Entrevista a Xoan Carlos Abad autor de “Máis días negros”.

Crónica luctuosa dalgúns dos feitos que encheron de dor e morte o sur da provincia de  Pontevedra (dende o 1936 ata o 1978)

Como ven sendo habitual, o IEV (Instituto de Estudios Vigueses) convidoume á presentación dun novo libro. O titulo é significativo, comenza por “Máis…”.  Quer dicir que xa houbo outro anterior.

A Xoán Carlos Abad, fóiselle das mans tanta investigación que tivo que facer dous libros, porque un sería inmanexable.

 O libro

Contén vintetres histórias recollidas en  475 páxinas; as oito adicadas a bibliografía e arquivos consultados dan fe do  amplo traballo de esculca realizado. Os primeiros refírense aos acontecementos  sanguentos motivados polo levantamento militar en Vigo e bisbarra: Porta do sol  (20 xullo 1936);  -Volta da figueiriña- Cabral, (15 setembro 1936); -Volta dos nove en  Baredo-Baiona (16 outubro 1936); -Os sete da Bouciña-Lavadores (17 marzo 1937); -“ O drama do bou  “Eva” (23 abril 1937). Continúa con afundimento de barcos entre eles o submarino alemán U-124 (24 agosto 1943), (…), rematando cos Crimes de Estado en Hoyo de Manzanares, (27 setembro 1975. Este episodio, foi condenado polo Papa Pablo Vl, e, polos países europeos que, –como sinal de protesta- retiraron ós embaixadores quedando España aillada e censurada por NN.UU. Dous dos asasinados eran de Vigo) ; -Traxedia ferroviaria en Rande (9 setembro1976) e Afundimento do conxelador Marbel (27 xaneiro 1978).

O autor

Xoán Carlos Abad Gallego (Vigo 1960). Licenciado pola Universidade de Santiago de Compostela en Xeografía e Historia na especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía. É membro fundador e (actual presidente) do Instituto de Estudios Vigueses. Exerce de profesor no Instituto de Ensino Secundario de Chapela (Redondela). Ten desenvolvido unha intensa actividade no mundo da investigación histórica e divulgación pedagóxica, principalmente no referido aos eidos  da prehistoria galega e aos  dos fenómenos asociados á Guerra Civil e a Posguerra na comarca viguesa. Entre a súa ampla actividade cabe destacar as aportacións aos congresos da “Memoria Histórica” de Narón (2003) e Culleredo (2005), á edición de libros tamén impresos polo Instituto de Estudios Vigueses,  “Héroes o Forajidos “Fuxidos e guerrilleiros” antifranquistas en la comarca de Vigo. E máis cercano, Cen personaxes en torno a unha Guerra Civil. A República e a Guerra Civil na Comarca de Vigo a través dos seus protagonistas”.

Eu non son quen de falar dun libro tan complexo como o que nos presentou Xoán Carlos, e xa que logo, ninguén mellor ca él para ilustrarnos.

Entrevista

 -Qué te moveu para publicar un libro tan diverso?

Malia o que poda facer pensar inicialmente o título do traballo, non é tanto un gusto polo dramático e pola historia negra da nosa comarca o que me motivou á hora de realizar este traballo, senón máis ben que foron os diferentes acontecementos escollidos o pretexto ideado para facer unha historia, un tanto peculiar iso é certo, da nosa bisbarra, dende o século XVI ata a volta á normalidade democrática. Os acontecementos narrados son algúns dos que máis pegada foron deixando no ideario colectivo, polo grande dramatismo que chegaron a acadar, e dos que máis socializaron a dor, convertendo a toda a colectividade en vítima, máis ou menos directa,  dos feitos analizados. Co pretexto de analizar eses dramas colectivos que afectaron á nosa veciñanza aproveitei para analizar diversas  peculiaridades das diferentes sociedades do noso entorno xeográfico e da súa evolución ó longo dos últimos séculos. Como é fácil entender, a pesar de que necesitei dous volumes para desenvolver este traballo, son moitos os exemplos dramáticos de enorme transcendencia que non puideron ser aquí analizados.

 -Qué pretendes coa difusión?

O desexo deste traballo é o que está a desenvolver dende fai xa un cuarto de século o Instituto de Estudios Vigueses, investigar e difundir esta investigación entre a nosa veciñanza, xa que coñecendo o pasado se pode ser máis “crítico” coa sociedade que nos ten tocado vivir, coñecendo mellor as claves do seu funcionamento.

-Como presidente do IEV, como estimas o desenrolo do mesmo coas novas integracións?

Penso que o Glaucopis recolle un grande abano do pasado e presente de Vigo e bisbarra, pero voto en falta adicarllle un traballo ás xentes do mar. Suxiro unha marea ao Gran Sol, a un membro do Instituto  para documentar o traballo dos mariñeiros.

É certo que o mar é, dende o principio dos tempos, o eixo vertebrador da nosa bisbarra, e que, como tal, debe ter o seu peso específico na investigación historiográfica; de xeito que xa son numerosas as achegas que se teñen feito dende as páxinas de traballos publicados polo IEV tanto no seu boletín Glaucopis como en traballos bibliográficos autónomos; gustaríanos que o número de achegas se incrementase, para o cal temos aberto o noso boletín ós diferentes especialistas neste sector económico que queiran publicar os seus traballos nas nosas páxinas; neste sentido confiamos que a colaboración que estamos a desenvolver con diversas institucións –poño por caso o Instituto Oceanográfico co gallo do seu centenario- podan compensar esta posible eiva.

Tamén quero agradecercho no nome do  grupo de voluntariado redactor da  revista dixital do Centro Sociocomunitario de Coia. Poida que algún día nos visites para coñecernos.

Telmo comesaña.     Maio 2017

Un comentario sobre “Entrevista a Xoan Carlos Abad autor de “Máis días negros”.

  • el 1 de junio, 2017 a las 11:01
    Permalink

    Muy interesante este libro, sobre todo para los que nos vamos enterando a trompicones de esa parte de nuestra historia.
    Gloria.

Comentarios cerrados.