Chega o verán e o bosque treme

Dende a catástrofe do día 15 de outubro do 2017, e despois dun inútil cruce de acusacións con palabras fora de ton: terrorismo asasino, criminais, xente sen conciencia,  e outras moitas das que ninguén se fixo responsable. Só a xustiza marcou a diferencia.

Houbo mortes: (dúas mulleres en Chandebrito –Nigrán). Naqueles días houbo laios, incluso con bágoas cando as cámaras da TV, enfocaban. Promesas de axuda e de mellorar o monte; falouse, entre outras cousas, de: distanciar o arborado das casas, limpar o monte e advertirlle a xustiza que aplicara penas máis duras contra os terroristas que queimaban os montes. Ninguén asumiu responsabilidades. As cousas pasan porque teñen que pasar!, oíuse dicir.

Daquela o enxeñeiro agrónomo Manuel Vázquez de la Cruz, publicou un artigo  en Faro de Vigo, nas páxinas (Baixo Miño-Louriña), dando á coñecer os riscos do monocultivo do eucalipto: altamente perigoso  para os incendios cando coinciden altas temperaturas e baixa humidade con ventos racheados; as sales expulsadas polas follas  propagan o lume.  A alta densidade de árbores rozando uns con outros pode ser outro motivo de ignición. Empobrece a terra e seca os manantiais de auga, facendo desaparecer fauna e flora. E segue dando unha lección de home experto e preocupado polo futuro inmediato das terras de cultivo galegas, e das xentes do rural abandonado e ferido.

Meses despois, tamén en Faro, apareceu unha información da Consellería da Xunta informando de que se ían plantar 25.000 Ha. de eucalipto, ao tempo que a -xunta de expertos- comunicaba que había que parar esas plantacións de contado, porque xa estaban fora do previsto nos acordos para non desestabilizar o medio ambiente.

A actitude de Portugal

Despois das traxedias no país veciño, o goberno portugués prohibiu por lei a plantación desta especie ata o ano 2030. Ah! Pero a pasteira portuguesa fixo saber que ía a alugar terras en Galicia para non quedar sen materia prima e –meu dito meu feito- meses despois xa se falaba que os portugueses estaban á plantar en Galicia.

A alarma para as xentes que se preocupan destas cousas, prodúcese despois da lectura dun traballo da xornalista Lara Graña, en Faro de Vigo o día 21 de abril 2019.

[Navigator  busca mil hectáreas más en Galicia para plantar eucaliptos ante el veto  de Lisboa. La pastera lusa dispone ya de una “base  forestal gallega con  500 hectáreas alquiladas. El grupo factura dos veces más que Ence y gestiona una superficie de 120.000 hectáreas].

A especie da discordia

A xornalista recolle nunha entrevista ó xornal Expresso, do conselleiro delegado  interino, J. Castelo Branco. “Temos xa 500 Ha. alugadas  e dous ou tres comerciais buscando (terreos). E temos 1000 en perspectiva”.

J.Castelo Branco laiase da restrición en Portugal e, engade: “No caso galego non existe unha restrición semellante desta especie, orixinaria de Australia,  nin plans para facelo”. Continúa aportando datos e iniciativas da compañía en cuestión.

Recentemente oín dicir a un home de aldea, que xa se plantaban en “terras de labor”.

Eu, como persoa preocupada polo medio rural maniféstome en contra dese aumento desaforado desa especie, e preocúpame o que recentemente vin no concello de Meis:

Un grupo de excursionistas  visitamos o pazo da Saleta, -famoso polo xardín botánico-. Cando as señoras da casa estaban facéndonos a presentación do que alí iamos ver e desfrutar   (un pequeno pazo con capela e un xardín botánico con especies do mundo enteiro), eu fixábame no eucaliptal que había a escasos metros do pazo, deume  un arrepío  ao lembrar aquela tarde-noite do 15 de outubro do 2017, coas lapas de lume brincando  a cinco metros da fachada da miña casa.  Nunha paradiña interrompín preguntándolles si non tiñan medo con aqueles eucaliptos alí diante. A resposta foi de contado: “claro que si, pero imos ó concello e non nos fan caso”. Patético!

Si pola desidia dos gobernantes se perde aquela xoia botánica -independentemente das persoas  e do pazo coa súa historia- si que se podería considerar un crime.

É o de sempre: moito falar e prometer cando o dano xa está feito, pero o desleixo dos gobernos é manifesto. Arestora estase a difundir os medios previstos para loitar contra o lume: brigadas, helicópteros, drons, etc, mais a pregunta é: fíxose algo para a prevención.

 

 

 

Telmo Comesaña   maio 2019

A %d blogueros les gusta esto: