"Para Moncho"

O martes dicíasme que non sabias que pensar, que preferías non facelo. Referíaste aos temas transcendentais en que ás veces matinamos. Eses mesmos en que o leva feito o home dende que é home. Como xa teño uns aniños máis ca ti, quedei un pouco amolada por non explicar o que eu penso (sei que son arriscada de máis) ao atreverme a falar desas cousas das que os filósofos non se poñen de acordo, e o noso pouso relixioso (aínda que non creamos) inflúe tanto…

Mira, a verdade, a min impórtanme un pito esas cuestións. A natureza é así, naces, creces e morres, coma calquera ser vivo deste planeta. De que se o destino, ou como queiras chamalo, fai o que quere coas nosas vidas, si pero non. Ortega dicía: “Yo soy yo y mis circunstancias”.  Isto paréceme bastante asisado pero ten o seu aquel. Sei que hai cousas que escapan das nosas mans, pero tamén nós podemos facer moitas pola nosa conta. E o da vida antes de e despois de, xa che dixen que non é máis que un círculo: terra, vexetais, animais (e nós non deixamos de selo) – terra, vexetais, animais – terra, etc.  Se algún pensa no ceo e no inferno, pode estar seguro de que o temos xa aquí. Se podes durmir tranquilo, desfrutarás, tamén chorarás algunha vez;  é lei de vida. Se algo podes arranxar, arránxao e se non podes, ¿para que vas preocuparte? (fácil dicir, difícil de facer).  O que si é verdade é que non hai mal que cen anos dure. Aínda hai tempo para a felicidade, digan o que digan os agoireiros que abondan neste mundo.

Hèléne

A %d blogueros les gusta esto: