viña o bicarlle os pes ó recén nado. Para tan importante mester a xente axeonllábase a entrada do presbiterio e o cura, ía pasando aquel monequiño deitado nun cestiño- moi adornado coas pequenas sabas bordadas nas que se agochaba. A xente bicaba a figura, e logo pasábanlle un pano no lugar onde foran pousados os pecadores beizos.
Os rapaces e rapazas íamos todos, -para algo estaban as catequistas-, as mulleres e algún homes: lembro miralos na cola coa gorra na man a axeonllarse sumisos.
Telmo Comesaña abril 2017