"Non somos criaturiñas"


Non sei por qué cando unha persoa fala con ou para alguén maior o fai como se tivese diante un cativo. Lembro un home (despois de todo non tan maior) que nunha desas berrou: “eh, ti, que non somos nenos!”
Tamén parece que xa deberiamos deixar o lecer. Cren que estamos ben para coidar un neto, emprestar cartos ou a casa, etc., pero non para termos o noso espazo, saírmos a cear fóra, gastar os “nosos” cartos…
Pode que corramos menos, que teñamos esquecementos, ata que alguén se pase contando “batallitas”, pero tamén somos adultos, intelixentes. Quizais nos gañen coas maquiniñas, pero que non esquezan que sabe máis o demo por vello que por ser quen é.
Por favor, non queremos -eu polo menos- que me traten con máis respecto.

A todos, sexa cal sexa a súa idade, hai que tratalos con respecto. Nin privilexios, nin farrapos de gaita. Só queremos que nos traten como os seres intelixentes que somos.
Deberían pensar que tamén lles chegará a súa vez  (malo, moi malo sería que non lles chegase).

HÉLÈNE

A %d blogueros les gusta esto: