Homenaxe ó caravel do aire

Cantas veces pasamos por un lugar sen fixarnos en algo, e pasado algún tempo nos sorprende a súa presenza naquel sitio!. E logo quedamos pensando,-…E canto tempo levará aquí sen eu me decatar? Cantas cousas importantes hai neste lugar: tantas e tan fermosas que non reparei nesta marabilla.

O mesmiño nos acontece coa xente que nos arrodea .

Hai xente que destaca pola riqueza acumulada, ou por ser un futbolista de sona, ou un político, ou que si é rei ou raíña ten que destacar e facerse ver, aínda que sexa por mudar de traxe ou de vestido.  O importante é estar nos medios. Pola contra hai persoas que en silencio, se dedican a axudar aos que o necesitan e  fano de bo gusto. E velaí que se senten agasallados con só poder compartir e apoiar.

Os meus caraveis do aire merecen un recoñecemento

Eu son un deses despistados que tendo diante de min estes “seres” nunca reflexionara sobre eles; que vergoña.

Teño de veciños á unha parella nova coa que nos levamos moi ben; axudámonos mutuamente e un dos motivos é a horta: -que plantar, onde se merca, como hai que tratar, etc. Onte falabamos  -el da súa horta e eu da miña- e sorprendeuno as flores dunha cachopa dun caravel do aire enganchado nunha pola dunha “dama da noite”; preguntou: -que flor é esa que tes aí?. – É un caravel do aire, contestei eu. -Nunca a vin, dixo el-. Con pousalo enriba dunha pedra ou colgalo de algo é suficiente.

Rematei o tema ofrecéndolle unha cachopa da que puido sacar oito ou dez plantas.

Vino con dúbidas, mais de contado sentiuse ilusionado,  deume as grazas e deixou caer, -a miña compañeira vanlle gustar.

Seguiu interesándose pola planta  e non daba creto ao que eu lle dicía: -non se pon na terra, nin se lle bota esterco, nin se rega…cólganse na rama dunha árbore ou nun arame calquera e vai medrando non sei como- . Aí sentinme incómodo por non saber resolver as dúbidas que el tiña,  e que eu era incapaz de darlle unha razón pola que a esa planta  non lle fixera falta nada para vivir, crecer e florecer.

Teño caraveis colgados nas ramas de árbores, nas reixas e nos arames.

Así cando baixo da casa xa os teño case a pegar neles…e nunca reparei nese “ser” humilde , que non se queixa por non ter os coidados doutras plantas (boa terra e ben abonada, regada con frecuencia si non chove, podada no seu tempo, tratada si algún verme se mete nela, etc.)

Teño que dicir que lle presto moito máis tempo e agarimo ás roseiras: vermellas, rosa pálido, rosa intenso, amarelas, brancas, e de cores combinados; algunhas con aroma (pola maná fresca).Durante o día doulle varias voltas por si precisan dalgún coidado. Estes días estou retirándolle as herbas bravas que teñen arredor delas.

..E ós caraveis nunca lle prestei atención, aínda estando ateigados de flores!.. . Que inxusto.

Nós, na casa, temos por norma non arrincar as flores para levar dentro da casa; concedémoslle o principio establecido para tódolos seres vivos[nacer, vivir e morrer]. Cando empezan a abrir as calas forman un conxunto verde-branco que resplandece cando o sol as cubre de luz pola mañanciña fresca. Eis outra regalía da primavera.

Ansia de saber

Agora xa teño outra cousa que aprender; buscarei a un experto en especies raras de floricultura para que me informe do que parece un “misterio”: crecer, vivir e morrer.(digo crecer porque non sei como nacen)

Nacer vivir e morrer  , é un proceso que teño moi claro; non é un invento meu; díxomo un médico sendo eu moi noviño. Eu, a esta aseveración engádolle outra frase que é a que experimento na miña vida “dexenerativa”, e velaí que o resultado é:

A vida é un [proceso “dexenerativo” que consiste en nacer, vivir e morrer]. Pero, o nacer non o escollemos nós, é cousa dos nosos pais e da Natureza. Vivir xa depende de moitos  e moi variados acontecementos e persoas que nos coidan, axudan, ensinan, aman e comparten a vida connosco, até un fin non acordado. A vida ten de seu unha parte moi importante do enfoque que lle deamos,  e en que circunstancias  podemos atoparnos sen pretendelo: fracasos, liortas, guerras, pestes e pandemias, etc. Moito depende de nós mesmos .Lembro o que me dicía un alcohólico  -coetáneo- que dado a súa melancólica vida non saía do médico e este deulle un consello: mira Xián: vivir escríbese con “uve” e beber escríbese con “be”. Tes que escoller compañeiro.

O “fin” témolo garantido.

Os caraveis do aire só os vin crecer; só lle morren as follas.

Toca saber.

 

 

 

 

Telmo Comesaña   maio 2020

A %d blogueros les gusta esto: