Influencias perversas

O rapás íase facendo un home. Os pais estaban orgullosos: viñera tarde, pero nel tiñan a espranza de acougo na vellez, que estaba preto.

O rapás era algareiro e xa se vía que ía ser afoute. O mestre díxolle ó pai que levaba ben os estudos, e que tiña condicións de poder ir o Instituto de Ensino Medio.

Algunhas veces chegaba tarde a casa, con papeis e unha bandeira que os pais descoñecían.

Ó pai dábanlle consellos:  “ten cuidado con ese chico que se puede perder”. O home, humilde e sin máis vida co traballo “escravo”, non entendía ren, e empezou, -él e a súa dona-, a preocuparse. Os consellos fixéronse advertencias: “tienes que hablar con el chico porque está dando malos pasos, y eso no os conviene”.

Conversa.

Ven pra có fillo…ímos falar. O mociño quedou sorprendido, o pai nunca lle falara así…, -Dime, cómo é que chegas tarde e andas con papeis e tes unha bandeira no cuarto, e tal e cual…, -Pai, é que ando cos amigos, pa falar e pasarmolo ben. Tes alguna queixa de min, pai…?  -Non, oh…, pero dime, ti queres estudar unha carreira…?  -Pois quero. Quero ser filósofo…,  -Filo…, qué? Nunca tal cousa oin…,  E iso pra que vale…?  – Pois pra entendelo mundo, pra aprender a razoar, pra que sexamos libres e non nos chuchen o sangue…,  -Pero fillo, entón ti qué ideas tes…?   -Pai, eu son de esquerdas… -De esquerdas…! –E iso qué é fillo…?

O mozo non contestou e saíu da conversa dicindo, deixámolo pai, porque teño presa, xa falaremos outro día. Quedou preocupado polas preguntas do pai, e non entendía como aquel home tiña tanto interés en coñecer a súa vida, sabendo que, –tanto él como a nai-, eran moi bos, pero sin formación ningunha; só sabían traballar como os animais.

Seguíu o camiño que comezara deica a liberdade, comprometido cos ideais revolucionarios a prol dun mundo mellor e máis xusto.  Que non fora como o dos pais. A  xente do partido vía nel un futuro líder.

O pai seguía tendo advertencias “¿hablaste con el chico…?” –Falei, si señor; e contoulle a conversa e os desexos de estudar Filosofía, e as ideas de ser de esquerdas.  “Bueno hombre bueno, eso se puede arreglar”. O señor   foille suxerindo ideas para desviar do camino que tiña trazado aquel mozo intelixente e afoute. Tiña que estudar Dereito para ser avogado.

Entrementras o pai recollía ordes, a nai tomou parte no asunto en cuestión, e inquerindo  no fillo, preguntoulle: -a ver fillo,  qué  é o que che amola home? Que me dixo teu pai que queres arranxar o mundo. Ben se vé que és moi noviño e afoute. Ai, canto te queremos fillo querido! E dís que queres  ser de esquerdas!.

Sentiuse inquedo, a nai nunca lle falara así; colleu folgos e díxolle, si nai, son de esquerdas: quero cambiar a vida da xente; dame mágoa mirarvos traballar como escravos e humillados para este tirano, e vivindo nesta choupana  ao carón dos animais, mentras eles viven nun pazo, e a min míranme mal. Son o fillo dos criados.

A nai fixo o pranto como si dun acto funerario se tratara, con xemidos, saloucos e arrinque de cabelos. Logo de serearse, contoulle a súa vida. Eles sempre foran moi pobres, e o amo colleunos de criados. Pensa fillo. Qué vai ser de nós si nos votan fora,  a onde ímos ir, quén nos vai dar traballo e onde vivir? Pensa, e faille caso a teu pai, él sabe como sair disto.

Non daba creto, doeulle escoitar á nai e, doíase de facela sufrir. Non sabía que facer.

Ían pasando os días e naquela choupana faltaban os sorrisos e as brincadeiras, a tristeza e a preocupación tomaran o relevo.

Deixou de ir ó partido, afroxou nos estudos e mostrábase agoniado, e os pais tamén.

O pai voltou a falar con el; desta  volta xa tiña resolto o problema que tanto os preocupaba: estudaría Dereito  para ser un home de ben; o señor faríase cargo da carreira.

Aturdido pola afouteza coa que o pai lle falaba, -impropio naquel home analfabeto-, inqueriulle: e ó rematar a carreira ponme o bufete no que traballar?  O pai, sacando folgos díxolle: non, home non, para traballar non; despois vas pro partido, ti non tes que preocuparte polo traballo, o señor díxome que podes chegar moi arriba. Faime caso fillo, isto é mellor pra ti e pra nos, que xa ímos sendo vellos .

Pai, non se fale máis. Decisión tomada.

E do mesmo xeito  que un añiño vai o sacrificio, o mozo foi á Universidade a estudar a carreira que lle asinaran os demais. Deixou aos amigos de sempre e, non esperou a rematar a encomenda pra alistarse nas novas xeracións do partido.

As cousas empezaron a mudar, o señor deulles unha casa na que  vivir; deixaron a choupana e, o trato mellorou moito. O camino do éxito estaba despexado, só faltaba rematar a carreira. O mozo ía como un lóstrego, sorprendía á profesores e compañeiros; era un asisado  estudante.

Rematada a carreira, o partido xa o propuxo na lista  pra concelleiro, e alí pasou catro anos destacando como voceiro a prol dos intereses do partido… Foi subindo ata chegar ó Parlamento. Os pais, xa velliños non daban creto.

Casou ben, viñeron os fillos e, estivo moi activo, tiña amigos e na casa facían festas, pero para os país non tiña tempo…, Mirábaos de cando en vez. Cando viñan as visitas, os velliños eclipsábanse. Non podían formar parte do grupo e dicir: este é o noso fillo. Das relacións encargábase a nora.

Xa na madureza, reflexionou.

Quixo arranxar o mundo. Sacar ós país da escravitude na que estaban inseridos, e non puido; o mundo seguiu como estaba ou peor, e él contribuira coa súa actividade partidista. Tronzáronlle o camiño pero non o cerne,  e agora decatábase de que él, no exercicio da súa profesión tamén foi escravo e traidor. Renegou aos principios, e en vez de defender aos humildes adicouse a apoiar ó partido, moitas veces con remorsos da propia conciencia. Os pais, escravos do señor, él escravo do partido, do sistema, do poder.

Non hai volta atrás, o camino andado non se pode desasandar.

Telmo Comesaña,   xuño 2017

4 comentarios en “Influencias perversas

  • el 08/06/2017 a las 11:21 pm
    Permalink

    Telmo, una historia triste pero muy real. Pero, como decía el gran filósofo E.Fronm, tenemos “miedo a la libertad”, sobre todo a la del pensamiento.

  • el 08/06/2017 a las 11:39 pm
    Permalink

    Esa é a eiva que estamos padecendo: a do pensamento.
    Pensar é un risco que se pode pagar caro…ou coa vida, como noutrora
    gracias alex por darme pé para este apuntamento

  • el 10/06/2017 a las 3:21 pm
    Permalink

    Yelmo. Supongo que esa historia guarda un gran parecido con muchas historias que hay por España.
    Gloria.

  • el 23/06/2017 a las 10:52 am
    Permalink

    gústame
    grazas Telmo

Los comentarios están cerrados.

A %d blogueros les gusta esto: