O taller de viaxeiras/os do CSCoia saíu de roteiro polas praias de Alcabre

Sabido é que os camiños que máis transitamos adoitan ser os máis coñecidos, ou iso é o que pensamos; a rutina lévanos a crer que nada muda -a menos que o cambio sexa precipitado nun espazo curto de tempo-. Só nos decatamos cando alguén que fai o camiño de cando en vez no lo fai ver. Compre, logo, ser observadores. Os camiños da vida están cheos de enredos que distraen a nosa atención; porén compre facelos en compaña doutra xente  que vaia descubrindo cousas que nos sorprendan, e diremos: mira ti que paso por aquí moitas veces e non me decatei disto!

Pois aconteceu que no taller de viaxeiros que se imparte no Centro Sociocomunitario de Coia, no que traballamos moi polo miúdo as viaxes antes de acometelas (a historia escrita e fotografada e a loxística para que a viaxe sexa un éxito). Virán despois os comentarios, as experiencias vividas, os agasallos para as familias e feixes de fotografías dos lugares máis salientables que cadaquén escolleu.

Preparando o derradeiro viaxe do curso  falamos dos espazos que dentro do concello de Vigo, e moi preto do Centro que nos acubilla, andivemos noutrora e descoñecemos como está na actualidade; houbo sorpresa; pois claro que si, apuntou algunha das presentes –compre dicir que as máis son mulleres, moito máis activas en temas culturais-. E de súpeto abriuse o camiño das ideas. Quen puidera entrar en tódalas cabezas á vez!  Que lugares estaría escollendo cada unha delas! Que momento de efervescencia cerebral!

Praia Fontoura en Alcabre-VigoUnha vez postos, fomos soltando ideas ata chegar ó acordo de facer un roteiro pola costa de Alcabre, dende a praia de  Fontoura, até a Argazada, preto do medio de Samil. E así o fixemos, un grupo de 32 persoas decididas a esculcar como estaban agora esas praias moi coñecidas noutrora. Naturalmente que a organización xa se preocupara de establecer o tempo do percorrido, os lugares de parada para aliviarse e onde xantar. Subliñar que non faltou María co seu fardel cargado das roscas artesáns que ela fabrica para as ocasións. Grazas María!

Saímos do Centro  ás once da mañá, e unha vez na Fontoura non todo era sorpresa, porque o recheo óllase dende a distancia; a edificación onde se atopaba a conserveira de Justo López Valcárcel tamén pega de fronte, máis os desniveis, a Centro Sociocomunitario de Coia-Vigopraia sen area  e a mesma ponte que enlaza co porto si que deixa ver un cambio profundo. E pouco a pouco, a xente vai comentando cousas que garda no seu maxín:   -pois eu viña desde Bouzas e pasaba por aquí e había area… e non había isto ou estoutro…e aquí había unha fonte…, ían comentando.  Certo aquel espazo mudou moito e alguén dixo que estábamos enriba dun río subterráneo artificial (o emisario de borde de ría)  que leva as augas residuais dende Os Caños en Teis até a EDAR de Coruxo. Sorpresa;  iso demostra que cando usamos a auga que sae da vila despois de usada, non temos conciencia de por onde chega a planta depuradora.

Seguimos a andaina deica a Praia de Carril, deixando atrás a antiga conserveira de Cardona (recuperada hai máis de corenta anos para vivenda da familia Fernández de Sousa-Faro). A terminal do Cable Inglés e alemán quedábanos uns pasos máis arriba no camiño de Roade; só se falou por onde subían os cables coaxiais que saíndo dalí cruzaban o Atlántico. (O porto de Vigo fora “base” de operacións para o lanzamento e reparación da instalación submarina. No peirao de transatlánticos era frecuente ver a presenza do cableiro Mirror e despois o Mercury; en eles navegaron homes de Soutomaior, Redondela, Pazos de Borbén, etc)

Hotel Pazo Los Escudos en Alcabre-VigoXa dentro do parque  (zona de 21.000 metros cadrados da finca Miramar, arestora  Los Escudos, cedidos por estar afectados pola Lei de Costas). Os recordos da cantina con música     bailable, casetas de baño e elementos ximnásticos, volvían a estar presentes; tamén se fixaron na amplitude da praia ó  ter retirado o muro da finca  -todo voltou aos seus orixes-; magnífico!

Camiñamos ata a unión coa praia de Santabaia e alí fixemos unha paradiña porque ese espazo ben merece rételo no fardel da nosa memoria: coa vista posta no Morrazo, ímola baixando até quedármonos no rochedo entre as dúas praias coñecido como monte das cruces, chamado así porque alí era onde estaba a primeira igrexa da parroquia. Polas costas quédanos a antiga igrexa do 1708 co cemiterio arredor, a casa reitoral -arestora sede da Asociación veciñal “Nosa Terra”-.  A lenda dí que Santa Baia ou Olaia, apareceu aboiando nas augas da praia que dende entón leva o seu nome.

Corsario inglés Sir Francis DrakeTamén din que nos arquivos da parroquia figura a resistencia que a veciñanza lles fixeron ao corsario inglés Drake, que asolaba os pobos ribeireños  para facerse con víveres e mulleres. Eses devanceiros coas ferramentas de traballo, -sachos, forcadas, fouces gadañas e outros trebellos-, foron quen de votalos fora. Sen dúbida que esta praia era a mellor comunicada;  tiña tres camiños para chegar a ela. O parque desta Praia  -cesión de dúas fincas-, é de 24.000 metros cadrados, que unido co de Carril, fai que sexa un dos máis importantes da beiramar viguesa. Alí tamén se atopa a última estación de bombeo do emisario das augas residuais. A EDAR, en Coruxo, é a receptora final.

Seguimos  polo camiño do Borralleiro até a entrada do Museo do Mar de Galicia. Este é outro espazo que mudou sensiblemente; había xente que lembraba o matadoiro municipal, e as cortes onde metían o gando esperando o sacrificio. Seguimos baixando até ver o Castro , a Praia do Cocho, polo Oeste a Praia de Mourisca ,  o solar onde se asentaba a conserveira de Alfonso Riveiro –queda un anaco da rampla como testemuña silenciosa-.

Voltamos a estrada e uns cen metros adiante, está o camiño que baixa dereito e comunica a Mourisca con Fontes. No espazo que arestora ocupa unha casa, que foi dos prácticos do porto, estivo emprazada a primeira batería militar . Arredor do 1890 a defensa de Vigo estableceuse enfronte desta uns trescentos metros máis arriba con dous cañóns, un polvorín e un barracón como cuartel. O mesmo equipamento estableceuse en Balea-Cangas. Ámbolos dous cruzaban o lume no medio da ría. Entre esa cota e a estrada actual asentábase a “radio Costaira”  de axuda a navegación pesqueira. Si, o barrio do Moiño do Vento foi moi importante noutrora.

Continuamos até  o final de Fontes –outra praia con historia- ademais do moito argazo que se sacaba, nos anos  1936 e 37 asasinaron homes que logo foron soterrados en  Pereiró; eses figuran inscritos, mais os que fondeaban ao carón  do faro de “Cabo de Mar”,  son os descoñecidos. A Asociación Nosa terra de Alcabre chantou un monolito como lembranza e homenaxe, o día 17 de agosto do 2002.  -Persoas descoñecidas límpano e deixan flores-.

Despois chegamos ás praias de  Tombo de Gato e Garavilla ou Espedrigada. Diante das Anchousas reflexionamos sobre o embarrancamento do Monte Ayala, un día do mes de xaneiro do 1941. Daquela,  alí non había estrada nin piñeiros, só as dunas e a veciñanza da Garita que oía os lamentos das sirenas do barco, a lucería das bengalas e a do propio navío. (Este episodio pódese ler  -coa fotografía do barco- na Revista do voluntariado do Centro,  -Google, cscoia.es, Hemeroteca 2016 agosto dia 25).

Ao carón desta praia, está Cocho das Dornas e xa atopamos o Laxón de Samil, zona moi degradada.

A duna fósil, o emprazamento que utilizaba a colonia alemana en Vigo para celebrar o solsticio de verán, as plantacións dos piñeiros no 1946, a lagoa de auga doce onde se asenta a pista de patinaxe, o humidal do Poulo do Pozo, a riqueza marisqueira  e moitas outros comentarios  déronnos suficiente cansazo como para repousar mentres xantabamos no lugar escollido pola organización.

Todas/os recoñecemos o mal estado dos areais e compre recuperalos. Malia que os vertidos xa están superados, os danos son un reflexo do abandono de moitos anos.

Pola miña banda coido que houbo unha sorpresa e quedou unha preocupación: o parque de 45.000 metros cadrados fronte a Carril e Santabaia, merece unha atención especial e nada custosa. A Asociación de alcabre loitou moito para que ese parque non repetira a brutalidade cementeira de Samil. Só necesita, mellorar a pista peonil de xabre –que tamén vale para as bicis-  plantar unhas árbores, uns bancos e servizos. Que mellor que os pais poidan deitarse na herba e enredar cos cativos. Mar, area e herba xuntos cun aire limpo non ten parangón.

 

 

Telmo Comesaña    xuño    2019

Fotos: Internet

Un comentario sobre “O taller de viaxeiras/os do CSCoia saíu de roteiro polas praias de Alcabre

  • el 26 de junio, 2019 a las 11:52
    Permalink

    Gracias Telmo por tu colaboración en esta salida . Fue apasionante ir descubriendo las historias que tienen estos lugares a los que vamos con frecuencia. Mi admiración por tus conocimientos y por tu fortaleza física que, en ningún momento decayó, cuando algunos ya estábamos agotados de caminar con el sol. Pero fue estupendo. El próximo curso seguiremos descubriendo nuestra ciudad y sus rincones con historias importantes. A mí me gustó mucho, también , la finca de Maria Solita, que la restauraron recientemente. Gracias Telmo y buen verano.

Comentarios cerrados.

A %d blogueros les gusta esto: