Parroquias e barrios. Lugares de encontró (IV)

Museo do Mar e praia de Mourisca (antigo Matadoiro Municipal)

Seguindo o meu compromiso, hoxe escribo sobor da vida no Muiño do Vento e de Roade.  No Muiño do vento o lugar de encontró estaba na tarefa diaria do Matadoiro Municipal, que xuntamente coa conserveira “Pituliña” , os pescadores da zona e as tabernas, dabanlle vida ó barrio. Na tempada de vran complementabase  con algunhas familias que tiñan casa propia e pasaban  alí os meses de máis calor.  Coido que unha das familias eran parentes do administrador do Matadoiro.  Ramiro Rodríguez  e a súa dona, Amalia Lucio, tiñan unha ampla familia,  sete homes e dúas mulleres : Ramirito, Quica, Tetené, Veliña, Chú, Milín, Boro, María del Carmen, Trinidad,  Amalia e, a pequena que xa non coñecín.  Tamén pasaba alí o vran unhha familia alemana, na casa na que despois tivo a taberna a familia Calvar na Praia do cocho.

Chuchete e Ismael camiñan deica o Matadoiro (Vigo por MagarII.jpg

Matadoiro

O barrio era de poucos veciños, pero a actividade sobor de todo polas mañáns era moi intensa. Ó matadoiro chegaban: xente con animais para o sacrificio, carniceiros, matachíns, veterinario, peóns, escribentes, camións para levar a carne, curtidores a polas peles e tripas, xente que ía a tómalo sangue, (persoas anémicas e outras pra levar)   e carreeteiros a polos excrementos intestinais para estercar as terras.

Conserveira

Na conserveira “Pituliña”  cando chegaba peixe  para procesar: bonito, sardiña, xouba, alcrique ou chincho, tamén se poñía en marcha un colectivo de mulleres, dirixidas polo encargado, Sr Eugenio “O Masado”, o fogoneiro, Sr Amadoro”O Patuxo”,  o toneleiro, Urbano “Ñero”, e o escribente Antonio. A chamada do persoal anunciabase polas longas pitadas da sirena.  (Do mesmo xeito que o facían todalas fabricas)

Familias mariñeiras

Os maiñeiros eran outro colectivo máis reducido pero coa vida familiar alí asentada. O traballo desta xente era compartido polas familias: uns pescaban e outras vendían,  e a vida desenrolabase  ao aire  libre. Lembro ó Sr Andrés  “O Ghanso”  e a súa dona Sra  Ramona, que tiña unha traíña co nome de “Vai de varanda”,  e vivía no barrio coa familia; ó  Sr Manuel  “O Faneca” e a súa dona Concha, con outra traíña, “Concha”, que fixera Antonino  “O Cubelas”  no seu taller en Roade, e tamén vivían alí cos fillos. Lucho e Delmira;  o Fermin e a súa dona  Carmela, con outra traíña, tamén vivían alí coas fillas, Mucha, Rosita e Margarita; e algún outros con gamelas ou chalanas. Mariñeiros tamén eran, José “O Ghato” e a súa dona Maruja coa filla Margarita; da familia Pardavila, non coñecín o home,   pero si a señora María, matriarca con oito fillos, catro mulleres e catro homes, Carmen, Ramona, Juanita, Pilar, Manolo, José, Carlos e Salvador. Os homes mariñeiros, algúns na pesca de altura. Os que tiñan barco propio con algún outros formaban as tripulacións e pescaban dentro da Ría, ainda que coas traíñas xa saian ata as illas Cíes e  Ons.

Un pouco separada estaba a casa do Sr Antonio Campos “Borralleiro”  e a súa dona Josefa Comesaña. Él era o sancristán da parroquia. Lembro o nome dos fillos: Agapito, Encrnación, Eduardo, Belarmino, (coñecido por Pedro), Nel, Palmira e Xoaquín. Tiñan un bote que varaban na Praia, ao carón da casa. Cando meu avó Eusebio se retirou do mar, 1941, andou con eles  a pescar, naquel bote o “medio mundo”- arte de pesca-.

No bar Arenas. casados e solteiros coas madriñas1950, dispostos a xogar o fubol

Vida social e lecer

Nos tres núcleos, Cruceiro-Barreiro, Sobreira-Viña Grande e Roade era onde os homes se  concentraban ás tardes dos domingos a “pasalo rato”: xogar a chave, ás cartas, o dominó ou a falar …de todo menos de política, iso quedaba reservado para os do partido único.

Roade era diferente;  tiña vida social a cotío. Ó ser o barrio menos rural a xente dispuña de máis tempo libre e os bares eran frecuentados durante a semana.  O Perucho na mesma Avda Atlantida era moi concurrido , agora ben, o Arenas, -da miña tía Cecilia- no camiño de Roade que baixa a Praia de Carril, era un lugar senlleiro, porque ademáis de ter tiro de chave e un patio amplo, tiña a súa sede a peña “Cochinal”, moi renombrada polas actividades papatorio-deportivas. Estes tiñan entronizado un porquiño de madeira feito por mans artesans.

Alí tamén se comían os mellores callos da contorna.

Ó cura da parroquia non lle gustaba aquela vida <con prácticas paganas>  e de cando en vez, na misa dos domingos facía unha critica daquel lugar pouco exemplar, e daquela xente que só procuraba encher o bandullo. <como los cerdos en la piara>.

Abofé que nin os meus tíos, nin a xente que alí paraba eran dos que lle botaban “auga polo rego” ó cura.

O bar tamén era coñecido polo “ bar do demo”, porque na porta da vivenda  –primeiro andar-, nun pano da porta estaba tallado nun alto, o demo cos cornos con unha fisga de tres dentes e arrodeado de lapas, e barnizado cunha cor escura. (Unha obra de arte do ebanista Severino Alonso “Fedellas”, de San Paio de Navia, tiña o taller en Bouzas, coido que na rúa  Poeta Añón.

Isto tampouco lle gustaga ó cura, pero tiña que roelo.

O Bar Arenas, daquela podía considerarse o Casino Obreiro.

A estes núcleos achegabanse os titiriteiros coas súas obras de teatro ambulante. Coñecinas diante da tenda de Delfina e no Cristo. Eu estaba na casa da miña avoa Mamalina, -a nai de meu pai- e algún curmán meu me levou; somente lembro os pallasos e a cabra que subía por unha escada.

Seguirei facendo rebulir a miña memoria e dala a coñecer aos que se acheguen a esta Revista.

Quedan moitos “fios soltos” coa idea que os/as lectores poidan ampliar os artigos.

Telmo Comesaña    marzo 2017

2 comentarios en “Parroquias e barrios. Lugares de encontró (IV)

  • el 16/03/2017 a las 12:10 pm
    Permalink

    Moitas gracias Telmo por compatir estes recordos con todos nos ,moitos xovenes alcabreses descoñecen a historia da nosa parroquia e de todo o que aconteceu nela,un abrazo de teu amigo Javier Costas dende Murcia.

  • el 19/03/2017 a las 6:08 am
    Permalink

    Gracias querido Telmo por tu Obra. Ni te imaginas las preciosas emociones que has despertado en mi.
    Me has echo llorar de alegría, de cariño…..Formidable!

Los comentarios están cerrados.