Parroquias e barrios. Lugares de encontró e vida social (II)

Daquela, non había medios de transporte, nin supermercados, nin tendas de mobles, nin de outros aparellos necesarios para o desenrolo da vida cotiá. E xa que logo, vivíase do que se producía e do que chegaba racionado ás tendas de ultramarinos, sendo os traballos artesanais e o campo a forma de subsistir.

Camiño pos traballos

A vida desenrolábase  no ir e vir polos camiños e corredoiras: homes e mulleres pos traballos.  Eu saía da casa, na Garita, e na Viña Grande xa estaba esperándome Andrés Román e outras veces o cuñado Antonio Pardo, (estes dous homes, independentemente un do outro, faláronme de meu pai, de como era, dos chistes que lles contaba,de que levara a eletricidade o barrio da garita, da boa relación que tiña coa xente, e…) Pouco máis adiante asociabanse outros que ían pra mesma hora; seguíamos deica Bouzas e polo Castañal baixaban os que viñan da Sobreira e da Fonte, e en Roade xuntabámonos cos que baixaban pola Castaña e viñan do Carregal, do Barreiro,  e de San Paio de Navia. Formábamos dúas ou tres ringleiras de homes e mulleres, algunhas coas cestas de repolos na cabeza e outras con patacas, frores ou o que pudera ser vendido no mercado de Bouzas. Nesa andaina diaria na que todos e todas nos coñeciamos, íamos falando, contando contos  e comentando os éxitos ou desgrazas do Celta e dos equipos modestos.

Algúns xa quedaban en Bouzas porque traballaban de redeiros, chaboleiros, albaneis, canteiros  ou traballos diversos; outros, homes e mulleres, colliamos o tranvía, -o nº 2, Bouzas Calzada, ou o nº 5 Bouzas Calvario -; uns a traballar en talleres mecánicos, eléctricos; mulleres e homes  empregados  de comercio, escribientes, xastres, costureiras, etc.

A volta xa non había tanta coincidencia, pero aqueles lugares de encontró e as vivencias son inesquencibles.

O andar polos camiños tamén saudabas a xente que traballaba nas terras e/ou apastaban o gando polos valados, -vacas, xatos e cabras limpaban os matos de herbas, sliveiras e toxos-, e faciano pola mañanciña pola fresca, antes de que o sol queimara.

Miña avoa Peregrina sempre me dicía que había que saudar a toda xente, e eu facíao, pero cando ía con ela, o pasar por algúns homes e mulleres ela non saudaba. Pasaron moitos anos para decatarme de cal era o motivo. Eran dos vencedores, e nós eramos dos vencidos.

Camiño da escola

A escola da rua Castaña na actualidade

Rapaces e rapazas camiñando catro veces ó día, no ir e voltar as  escolas, – a de dona Carmen a de  “Pontefino”, míxta e de pagamento, na Pardaiña, e as públicas, separados por sexo, no camino da Castaña. Na feminina estaba de mestra dona Pilar Rodriguez, e na masculina, estivera José Luis Soliño, (depurado polo fascismo nos anos do medo), logo a pola escola pasaron varios suplentes, algún deles militares, e no ano 1940 estaba a mestra Carmen Lago Goberna, que sacudía paus con fartura. A señorita Carmiña, -que así se facía chamar-, despois pasou a escola da Tia, na Pardaiña onde seguía aplicando o seu método  de ensino “la letra con sangre entra”. E alí andiven eu, na pública e na de pagamento.

E como todos non me librei dos métodos da tía e da sobriña. A frustración para ela foi que non quixen ir po seminario, eu quería ser Ferreiro.

Nos lavadoiros

Un lavandoiro da parroquia, en desuso e con una rehabilitación pouco respetuosa.

Polos tres lavadoiros públicos que había na parroquia pasaban as mulleres que non tiñan pozo propio, a lavar as roupas da familia. As da Viña Grande e das Grilas estaban afastadas dos camiños de tránsito e non eran visibeis, pero a de Roade que estaba ao carón da estrada, si que se miraba o traballo comunitario, nas que se mostraba a pobreza e as miserias da sociedade  daqueles anos de tortura;  con moita xente nas cárceres ou depuradas e sin traballo e no exilio. Viuvas de vivos  e de mortos, como -cantou Rosalía-  Alí cantaban, rifaban, choraban e maldecían. Tamén se axudaban unas ás outras

Velorios e enterros

Lugares de encontró tamén eran as casas onde había un defunto: o costume era facerlle o velorio, que viña a ser un acto lúdico e non tan tristeiro porque  tiña dúas facetas diferenciadas: unha era darlle o pésame a familia, mirarlle a cara ó morto xa no cadaleito arrodeado de negra penumbra e a estancia alumeada por dúas candeas, a un e outro lado da cabeceira do defuntiño, dicer que está moi guapiño, que mágoa que morrera sendo tan novo e tan boa persoa, e algunas andrómenas máis. Despois dese cumprimento, os homes ían para un cuarto ou un lugar fora do posto mortuorio e a familia pasaba co café e as augardentes para aguantar ata altas horas da noite, e as mulleres a facelo pranto e a rezar rosarios pola ánima do defunto; entre rosario e rosario falaban dos moitos méritos que tiña, do maliño que estivera, do viático que lle trouxo o cura e así rispouse do inferno,  e agora,  compre rezar moito por él e pagarlle moitas misiñas, e si pode ser que sexan gregorianas que valen moito máis.

No lugar onde se atopan os homes,  o augardente que fai milagres, tamén fai esquecerse do morto e, saen as conversas  da santa compaña e contos de aparecidos que fan rir a cachón e a dor convertese en festa. Na  despedida ofrecense para ó día seguinte levar a caixa no enterro ó e o funeral de corpo presente. Os enterros viñan a ser unha manifestación de dor, acompañada por tres ou máis curas, -según o poder económico da familia-, que ían cantando responsos en latín, e nas encrucilladas paraban a marcha e os máis fachendosos paganlle o estipulado por cada responso que votaba; coido que era así: <ne recorderis pecata mea dominé, dun veneri judicari mea dominé, quirie leisón, christi leisón, quirie leisón, pater noster …> e por cada un destes cobraba. Na igrexa poñian o cadaleito enriba do catafalco e despois de empezar a misa, sentaban e cantaban os diesires. O cura de San Paio sempre durmía dando cabezadas. E así remata pros vecinos pero non pra familia  que non acompañaba o defunto ao cemiterio, e soio sairá cando se celebre a misa de saída, dando por rematado a dor.

Para vindeira entrega seguirei coas vivencias da parroquia.

Telmo comesañpa  febrero 2017.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Un comentario sobre “Parroquias e barrios. Lugares de encontró e vida social (II)

  • el 2 de marzo, 2017 a las 16:44
    Permalink

    Grazas por esta nova entrega das lembranzas das nosas parroquias.
    Eu tamén estudei no camiño da Castaña, con don Ramón, arrodeado de ratos, esfolando os xeonllos de cando en vez e ata cobrando coa “variña máxica”. Máis tarde pasei como tantos utros da xeración do “baby boom” ao colexio “nacional” de Sensat.
    Chegado o medio século de vida, un lembra con cariño aquelas tardes interminables de verán, xoghando no Penedo a polis e cacos, indios e vaqueiros, facer as cabanas nas árbores que estaban detrás do edificioo da ETEA, ou canda a finca do tripeiro, agocharse nas ruínas do Cable Inglés… en fin. Un placer ler as súas reflexións, reciba un afectuoso saúdo.

Comentarios cerrados.