Parroquias e barrios. Lugares de encontro (III)

Seguindo co meu compromiso de escribir sobor dos lugares de encontro, hoxe refírome as tendas nos tempos da fame máis extrema. A desfeita da guerra e o ailllamento ó que España estaba sometida, a vida facíase insufrible e as “novas autoridades” puxeron en marcha, en maio do 1939 o racionamento de víveres, que durou ate o ano 1952, e foi como unha de tantas torturas daqueles anos.

Reparto de víveres

Todo estaba racionado e chegaba despois de anuncialo na prensa. Nestito “Paví” era o repartidor do Faro de Vigo, e chegaba polo Cristo a iso das cinco da tarde pregoando, -tan forte como lle daba a súa vella e cansa gorxa-, según os artículos dos que se tratare, por exemplo: “reparto de aceite, azúcar y arroz”; a xente arrimábase para saber si era verdade e si o reparto se facía en todalas tendas. Algunhas comprábanlle o xornal que, ainda que había que págalo tiña outras aplicacións. -Hai que pensar que daquela non había papel hixiénico- Ernestito percorría os barrios na contorna do Cristo, chegaba ata a Ameixeira, e unha vez rematado o circuito de Alcabre camiñaba a San Paio de Navia coa mesma encomenda, e podíalo atopar –xa sen folgos-, ás dez da noite, chovera ou ventara, de volta para Bouzas. (Un home peculiar que deixo para outra ocasión).

O regulador era a “Comisión General de Abastos”, que repartía as “cartillas de racionamiento” con cupóns relacionados co articulo a expender:- (un boliño de pan diario. Semanalmente: 100 gr. de sucre, 100 gr. de garbanzos 1 Kg de patacas, 200 gr de xabón…e asi co aceite, lentellas, bacalau, tabaco, e as veces touciño. Era raro a carne, ovos ou demais productos necesarios).

A finais dos corenta ou principios dos cincuenta empezou a chegar carne refrixerada e leite en pó da Arxentina, que aliviou a falta de leite nas crianzas.

O xornal satírico “La Codorniz”, de Álvaro de la Iglesia, para denunciar a marcha do aceite de oliva para America do Norte, escribía : “olivavá/sojaviene”. Este xornal era dos máis censurados, e sábiase porque o espazo figuraba en negro.

As cartillas eran persoais e de tres categorías, en función da distinción, da saude e do traballo. Era preciso solicitalas, e aí empezaban algúns problemas: certificado do alcalde de barrio e do cura; nalgúns casos da Garda Civil. Eis, o control da socidade!

As tendas entregaban os víveres a cambio do cupón e o pagamento establecido.

Todo isto facía que nas tendas se producisen colas para retirar o seu cupo.
Os víveres eran tan escasos e ruíns que a xente tiña que buscar vida alí onde podía: traballar ó xornal nas casas con terras, a mantido ou con almorzo e merenda e uns cartiños, recollendo piñas dos piñeiros e vendelas, rabuñar polas pedras das praias o que podía. A xente que non tiña un pouco de terra non tiña nin pra encender un lume, porque ata a leña escaseaba e a que había a vender tiña que pagarse e o carbón era artigo de luxo.
O boliño de pan era negro e tan ruín que co miolo facíase unha pelotiña que tirada con forza ó chan saltaba ata o teito. Dicían que era de algarroba.

Entre os rapaces, na escola nacera o troco; trocábase un anaco de pan de millo por un trompo, ou unhas bolas ou un libro. Eu troquei pan de millo –que cocía miña avoa Peregrina-, por un libro de letura con letra inglesa e diferentes formatos; ó libro faltábanlle as tapas, máis eu amañeino e fixenlle unhas de cartón e un trapo e pegueinas con un bulbo dunha planta moi común. O libro titulado Europa, foi o que din na escola como libro de letura.

O muiño

Este era outro lugar polo que pasaba moita poboación porque a xente que ía a moer esperaba pola maquía, -non fora a ser que a fariña voara e, compría estar atentos- , asemade viñan persoas a comprar por si alguén vendía algunha de estraperlo ou algún troco. Ao carón estaba o barbeiro, paisano simpático e contador de contos e histórias; e aquel lugar do Cristo era un fervedeiro cando coincidía a saída da escola das de Pontefino, a xente de San Paio de Navia de volta dos traballos e a que se achegaba a tenda-taberna-estanco, da Sra Rosa a do “Con”.

Estraperlo

A loita por subsistir levou a xente –sobor de todo mulleres- a desprazarse a fronteira de Portugal á procura de todo, porque todo faltaba, non só alimentos, tamén fio para coser, roupa, xabón, etc. Aquelas mulleres arriscábanse a que os carabineros as detuveran e lles decomisaran o que traían; hai relatos de moitas que foron maltratadas, detidas e roubadas, pero co que traían e vendían, moita xente saía da penuria e elas sacaban a diante ás familias.

Outro mercado negro era o cobre que iso estaba a outros niveis. Moita xente se enriqueceu a conta da fame. Xente sen escrupulos con cargos oficiais, que abusaban da súa posición, moitos deles enchufados por ser “fillos” do novo réxime, que humillaban aos perdedores cando precisaban dalgún documento.

Nalgúns casos funcionaron os “Pactos Rectos” deixando a familias tiradas.

O Pacto Recto consistía nun préstamo de diñeiro poñendo como aval un terreo ou casa, e fixando día e hora para devolver o préstamo. Chegado o día do vencemento o prestamista ausentabase e ó día seguinte presentabase na xustiza reclamando o bén por falta do pagamento da data fixada.

Había xente que recurría a estes avaros cando se miraba apurada por unha enfermidade ou algo moi grave.

Inxenio

España andou un século pra atrás e a xente utilizou o inxenio. A falta de aceite suplíase coa graxa dos peixes: xurelos, beretes, sardiñas, etc. O aceite era un dos productos mais caros: no ano1947, un litro de aceite de estraperlo custaba 14 duros, e o soldo dun traballador era de 15 pesetas diarias, ou sexa, preto de cinco días de traballo.

Cando se fretía patacas ou peixe con graxa, había que comer rápido, porque a graxa callaba e quedaba apegada ao peixe.

Lembro a miña nai facendo xabón coa graxa do peixe e sosa cáustica.

-Continuarei coas miñas vivencias.
Telmo Comesaña Marzo 2017

3 comentarios sobre “Parroquias e barrios. Lugares de encontro (III)

  • el 12 de marzo, 2017 a las 14:46
    Permalink

    Desgraciadamente, esto que cuentas de los usureros, continúa aún hoy en día.
    Últimamente, ha habido denuncias de estafados por los “préstamos rápidos”, varias muy comentadas, porque cuando los deudores querían devolver el dinero a los usureros, éstos desaparecían, no contestaban al teléfono y no tenían una dirección donde localizarlos.
    Sobre esto, trató uno de los programas de Gloria Serra en la Sexta.
    Gloria.

  • el 12 de marzo, 2017 a las 23:12
    Permalink

    Polo que ti me dis ben se ve que non cambiamos as mañas. Basta que aparezan as necesidades para que xurdan os explotadores. O que doe é que esploten a pobreza.
    Si miramos arriba decatamonos de que canto máis poder e máis riqueza máis ladróns. Que asco de sociedade, non eh””

  • el 19 de marzo, 2017 a las 5:04
    Permalink

    Moi interesante o teu Traballo D. Telmo. Graças Sr. Comesaña Pampillón.
    Abrazo grande y reconocimiento dunha Teniente de Coia.
    (Filla de alguén que ben conoces)

Comentarios cerrados.