Homenaxe ás vítimas do franquismo na Illa de  San Simón.

Nueva sección Cartas de libre Expresión   Remitida por Telmo Comesaña

Ás nove da mañá saía o primeiro barco do peirao de San Adrián deica a Illa. E así cada media hora até ás once. Ás once e cuarto arribaran ó peirao da “Illa da Memoria” arredor de 500 persoas.

Faltaban -como é habitual- os/as representantes dos medios de comunicación. E, por suposto, as xerarquías municipais, provinciais e autonómica.  Para esa xente este acto é un pesadelo. Aconteceu o domingo día 21 de xullo -como ven sendo dende hai anos, o domingo máis preto  ao 18  de xullo-. No mesmo día do 1936, foi cando  un grupo de militares fascistas deron un golpe de Estado fallido -os primeiros asasinados foron militares da máis alta graduación- que deu lugar a unha guerra. Coñecido é o desenlace co apoio de Hitler, Mussolini e Oliveira Salazar

San Simón Illa da Memoria

Neste espazo que noutrora fora “Lazareto” foron amoreando homes cando xa encheran o cárcere de Vigo e o Frontón da rúa María Berdiales: rapaces de 16 a 19 anos, e daí en diante, até anciáns de 78 anos. Por alí  pasaron arredor de 6000, ata o ano  1943. Moitos deles foron chegando do Norte, de Levante e Sur de España, transferidos doutros campos de concentración aos campos galegos. Tamén ían  saíndo: San Cristóbal-Navarra, Camposancos, etc. Outros saían para ser “paseados” na Concheira  ou para ser fusilados no Castro-Vigo, e soterrados no cemiterio de Pereiró,  despois de xuízos sumarísimos. E os máis, mortos de fame, miseria, enfermidades, maltrato,  frío -o inverno na Illa é unha tortura- e de angurias: lonxe das familias.

A tortura non só era física, quizais a peor era a psicolóxica: tiñan que ser católicos apostólicos e romanos,  -como  manda la santa madre iglesia-. O xesuíta Petronilo Nieto, deixou un ronsel de medo e tiranía, que chega até nós. Lembrar ao padre Nieto, arrepía. Os abusos  criminais sobre aqueles homes –indefensos, inocentes e sin causa-  eran cotiás: catequese e misa eran de obrigado cumprimento. Tiñan que recristianizar á sociedade e tódolos métodos, por inhumanos que foran, valían. Así, mataron dunha ou doutra maneira preto de 2.000. (Ver bases de datos en “Episodios de terror” de Gonzalo Amoedo e Roberto Gil)

As familias das vítimas

Ademáis das galegas veñen de distintos puntos de España. Queren pisar os lugares onde pisou  o seu devanceiro: sentir o seu sufrimento, as súas angurias…; emociónanse cando o guía da Iniciativa Galega, vai mostrándolles os espazos permitidos, o paseo dos buxos e pouco máis. Non lles estaba permitido o paso á illa de Santo Antón. Alí ficaba a organización do Campo de Concentración.

Este ano a visita foi dunha familia andaluza -dúas bisnetas, Pilar e Mercedes- de Francisco Merino Valenzuela, de 65 anos de idade, natural  de Jaén. Finou  na Illa o 14 de xaneiro do 1941 e soterrado  no cemiterio de Lavadores-Vigo. Dende hai anos no osario xeral.

Esta familia, igual que outras de León, Euskadi, Barcelona e outras localidades españolas, levaban anos buscando onde poderían estar os restos do seu bisavó -antes xa o intentaran fillas e netas, pero non o conseguiron-  mais  elas, seguiron buscando malia que parecía imposible. Van aló mais/menos tres meses, a   ”Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36”, puido confirmarlles o lugar onde repousan os restos que tres xeracións buscaron, Pilar e Mercedes  -acompañadas  dunha filla e dun fillo-  souberon -por fin!- como puido ser o “vía  crucis” do bisavó Francisco .

O máis doloroso para esta xente é o desleixo das autoridades para resolver este problema  que  se traslada dunha xeración a outra, e a outra, sen saber cando terá fin. Esquecer é imposible. Francisco e miles de homes e mulleres, son recordados polos seus.

Láianse, como nos laiamos todos de que en Galicia non haxa un organismo que atenda as vítimas.

Na conversa posterior xorden as preguntas e os comentarios:

-Como é posible este abandono dos gobernos do Estado, das Autonomías, das Deputacións e dos Concellos?- Por que nos torturan desta maneira?

-Como se pode dicir que España é unha democracia cando nin sequera nos facilitan os datos do lugar de enterramento?

As preguntas seguen e a emoción desbórdase; imposible conter as bágoas.

Quizais o peor de todo é que nin se respecta o artigo 10.2 da Constitución do 1978 (Las normas relativas a derechos fundamentales  y a las libertades que la Constitución reconoce, se interpretarán de conformidad con la Declaración de Derechos Humanos y los tratados y acuerdos internacionales  sobre las mismas materias ratificadas por España).

O acto

Cada ano ten unha motivación especifica: unha das máis emotivas foi ás mulleres de Redondela que auxiliaban aos presos. Ao través de códigos que eran visibles dende Cesantes  e outras parroquias, as mulleres achegábanse á Illa, levando comida, roupa para abrigarse e espiollar e lavar a que traían de volta. Heroínas silenciosas.

Este ano foi contra a impunidade: anos e máis anos soportando todo tipo de aldraxes: os crimes contra a humanidade, recoñecidos por Nacións Unidas, seguen sen resolver.  As vítimas seguen sen ser recoñecidas; os xuízos sumarios sen anular; o roubo de nenos/nenas sen resolver; as vítimas de desterros, incautacións, etc. Unha realidade que o Departamento para os Dereitos Humanos das NN.UU. é inconcibible .

O ano 2014 na Asemblea Xeral de NN.UU en Nova Iork, o Relator Especial de NNUU, Pablo de Greiff, condenou duramente a actitude do Estado español.

Sabemos que no 2020 , o Estado español será novamente investigado.

Xa de volta no peirao de San Adrián rematamos este relato iniciado  no barco e alguén dixo:

E a sociedade onde está…?

E a xustiza? Apunta outra

-Dios, que disparate!

Respostas hai dabondo. Que cada quen poña a súa.

Telmo Comesaña,     agosto 2019

A %d blogueros les gusta esto: