Excursión a Rois e Compostela
Programado polo “Taller dos Viaxeiros” do Centro Sociocomunitario de Coia, o venres día 26, un grupo de 48 persoas decidimos achégarnos a Rois, para coñecer o Pazo do Faramello; o Hostal dos Reis Católicos e a Catedral en Compostela.
Abofé que o tempo foi como si o escolléramos nos mesmos adrede. O conxunto de viaxeiros estivo formado ademáis das persoas de Coia por outras dos centros de Vigo-Centro e Teis. Coido que isto de misturarse é importante para coñecernos mellor xentes dos diferentes barrios da cidade.
Saída
Ás 9:30 da mañán saímos de Coia coa idea de chegar á primeira visita arredor das 10:45 horas . Ao chegar á porta de entrada da finca, o señor do Pazo deunos a benvida e cunhas breves palabras anticipounos co que nos íamos atopar: fumos baixando por unha corredoira chapacuñada de pedra, entre dous muros; ás beiras carballos e castiñeiros centenarios de grande porte ensombrecían o espazo adornado cos ourizos das castañas, e así até chegar fronte á casa. Alí diante da capela –peza principal dun conxunto formado por un canastro, as pedras dun muiño e un cruceiro-, deunos novamente a benvida oficial.
O pazo non é un clásico rural, -como outros que ai por Galicia adiante-.
Alí naquel cañon do río (afluente do Sar) emplazouse a primeira fábrica de papel de Galicia no ano 1710. Porén este é un pazo industrial. Precisaba instalcións: batáns, muiños, prensas e os trebellos manuais para o desemvolvemento da activdade industrial. Asemade moita auga e persoal, (según comentou era femenino); que vivían ao carón do traballo como nunha pequena aldea.
Percorrido
Non é moi doado para persoas con dificultades de movilidade e das de baixa visión (que é o meu caso). As baixadas e subidas por escaleiras irregulares de pedra, son problemáticas, pero paga a pena inténtalo.
O guía foinos dirixindo e informándonos do que tiñamos diante e a terra que pisabamos, (alí houbo moita vida). Asemade facíanos ver como era a paisaxe do bosque e dos xardíns na primavera: a frondosidade das árbores.
Os contrastes de luz e sombras con raiolas solares que se colan entre as follas, son un espectáculo que se dá en días especiais como o que nos tocou visitalo. Ademais do bosque con diversas variedades, hai xardíns de camelios, froiteiras, frores, entre outras moitas especies; o “xardín arbóreo en homenaxe ás vítimas do accidente de Angrois” tamén se atopa alí.
Pola finca pasa o camiño de Santiago portugués, e a zona está moi influenciada polas lendas do traslado do apostolo, a raiña Lupa, o castro celta e a pedra dos milagres da cultura ancestral forman parte da riqueza cultural do Faramello.
A visita remata co paseo polo interior da casa; sorprende que despois de 300 anos teña unha esmerada conservación tanto no exterior como no interior: salas amobladas con esmero cos adobíos da época, pintura dos devanceiros, xoias e pezas artísticas que se van acubillando co paso do tempo. Coido que ó ser a familia dos fundadores os que seguen como herdeiros sinten o latexo dos seus devanceiros e conservan con orgullo a casa matria.
A despedida e últimos comentarios fanse na antiga adega, cun viño branco moi aceptable e un anaco de empanada. A visita é máis que recomendable.
Rumbo a Compostela, xantar e visita ao Hostal dos Reis Católicos e a Catedral
Nada mais acabar de xantar, a guía, Ana Rodal, que ía acompañarnos nas visitas da tarde, fixo acto de presenza e distribuinos os audios para mellor seguir a información; camiñando deica a praza do Obradoiro foinos informando da simboloxía que había nas portas e o significado que tiñan con respecto a: si a propiedade doutrora correspondía a Catedral ou a San Martiño Pinario, sin deixar os nomes das igrexas e dos bispos, cóengos e outras autoridades eclesiais.
Unha vez chegados ao frontal do Hostal recibimos unha leción maxistral sobor do devandito edificio e das etapas ao longo dos séculos. Entramos ó interior, pasamos a un claustro e logo a outro, logo a que foi capela (alí consérvase a pía na que bautizaron a Rosalía de Castro); subimos ao primeiro andar e logo o segundo e…incansable ía debullando os máis mínimos detalles daquela obra ao longo dos tempos. Certamente, está fermosísimo.
Na catedral seguíu co mesmo ímpetu: pasamos de sala en sala informando e contestando as preguntas que se lle formulaban, indicando detalles que podían pasar desapercibidos ata chegar á balconada que da unha visión moi ampla do Obradoiro, edificio Rajoy, Hostal e Universidade.
Nun gran patio interior (enriba da nave central) falounos das torres, das campás, dos arquitectos… alí tomóuselle a voz e non faltou quen lle pasara un grolo de auga e un caramelo de alcolito. Volveu coller ritmo e baixamos pra básilica. Detrás do pórtico da gloria deunos outro recital histórico sobor da obra do mestre Mateo, e logo de facer o percorrido de “obrigado cumprimento” da aperta ao busto do apostolo, as capelas e a porta santa, para rematar na parroquial.
Saímos e continuou con San Martiño Pinario: a súa riqueza, superficie ocupada, actividades doutrora e actuáis; seguimos pola Ourivería e a “casa da parra”, a Quintana dos mortos e Praterías rematando en Fonseca.
Ás 7 da tarde estábamos esgotados; catro horas seguidas é un esforzó grande, pero ela non parecía estar cansa. Nos esparexémonos por grupos, cada quen a onde mellor lle pareceu, e ás oito xuntámonos novamente á porta do Hostal para entregar os audios, despedirnos dela e ir deica o autobús para retornar ó punto de partida.
Resumo
Excelente o programa e ben levado. A guía foi inconmensurable, así a considero eu; o colectivo fantástico: puntual, preocupado polos deficientes (agradezo ás persoas que me ofreceron a súa axuda).
Parabéns para a organización e ánimo para buscar outros lugares que visitar: temos unha grande riqueza na terra galega e, a cultura é un motivo para entendernos mellor.
Os meus recoñecementos aos de Teis e Vigo-Centro
Texto: Telmo comesaña, Fotos: diferentes usuarios.
Outubro 2018