Mulleres Científicas en Vigo
Os tempos van mudando, aínda que as resistencias seculares dunha parte da sociedade que por moito que intente fréalo xa lles é imposible. A revolta das mulleres está a acadar un cambio sorprendente; e para ben.
Acotío oímos dicir que as mulleres son maioría nas carreiras universitarias, tanto de Letras como Técnicas. Tamén na sanidade, no ensino e na xudicatura.
Fago este comentario, sen dubida coñecido pola sociedade, para dar entrada a unha nova que considero moi importante .
Investigadora co maior índice h de impacto científico da UVigo.
A súa ficha persoal: (Bueu 1974).
Doutora en Química pola UVigo; realizou estadías en Melbourne, Golsm, Oklahoma e Viena, ata a súa volta no 2004. Coordina o grupo de Química Coloidal, onde traballa na síntese de nanopartículas de ouro e prata para sensores de contaminación ou biomoléculas. No 2011 recibiu o premio L´Oréal-Unesco “Polas Mulleres na Ciencia”
A xornalista Sandra Penelas, informa que “FARO inicia unha serie de entrevistas ás científicas con maior impacto con Isabel Pastoriza, co índice h máis elevado da UVigo -h59- pola repercusión que acadan os seus traballos. No 2015 xa se laiaba da falta de aposta da Institución polos seus talentos”.
Paga a pena ollar a entrevista, coa foto de Isabel no laboratorio. (Faro de Vigo venres 3 de maio 2019). Nas “frases” que selecciona Sandra, di: ”Non sei si foi polo pouco tempo, pero non notei melloras co ministro Duque”
“O papel do investigador é descoñecido, sobre todo, si es muller”..
Si se fai unha análise desta pequena escolma sacada da entrevista, a situación é máis que preocupante: dunha banda, a situación da persoa, e doutra a da sociedade que impasible segue polo funil onde a meten os poderes que gobernan o país.
Polo que din os datos de eficiencia, a doutora Isabel é a estrela da UVigo, a que, como un facho de luz ilumina a Institución –h59-, mais como ela deixa caer, -é muller-. A doutora que está ao fronte dun “grupo de traballo” segue facéndoo por contrato.
Intento reflexionar sobre o caso e fáltanme capacidades para atopar as causas:
Pode unha persoa sabendo quen é intelixente, sacrificada, valente, facer unha carreira de Química e un doutorado, non é cousa fácil. Desprazarse ata as Antípodas e outros países subliñados, tampouco; xaora, que unha persoa dese nivel non teña un recoñecemento profesional na propia Institución non é tolerable, porque dana o prestixio e minusvalora tanto a persoa como a entidade. Non estimula a xente que ven tras dela (para que se vai esforzar si ó fin es un máis).
Si persoas como Isabel foran apoiadas economicamente para levar adiante a súa profesión, este país pularía cientificamente, demostrando que aquí se sabe facer futuro. Aquí só falta recursos e decisión para obtelos. Levamos anos que se fala da necesidade dunha lei de “mecenato”, pero nunca se leva ao parlamento; nas últimas eleccións nin sequera foi mencionada polos partido político. Por que será? Pégame que é mellor ter fundacións, chiringuitos nos que manter a “fósiles” que xa non poden ir nin ao parlamento europeo.
As palabras que noutrora Unamuno pronunciou: “Que inventen ellos” están superadas. En Vigo levamos máis de trinta anos cunha Universidade onde se forxa o futuro do país, mais este potencial non ten acougo nesta terra que os viu nacer e formou: en silencio e sen queixarse emigran; mais ben, foxen. Son os países máis desenvolvidos os que os reciben cos brazos abertos.
Magoa pensar que en Galicia se deixe perder este potencial de sabedoría -que tanto nos custa formar-.
A UVigo leva anos formando talentos e o proveito é para os nosos competidores..
Hai algún plan de futuro para este país? Coñecemos as necesidades de formación de técnicos, cadros e man de obra cualificada?
Coido que non, e todo vai como unha “levada libre”
maio 2019
Telmo Comesaña
Fotos: Internet