Éxodo


Un día e outro día, e outro… Parés que non ten fin: África desángrase no Mediterráneo. Nos medios de comunicación dan fe do traballo das ONG no seu afán de salvar vidas: homes, mulleres -moitas delas embarazadas-, e crianzas.

Por que virán? Quen os empurra? Serán os deuses da sabana, do Kruger, do Kilimanjaro ou do Atlas?

O pesadelo da inmigración africana

É sabido que as migracións son bíblicas e -debeu ser así como se poboou a terra-. Na última década do século XX e no que vai do XXI, a presión sobre Europa é manifesta: de Marrocos ían chegando rapaces novos  agochados en camións, en  barcos de transporte mixto ou en pequenas  embarcacións. A distancia entre Ceuta ou Melilla e Málaga é curta  e sen moitos riscos.

Despois, -para sorpresa e arrepío- foron chegando os “caiucos”, -lanchós con bancadas de babor a estribor nos que se amoreaban ata cen ou máis persoas-

Ninguén se explicaba como podían facer rutas dende Senegal e o Sur de Mauritania. Catro, cinco ou seis días de ruta.

Que horror!

As televisións recollían as chegadas daquela xente atormentada: desfeitos polo frío, a fame, a salitre pegada  aos seus corpos. Non falaban das penurias, nin dicían cantos morreran na travesía, nin sabían cantos daqueles “ataúdes” flotantes afundiran. (Os medios de comunicación deran a nova do  achado preto do Ecuador dun caiuco á derriba con dous ou  tres  homes momificados). Chegar as Illas Canarias era para eles e elas acadar o obxectivo. Xa estaban en Europa, aínda que xeograficamente as illas sexan chan africano.

Nestes últimos anos as guerras de Siria, Senegal, Chad, Níger  e toda esa zona en conflito permanente  está á desprazar xente deica Europa e o camiño ideal é atravesar o Mediterráneo.

 En  Europa esta avalancha non é ben recibida: créanse campos de refuxiados en Dover (Francia), Turquía e Grecia –pobre país heleno!- que ten que soportar a maior chegada.

África terra de escravos

Os perdedores das batallas tribales eran vendidos aos escravistas para traballar os campos   do continente americano. Un gran negocio para os tratantes de carne humana.

Nos séculos XIX e principios do XX,  África foi sometida polas nacións europeas, convertindo aos nativos en escravos na súa propia terra. O continente foi saqueado ata nas reliquias dos pobos que a habitaban.

Dou en pensar que:

Ó ter Europa como obxectivo de “terra de promisión”, obedece a algo máis que as guerras, a fame,  ou a calquera outra cousa que non chego a entender.  O que si creo é que responde a unha chamada interna dos pobos de África: veñen para atoparse coas raíces.

A súa historia etnográfica non está na terra onde naceron. Os tesouros están nos museos europeos: Alemaña, Reino Unido, Francia, Bélxica e Holanda, Dinamarca, Italia, España, Portugal, etc.

mapa EuropaEstes tesouros son moi rendibles para os países que os posúen.  Por eses espazos “desfila” a poboación culta do mundo.

Reclamacións

Na década dos sesenta do pasado século os países sometidos foron conquistando a súa independencia, mais a riqueza seguiu no poder das grandes corporacións oligárquicas: (petróleo, minería e bosques) son as grandes riquezas, cuxo beneficio non chega aos pobos, manténdoos como escravos na súa terra no século XXI. As reclamacións dos seus recursos etnográficos tamén lles é negado.

Van aló uns cuantos anos que visitei Exipto nun viaxe organizado por unha  axencia de viaxes. O guía era un profesor de mediana idade -excelente-.

Eu levaba aprendida a lección -ou iso pensaba eu- porque lera “Sinuhé el Egipcio”; xa vira o obelisco da praza da Concordia en París e no museo de trocadero a maqueta explicativa do desmontaxe e traslado do obelisco ata París.

A primeira visita que fixemos foi á Karnak, en Luxor, (antiga Tebas). Alí, diante dos pilonos só está un dos fascinantes obeliscos. Aquela amputación arrepioume. Logo o guía deu a explicación daquel expolio.

No Museo do Cairo, -impresionante todo el-  tamén saíu o comentario doutras moitas reliquias que están en museos europeos, entre elas o busto de Nefertiti.

Noutra viaxe a Berlín non me perdín a ocasión de visitar a peza “sagrada” para os exipcios. No “Neues Museum” loce maxestosa a figura de Nefertiti.

Vaites, vaites, e eu que pensaba que levaba a lección aprendida!

Meu deus, que atrevida é a ignorancia!

 

 

 

Telmo Comesaña    xaneiro 2019

A %d blogueros les gusta esto: