Escola de artes e Oficios de Vigo

Dende hai uns  meses  vense publicitando unha exposición neste centro de ensino, creado no século XIX, co gallo  de formar aos  traballadores e darlle pulo a cidade, tanto nos Oficios, como nas Artes e nas Letras.

Empresarios e políticos daquela eran conscientes da necesidade de formar aos obreiros, fora cal fora a súa condición e/ou orientación política ou relixiosa: home ou muller. O traballo feminino era  parello ao masculino. Fábricas de louza, como a de Álvarez; Alonarti, Artística, conserveiras e manipuladoras de peixe no Berbés e nos mercados, costureiras, etc.,   eran mulleres nun elevado porcentaxe. (isto desmonta o tópico de que as mulleres non traballaban fora da casa).

Exposición   

Convidado polo “Ateneo Atlántico”, fun con un grupo de xente, a coñecer a mostra, que foi  guiada polo mesmo Director do Centro de Ensino. Abofé que non podíamos ter mellor guía: ao longo dunha hora e media foinos mostrando a historia física e documental: documentos, fotos, libros, traballos, máquinas, retratos dos fundadores e dos mecenas; descrición das épocas e crises polas que pasou; sobre todo, a partir do 20 de xullo do 1936 -seguindo, condicionada polo réxime ditatorial até o ano 1979-  e a  función na actualidade. Os Oficios e as Artes seguen impartíndose, acomodándose as necesidades do momento histórico no que nos toca vivir.

Preto do final deunos unha explicación detallada  de Ricardo Mella e da súa familia. Alí está un retrato de Mella: anarquista teórico, escritor,  activista político e home de grande cultura. Fora xerente  da empresa,   “TEV”  (Tranvías Eléctricos de Vigo). Un Instituto de Ensino Medio e unha estrada levan o seu nome. Das tres fillas destaca a figura de Urania: pianista  e líder de “Mulleres Aantifascistas”: persoa moi culta; casara con Humberto Solleiro. Ámbolos dous pasaron por un xuízo sumario e condenados a morte: Humberto foi fusilado e a Urania conmutáronlla por cadea perpetua que pasou no campo de concentración de Saturrarán – Guipuzcoa. Foi liberada un mes antes de finar.

Na mostra figuran tamén, o piano e outros enseres que lle pertenceron.

A exposición é magnífica e a explicación excelente, mais para coñecer polo miúdo a Historia deste Centro, compre achegarse aos libros  sobre a Escola de Artes e Oficios   de Vigo, de:

Dolores Elena Durán, mestra e doutora en Ciencias da Educación. Foi profesora de Tecnoloxía de Xardín de Infancia  na Xunta de Galicia, profesora  de Educación Especial na  Xunta de Educación de Nova York, e profesora de Inglés e Francés en Non Plus Ultra  Idiomas, Madrid. Na actualidade é membro do Instituto de Estudios Vigueses. Tamén ten publicados varios artigos no Boletín “Glaucopis” do IEV, e asemade, colaborando coa Educación Técnica de Adultos da Revista de “Sarmiento da Historia da Educación”.

Ten publicados os seguintes libros:

“La Escuela de Artes y Oficios de Vigo en el primer tercio del siglo XX”, en Cardeñoso, 2008 e “De Compañeros a Enemigos, en  Tórculo Artes gráficas, 2011.

Conferencia   da doutora Dolores Elena Durán  na Biblioteca da Escola de Artes e Oficios.

Con escasos días de diferenza da visita a mostra, asistín a conferencia sobre a Historia da Escola dende as orixes da mesma. Despertou tanto interese nunha parte da cidadanía viguesa que a sala estaba ateigada de xente, algunha -como no meu caso- que pasamos polas aulas.

Elena foi nomeando a políticos, empresarios, artistas, escultores, algúns deles tan coñecidos como Camilo Nogueira ou Silverio Rivas, que deixaron unha pegada impagable da cidade.

Foi no coloquio cando as emocións se fixeron patentes en algunhas persoas, lembrando  a etapa que lle tocou convivir con moitos que xa non están.

O público agradeceu cunha “man chea” de aplausos.

Como reflexión deixo un comentario

En Vigo temos moitas persoas con moito saber, en distintas profesións, con formación académica que poderían darnos conferencias sobre os temas que dominan, enriquecendo a  cultura dos  colectivos dos  Centros Sociocomunitarios;  posibilitando, logo, a difusión nas  Revistas do Voluntariado. Convidar a doutora Dolores Elena Durán,  sería  un primeiro paso.

 

 

Telmo Comesaña  xullo 2019

Fotos: Internet

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: