Emigración á América 200 anos de Vigo A xénese dunha cidade (IV)

Imos desta coa 4ª entrega extractada dos fascículos de Faro de Vigo cuxos textos son da autoría do historiador, Antonio Giráldez Lómba.

“Na segunda metade do século  XIX, América converteuse no destino máis acaido para a emigración. O remate das guerras coloniais disparou o éxodo dos galegos ao outro lado do Atlántico.

No ano 1855 inaugurábase a liña regular do noso porto co da Habana, liña a que lle ían seguir outras durante un século. O trafego de pasaxeiros deica as novas repúblicas suramericanas trouxo un gran movemento nos portos de Galicia, e o de Vigo ocupou entón, o primeiro posto polo volume de embarques, seguido a bastante distancia, dos de A Coruña e Vilagarcía. Incluso para os emigrantes españois en xeral.

Vigo, porto e porta de América

Dende 1800 até 1970 emigraron máis de dous e medio millóns de habitantes de Galicia e durante todo este tempo o porto de Vigo converteuse na porta deica América de centos de miles de galegos (e tamén de casteláns e extremeños), que buscaban ao outro lado do Atlántico unha saída a súa penuria económica.

O noso porto ocupou tamén a primeira posición seguido do de Barcelona. Si uns se embarcaban rumbo ás Américas, outros voltaban á terra. Comparando as cifras de embarques coas de desembarques, foi a partir do ano 1904 cando se apreciou máis o dominio dos segundos sobre os primeiros, consolidándose a gran emigración galega a Ultramar. No 1912 saíron 359 vapores do porto de Vigo rumbo a América, case un barco por día.

América funcionou como unha especie de reserva de esperanza para os desesperados por algo: por diñeiro, por desenganos amorosos ou políticos. O recurso de América actuaría como válvula de escape para un pobo que non optaba polo camiño da revolta,  sempre dende portos como o de Vigo, tiñan aberta a porta de América. Xa o dicía Castelao, o galego non se rebelaba,  facía as maletas.

A Mala Real e as compañías estranxeiras

As compañías de navegación, animadas polo negocio que supuxo o auxe da emigración transatlántica a partir da segunda metade do século XIX, decidiron engadir portos como os de Vigo nas escalas das súas liñas deica América do Sur.

Estas compañías eran, sobre todo, inglesas, alemás, francesas e italianas. No mes de agosto do 1905 houbo 23 vapores no porto de Vigo e a Mala Real Inglesa encabezou a lista con 5 vapores. Aquela compañía británica chamábase en realidade Reak Correo de Vapores(Royal Mail Steam Packet Company); estaba representada dende 1878 en Vigo por Estanislao Durán e Hijos, S. A.. Tamén era buque-correo e foi unha das máis importantes no transporte de emigrantes entre o noso porto e América.

A guerra de Cuba

A guerra de Cuba en si foi curta ( cen días, máis ou menos, entre o 27 de abril e o 13 de agosto do 1898) pero o resultado foi contundente: Estados Unidos fíxose con Cuba e algo máis, a un prezo en baixas, realmente baixo e España pagou en vidas e en cartos un prezo moi alto.

Das 55.000 (sic) baixas do noso exército, 3.000 foran en combate. As outras hai que achacalas a carencia dunha estrutura sanitaria en enfermidades tropicais, que foron as que, de verdade, rebaixaron as tropas, ademais das malas condicións de conservación dos alimentos.

Chegan a Vigo os barcos da morte

Coa firma do alto ó fogo entre España e os Estados Unidos o 12 de agosto do 1898, os norteamericanos esixiron a inmediata retirada do exército español das súas antigas colonias, comezando polos soldados enfermos e feridos que ateigaban os hospitais de Santiago de Cuba.

A Cruz Vermella de Vigo

Fundada o 30 de xuño do 1897 por Eugenio Domínguez e contando nas súas filas con nomes tan coñecidos como Eduardo Iglesias, Julio Curbera ou Antonio López de Neira, desvivíronse atendendo aos repatriados en varios frontes: recollendo alimentos doados polos vigueses, trasladándoos aos hospitais ou ás casas e ofrecendo o servizo profesional dos socios.

Os soldados repatriados foron a imaxe máis dramática da derrota de España.

Aquela multitude de espectros vestida de farrapos, (…) superviventes da guerra de Cuba, que voltaban a España coa saúde minada polas enfermidades tropicais e as feridas da guerra, foron a testemuña  máis dramática da derrota española.

A solidariedade dos vigueses e a súa recompensa

Todo o pobo de Vigo volcouse nos peiraos a prol de axudar a tantos desvalidos chegando a levalos aos propios domicilios para atendelos. E por esa acción solidaria, en decembro do 1899, a Raíña María Cristina concedeulle a nosa cidade o título de Sempre benéfica.

O legado de América

Nin América se pode comprender sen a presenza histórica dos galegos nin Galicia se pode entender sen a influencia dos que fixeron as Américase trouxeron modas, cores, un pensamento máis aberto e a disposición de ser xenerosos coa terra onde naceran. Porén foron claves na modernización e desenrolo dos pobos: dunha modernización educativa da que eles se impregnaran en Cuba e Arxentina. As fortunas de Policarpo Sanz e García Barbón serviron para fundar e soster centros de ensino con edifios senlleiros en Vigo. Outros impulsaron a rede de tranvías tamén en Vigo, e pularon pola lingua galega apoiando as Irmandades da fala e a cultura en xeral. Asemade fundaron en Cuba a principios de século, a Academia Galega daLingua ”.

Reflexión :As terras que noutrora España colonizara, no século XIX pasábanna de largo tanto en riqueza como en cultura e benestar. Na saída de Cuba e Filipinas confirmouse o derrubamento dun imperio.

 

 

Telmo Comesaña  decembro 2018