Leri – Antonio Nieto Figueroa

Camiñando pola cidade, un vaise atopando coa historia pasada e recente: edificios, rúas con nomes de persoeiros, toponímicos, feitos históricos, etc., que nos fan lembrar episodios ou acontecementos doutrora.

Dun xeito rutineiro baixei do autobús na Gran Vía e crucei para Regueiro; e xa na beirarrúa de enfronte, de súpeto, estaba diante da oficina da DGT (Dirección General de Tráfico) e velaí que como nun soño, apareceu na miña mente a figura de Leri.

Nos medios de comunicación: hemerotecas e outros soportes, abofé que hai moito sobre este home; mais eu non quero buscar o que outros e outras falaron ou dixeron. Quero escribir o que perdura na miña memoria sobre o exemplar cidadán. Alguén dixo del que era un “vigués/viguista”. Eu aprobo o cualificativo e coido que ninguén como el pode compartilo.

Pero, quen era Leri?

Un home humilde nado no Berbés vigués, no ano 1929 e finou no 2003 na mesma cidade que o viu nacer, porque este home non podía entender a vida fora da súa “matria” de nacemento. Vigo foi o berce que o arrolou e el, sempre o agarimou.

Descoñezo a súa andaina de pícaro e adolescente. Na década dos corenta do pasado século, un grupo de afoutados vigueses –coido que entre eles Leri e os irmáns Villaverde- pasaban os veráns preto da foz do Lagares; daquela aínda non había a ponte que une Navia e Coruxo. Un temporal xa arrastrara a duna que había onde hoxe se asenta o campo de fútbol da zona deportiva. O chan quedou de terra e entre preamar e preamar o espazo quedaba en seco e, alí comezaron a xogar a pelota. Máis tarde reencheuse e Leri puxo o seu entusiasmo e comezou o fútbol de praias. Aquel sitio foi o cerne de todo canto viu despois. Cando o Concello votou man daquel espazo para facer a zona deportiva que arestora se mantén, Leri pasou coa instalación a Praia do Vao.

Foi tan grande a aceptación da xuventude –algúns de 50 anos- que todo mundo era doado para formar parte daquel colectivo que seguía a organización e as ordes: as faltas pagábanse con horas de traballo na mellora das instalacións e/ou na limpeza da praia. Sempre había algún que non lle parecía ben pero as ordes non se discutían, cumpríanse.

Foi tanto o éxito que o campo estaba sempre ocupado, entón, montou outro na “Eira da Renda”, Alcabre (onde hoxe se asenta o Asilo de Anciáns) e outro en Coia dabaixo.

Os campos de Leri eran peculiares: nos extremos e polas bandas tiñan paus altos para enganchar as redes que impedirían a saída dos balóns.

En toda esa época para atoparse con el había que ir ao vao e atopábaste cun home con taparrabos como prenda única e o pelello tostado polo sol.

Din que organizou -grazas a súa dona- arredor de catro mil deportistas.

O fútbol de praias ben merecía un recoñecemento social.

Leri político

A súa ansia por defender a Vigo levouno a entrar no Concello no ano 1973 sendo alcalde Antonio Ramilo Fernández-Areal. Xa en democracia no 1979 fundou o partido “Vigueses Independientes” sacando un bó resultado que lle serviron para apoiar a Manoel Soto Ferreiro para ser o primeiro alcalde democrático de Vigo . Na segunda ou terceira lexislatura integrouse no PSOE.

Foi o concelleiro rebelde: nunca puxo unha garabata, fose quen fose o visitante.

Traballador,polémico, de forte carácter; foi un incansable loitador por Vigo e pola xente humilde.

As conquistas máis salientables

Era moi forte porque ao carón tiña aos xogadores e alí a onde ía Leri, ían todos.

– Reclamou o acceso ás praias de Toralla e o uso da ponte. E gañou despois dunha longa loita.

-Reclamou a oficina da DGT (as xentes de Vigo tiñamos que ir a Pontevedra por esas xestións). E gañou, despois de anos de loita.

-Impediu a saída do aeroporto de Peinador dunhas pezas necesarias aquí. E gañou

-Reclamou a capitalidade da provincia para Vigo.

-Como deputado provincial defendeu a Vigo sin desmaio

Isto como exemplo dun home, -mellor dunha familia- que fixo historia nesta cidade pero, para min, o mellor foi que creou unha cultura de colaboración entre os milleiros de seguidores sacando a moitos deles do aburrimento ou da drogadicción.

A derradeira vez que nos saudamos foi pouco antes do seu pasamento nun restaurante en Canido.

Naquel mesmo espazo de tempo, Radio Vigo fíxolle unha longa entrevista na que debullou partes da súa vida rematando cunhas palabras conmovedoras.

“Cando morra quero que as miñas cinzas voen sobre Vigo para poder seguir defendéndoo”

Van aló 15 anos e parés que xa está esquecido.

Sería un bo traballo para o IEV (Instituto de Estudos Vigueses)

Telmo Comesaña febreiro 2019

A %d blogueros les gusta esto: