Luminoso Miñor

Había ben tempo que non pasaba unha xornada no val do Miñor. Aconteceu nun día deste mes no que andamos. A xornada empezou a media mañá: algo máis de media hora de ruta para chegar ao punto de contacto acordado. A estrada non estaba cargada de trafico e podíase ir observando a paisaxe marítimo-terrestre, que a natureza nos ofrece.

Alcabre_VigoSaimos de Alcabre –sempre pola costa-, Coruxo e dende a Falcoa xa sentes a magoante presenza da torre de Toralla: o ceo está limpo e o mar tranquilo.

Seguimos por Canido e no cruce coa estrada  Ricardo Mella enfiamos por esta seguindo a ruta que outrora facía o ferrocarril Vigo-Ramallosa-Baiona-Gondomar, respectando, en todo momento, a velocidade marcada. Magnífico porque así desfrutas máis daquela regalía.

Comentabamos tamén os lugares onde ficaban as estacións e os apeadoiros.  (Florida, A Bouza,  Moiños,  Coruxo, Hermida, Canido, San Miguel, Saiáns, Prado, Patos, Panxón, Telleiras, Lourido e Ramallosa. De Ramallosa á Baiona e Gondomar o traxecto era urbán; o mesmo que de Florida a terminal na rúa Uruguai).

Antes de chegar a Ramallosa recibimos o reflexo do sol no esteiro do Miñor; a marea estaba en preamar e o espectáculo é engaiolante. Eu nunca canso de ollalo.

Seguimos deica Gondomar deixando o río a man dereita -outra regalía para os sentidos-.

Chegamos ao Instituto e vivimos por un instante o balburdio dos adolescentes entrando e saíndo do edificio.  O recibimento foi moi cordial e amigable; as profesoras de historia estaban esperándonos.

Mañufe_GondomarEstablecido o contacto e o que esperaban de nós, desprazámonos a Mañufe para xantar: cruzamos o río pola ponte  e adentrámonos naquela rúa estreita entre muros de pedra, (antigo camiño no núcleo histórico da parroquia) e, de súpeto, xa nos atopamos coa igrexa a man esquerda;  a dereita, o pazo e as  escolas nas que impartían coñecementos, o matrimonio, don Rogelio de la Granja e súa  dona, dona  Eva Bacelar. Uns metros máis adiante, á esquerda,  o cemiterio…, e seguimos na procura do restaurante. Como o día estaba tan fermoso, ata nin o vento molestaba, sentamos fora á sombra daquela antiga casa de pedra restaurada. Ó estar lonxe da estrada o silencio era o complemento para falarmos baixiño e entendernos mellor; o resultado foi pracenteiro para as cinco persoas  que arrodeamos a mesa.

Voltamos polo mesmo camiño, entón eu fun subliñando aqueles espazos que agora eran: cemiterio, escolas, pazo  e igrexa. Alí iamos catro familias de Alcabre tódolos domingos a visitar as tumbas dos nosos país. (algunhas veces estaban as outras dúas familias, unha de Nigrán  e a outra do barrio do Pino-Vigo).

Funlles debullando as moitas cousas que vivín e observei naquelas xentes tan amigables connosco: o cariño  que don Rogelio e dona Eva nos demostraban e as axudas que nos prestaron arriscándose eles. Si, este mestre –daquela presidente da comisión do cemiterio que se estaba á construír-  evitou que os seis cadáveres que lle chegaron aquel seis de outubro do 1936, foran soterrados nunha foxa común, e así, polos seis pares de zapatos dos mortos, abriron unha por cada un deles.

Van aló uns dez anos que puiden falar cunha filla para agradecerlle a colaboración dos seus país connosco. Falamos dabondo e a emoción desbordounos a ela e a min.

Acto no Instituto

Charla con alumnos no InstitutoTivemos dúas sesións: unha con alumnado de bacharelato e outra de  maiores.  O amigo historiador falou da historia que non está nos libros de texto; a historia ocultada, a que aínda arestora non é libre porque é molesta para institucións e persoeiros comprometidos.

Eu, falei da miña historia, da miña familia e das familias dos  soterrados no cemiterio de Mañufe, naquel funesto día que deixou cinco  viúvas e quince  orfos  -a máis noviña, miña irmá Margarita, oito meses-.

O poeta ía tecendo versos mentres nós falabamos e despois, con emoción, leunos.

Con aplausos, bicos e apertas rematou o acto.

De volta o sol seguía quecendo a terra e os corpos; cambiara de posición e a sombra das casas e das arbores tamén  ían posicionándose  según o devalar do astro rei.

Nós os tres seguiamos falando da vida, da paisaxe e do feliz día que tivemos.

Algo ha de agromar despois da sementeira!

 

   maio 2019

Telmo Comesaña

Fotos: Internet 

 

A %d blogueros les gusta esto: