Futuro incerto
Ó abeiro do poder que os militares golpistas lle deron, a Igrexa Católica despregou dende o primeiro momento unha actividade frenética a prol de someter á socidade. A palabra empregada era “Recristianización”, e o que se escoitaba nos sermóns e nas homilías era que España convertirase nun país de “misión”. E alí onde ían tomando posesión ía poñendo en funcionamento o aparato represor.
A cidadanía tiña que ser “católica, apostólica e romana”.
Había unha confusión nos termos: a recristianización da que falaban poderíase entender que acollía a todalas confesións cristiáns, pero a realidade era outra: “somente a pertenza a Igrexa Católica garantía a salvación eterna, porque era a verdadeira”. Aquí non se coñecían coptos nin ortodoxos, pero protestantes luteranos e calvinistas, e Testemuñas de Xehová, si. Uns e outros foron considerados enemigos e metidos naquel grupo denominado “Rojos”, e moitos deles e delas pagarono coa vida.
E xa que logo, en Alcabre tamén houbo misión. Daquela eu ainda non debía ser monago porque lembro pouco do acontecemento; só de mirar moitos curas e da cruz, que como testemuña quedou suxeita na parede frontal da igrexa.
Había unha intensidade de actos, -algúns xa mencionados en artigos anteriores- que tiñan á xente pendente da Igrexa:
O rosario era o modelo de oración comunitario, e facíanse campañas polo rosario en familia, -“mensaxe do padre Peyton”-, e afortalouse a devoción ó Corazón de María, que según proclamaban aparecérase en Fátima-Portugal.
A virxe de Fátima peregrina a Galicia
Unha imaxe da virxe saiu de Fátima e viu parando de freguesía en freguesía até chegar ó Miñó, e dalí viu de parroquia en parroquia peregrinando e os ministros do señor anunciando os terribles danos que causarían os pecados dos homes. Anunciaban tamén a salvación que consistía en cumplir as promesas que a virxe lles fixo aos pastoriños, -criaturas pobres e analfabetos-, e o rezo do santo rosario era unha das oracións que máis lle acaia.
En alcabre estivo parte dun día e unha noite. A oración fíxose contínua por quendas de adoradores rezando rosarios até que se despediu a prol doutra parroqia, e íase cantando: “El trece de mayo la virgen María / bajó de los cielos a cova de Iria / haced penitencia haced oración por los pecadores implorad perdón / ave, ave, ave María/ ave, ave, ave María / las modas arrastran al fuego infernal / vestid con decencia si os quereis salvar /…”.
Outra das actividades para reafirmar o rosario foi
A cotío se escoita –nos faladoiros radiofónicos, na prensa escrita e, entre amigos-, as palabras “rematou como o rosario da aurora”. E eu preguntolles. –Sabedes o que foi o rosario da aurora? E a resposta sempre é a mesma, -Non, pero como se dí a cotío…!
O rosario da aurora vivino máis de preto e participei algunas veces, ainda que non sei cando empezou nin cando rematou; o que coa madurez e reflexión que se fai co devalo dos anos, a miña consideración é que aquel acto era unha tortura para a xente traballadora; imos ver:
Ás seis da mañán saíase da igrexa rezando o rosario e cantando. As campás repinicando sin parar, -dou fe porque eu era dos que repinicaba e facía relevo con outros rapaces-. A procesión ía Castañal arriba rezando e cantando, lembro algo das cancións: “Levántate fiel cristiano que ya viene la mañana / levántate que la virgen para el rosario te llama / venid cristianos venid que las campanas son su voz / venid cristianos venid que su rosario es salvación…e seguía”.
Naquela época os traballos nos talleres e nos asteleiros empezaba ás oito, oito e media ou nove horas. Aqueles veciños ergueríanse o máis cedo ás sete horas, pero “o sistema” xa os despertaba ás seis con repenique de campás.
Ainda que había persoas que ían camiñando e rezando o rosario, -iso vino ata hai poucos anos-, o rosario levaba en si, a participación de máis xente.
Para algúns dos rapaces que íamos alí, o que nos importaba era repinicar as campás; iso non era para todos: subir o campanario, estar no poleiro da igrexa e repinicar era unha aventura, que tiña que ser doada polo sancristán.
E facelo ben non é tan doado, precisa entrenamento para levar a orde e non trabucarse: repinicar é facer música, e poucos eramos os que disfrutábamos daquel “arte campaneiro”
Tempos idos. Algúns momentos felices
Telmo Comesaña maio 2017