Liberación

Este día dous de maio 2020 marcou un fito histórico no país: o día anterior o presidente do goberno español deu a orde dunha saída condicionada a uns criterios moi asisados para ir deixando a reclusión imposta polo coronavirus.

Maldito verme que fuches o causante de parar o mundo o converterte en “pandemia”   levando por diante a milleiros de humana xente. Como sempre acontece con estes microscópicos visitantes sempre chegan sen avisar, e só se sabe deles cando empeza a morrer xente infectada.

Pois ben; que pasou o primeiro día de saída controlada? A pouco de erguerme xa vin xente correndo deica Samil  (non sei si chegarían aló, porque a distancia permitida era só de un Km). Despois pouco máis tarde xa eran xente con rapaces e raparigas; máis a tardiña  xente con fartura, coches, motos e bicicletas  como antes do encerro obrigado.  Coido que o respecto ás advertencias fixadas pola normativa non se tiñan moi en conta. A ansia por saír a dar unha volta tiña que ser moi grande e, voltábase a rutina de iren polas rutas que lles eran familiares.

O conflito é de tal magnitude  que  tódolos problemas que ateigan ó mundo desapareceron do escenario. A situación despois de escasos dous meses é  de desconcerto: os medios de difusión e as redes sociais non paran de dar novas para que a cidadanía sexa consciente do problema e de como atallalo; os bulos confunden a xente;  os oportunistas que aproveitan a ocasión para facer negocio a conta das persoas fáciles de convencer; as normas e avisos que van mudando segundo avanza o proceso e…o máis lamentable a rifa permanente da chamada clase política.

Ollar as rifas no Parlamento é descorazonador e penso: Si tanto lle queren a España, por qué non axudan ó goberno incondicionalmente? Trátase da vida  da xente e do porvir tan inseguro para unha sociedade á que hai que darlle de comer e teito para acollerse . A vida dos humanos non é cousa  dun “quítate ti para poñerme eu”. Pensen señores e señoras parlamentarios/as que están a vivir á conta da xente que os está a manter e que teremos que pedirlles contas polo desleixo que mostran.

[Menos mal que nos queda Portugal]

Dicía a canción  de “Siniestro Total”. Que lección nos dá o país!  irmán(o de irmán é un dito popular, mais ningún portugués quere ser español; reafírmano ben no refrán “De España nin bo vento, nin bo casamento”)

Diante do problema da pandemia  a actitude da oposición foi exemplar:  o líder da oposición apartou as diferenzas políticas que os separan  e púxose ao carón do presidente da República  con palabras das que deberíamos sacar proveito. (Que teña moita sorte, porque a súa sorte será a nosa sorte).

Tanta presión sobre científicos e goberno lévanos a esquecernos de todo o demais que nos magoa; a pobreza que nos ameaza: xente tendo que recorrer a comedores de caridade; persoas anciáns que viven soíñas e -por falta de Residencias públicas-  teñen que ser asistidas por voluntarios; nenos e nenas que pasan fame e un largo etcétera de problemas que debería socorrer o Estado.

Eis o problema. O Estado de benestar devalou co sistema neoliberal imposto e do que a maioría da cidadanía somos vítimas: redución de impostos ao gran capital; paraísos fiscais; trasfego de armas, deslocalización de empresas e múltiples chanchullos inimaxinábeis que nos pasan desapercibidos ó estar tan entretidos  con todas as distraccións que nos aporta. E nós deixámonos levar.

Impórtanos moito saber o que pasa no mundo.

Para min, ser positivo non é esquecerme do problema, senón afrontalo.

 

 

 

Telmo Comesaña    maio 2020

Un comentario en “Liberación

  • el 13/05/2020 a las 5:16 pm
    Permalink

    Para mi también es positivo no olvidar a la cantidad de gente que ha estado y está arriesgando, y dando, su vida por salvaguardar la de los demás, me refiero naturalmente a nuestros sanitarios, transportistas, personas que se han cuidado de suministrar lo necesario para vivir, y los voluntarios que han seguido dando de comer a los más necesitados.

Los comentarios están cerrados.

A %d blogueros les gusta esto: