Obradoiro de Filosofía “Grecia”

Taller FilosofíaOs pasos do noso camiñar sobre os coñecementos atemporais do ser humano, leváronnos a Grecia, a da ágora, a praza onde se falaba e debatía publicamente e a mesma de tantos e tantos libros de texto que nos acompañaron na nosa vida estudantil onde aprendemos que, aí e entón, naceu a democracia. Ante a grandeza deste histórico tempo, debo confesar que, neste punto, o ánimo de escribir se me encolleu pois o temor a que unha soa das verbas escollidas non fose a ideal para expresar o que quero dicir, facía tremer a miña man. Pero repúxenme xa que non podía ser doutro xeito pois se algo se aprende neste taller, e nolo repite Julián Palomares a cada momento, é que a filosofía está para afrontar os problemas e superalos.
E se falamos da ágora e dos debates, vexamos para onde vexamos, sobresae a figura de Sócrates, e non polo seu porte ou estatura, pois era baixo e ancho, nin pola súa beleza física ou ornamental, pois era feo e non gustaba de alfaias, non xa porque puidese ser pobre, senón porque como reza unha das súas sentenzas: “Cantas cousas hai que non necesito”. Por isto se destacaba, pola súa oratoria e frases que todos e todas podían entender “Como cando teño fame e bebo cando teño sede e todo me parece exquisito”, ou sexa, “nada en exceso” E así era, sen apegos, pois non cobraba polas súas clases á que, no ano 400 a. C., asistían mulleres. Pensaba que o coñecemento e o autodominio “érguete da mesa cun pouco de fame e da cama cun pouco de sono” haberían de permitir restaurar a relación entre o ser humano e a natureza. Para iso o/a home/muller debe buscar no seu interior “Coñécete a ti mesmo”. Esta autenticidade do Ser sobre o Existir alcánzase apoiándose nos Valores ou Virtudes que imos descubrindo en nós mesmos “O ser humano é un diamante que caeu na lama”
O seu inconformismo impulsouno a opoñerse á ignorancia popular e ao coñecemento dos que se dicían sabios, aínda que el mesmo non se consideraba un sabio. Gobernantes, xerais, filósofos, poetas e artistas, todos crían ter unha grande sabedoría, en cambio, Sócrates era consciente tanto da ignorancia que lle rodeaba coma da súa propia «Só se que non sei nada». Para Sócrates “a sabedoría consiste en facer o ben” isto levouno a tratar de facer pensar a xente e facelos ver o coñecemento real que tiñan sobre as cousas interrogándoos para poñer en evidencia a incongruencia das súas afirmacións. A súa ferramenta para esta tarefa era a maiéutica ou dialéctica, método indagador da propia mente que lle permitía levar os seus alumnos á resolución dos problemas/dilemas que se formulaban por medio de hábiles preguntas cuxa lóxica iluminaba o entendemento pois o obxectivo era eliminar prexuízos e recoñecer a dignidade propia e allea “A dignidade é soportar unha inxustiza antes de cometela contra outro/a”. A ignorancia é inxusta e non se debe pasar a outro/a. E por dignidade propia debemos persistir e evolucionar no coñecemento pois a sabedoría é unha virtude e a ignorancia un vicio.
O que coñecemos de Sócrates é polo que do nos contaron os seus discípulos, sobre todo Platón e Aristóteles, pois non deixou escrita ningunha obra; aínda así é unha figura extraordinaria e decisiva da historia, non xa pola súa sabedoría senón porque a teoría da súa dialéctica era acompañada dunha conduta acorde (pensamento e acción). Por iso compréndese que aceptara a cicuta que o matou despois de ser condenado por “incitar á desorde” no ano 399 a C.
Merecen Grecia e Sócrates moito máis pero un servidor dá o que dá. Aínda que para non deixar incompleta esta crónica da Infante Occidente, que despois de nacer en Exipto pasou a súa infancia en Grecia, será conveniente falar de Platón e Aristóteles, pero deixámolo para outra semana.

Taller FilosofiaGrazas.

Roxelio

http://www.marxist.com/historia-de-filosofia-3.htm

A %d blogueros les gusta esto: