El abuelo un día
“Empuñó el arado, abonó la tierra …
Alberto Cortez emocionábase cando cantaba esta canción. Quizais a máis senlleira do seu repertorio.
Nela vai debullando a vida daquel home que sendo moi novo mirou pras mans e viunas valeiras. Non viu futuro na aldea de Punxín onde nacera. O avó fíxolle caso ao vento do Norte, que lle susurrou que alén dos mares había outra terra; había outras xentes, había futuro. O avó de Alberto, nun vello barco de vapor, saíu dende Vigo na procura desa nova terra que o vento do norte lle susurrara cando el miraba as mans valeiras.
O avó de Alberto voltou -aínda que non o diga a canción- ó pouco tempo coa muller en cinta a parir a aldea, e alí naceu o pai do cantante. Estiveron un tempo acollidos pola familia, e logo voltaron coller outro barco de vapor para non voltar mais. Enténdese, xa que logo, as recomendacións do avó, colléndolle a man e con voz feble, para que o neto viñera a Galicia: visitara a aldea e lle dixera ao vento do Norte que aquel vello home a outra terra lle entregara a vida.
O avó de Alberto non fixo fortuna. Todos os seus negocios foron unha ruína. Traballou arreo pero só fixo a casa, e plantou unha árbore, sacou adiante a familia e deixou un ronsel de “boa xente galega” que o neto espallou polo mundo con esa fermosísima canción
Alberto finou o día catro de abril do 2019, mais a súa obra queda e as novas xeracións, terán novas del, do avó, de Galicia e dese concello ourensán de Punxín.
Os avós/as sempre deixan ronsel
Eu non canto cancións pero tamén sinto ao meu avó Eusebio –co que me criei-. El non se foi alén dos mares; el foi un home de mar: fogoeiro nun barco pesqueiro á vapor no que o combustible era o carbón. (Traballo duro e afogante: palear carbón do pontón pro barco; palear pro fogar da caldeira e retirar a escoria e tirala ó mar. Faena continua para manter a presión do vapor para mover a máquina, dende antes de saír o barco ata que volta ó peirao).
Herdara unha finca de 3000 metros cadrados e comprou outro tanto -daquela sen terra que traballar non se podía vivir-. Traballou arreo, no mar e na terra. Tiña moito medo a que pasaramos fame e abofé que nunca nos faltou o alimento, pero si, que o traballo foi esgotador. Non pasar fame nos anos 1941 e 1945 foi o triunfo do esforzo daquela familia. Teño moitas vivencias do meu avó; el tamén deixou un ronsel de home bo e xeneroso.
Xente na procura do seu bisavó
A moita xente parécelle raro, a outra parécelle perigoso, e a outros parécenos emocionante. E, por que estes diferentes pareceres? Porque se descoñece o sufrimento das familias. A terceira xeración de Francisco (Xaén 1876,campo de concentración de San Simón 1941), preguntábanse: onde estará sepultado o seu antecesor, ao que lle deben a vida. Nin os fillos nin os netos puideron sabelo e agora “tócanos a nós”, dicíame Pilar.
Outros porque foi a consigna que lles impuxeron: “esquecer”. A carga máis dura e difícil que se lle pode impor a un ser humano, porque o esquecemento imposto é unha das maiores torturas.
Desta son as bisnetas de Francisco, (omito os apelidos por respecto aos familiares). Nesta andaina por saber -como outras moitas familias que noutrora recibimos-, que se achegaron a “Asociación Viguesa pola Memoria Histórica do 36”.
Agora xa saben que o seu bisavó foi soterrado no cemiterio de Lavadores-Vigo, o 15 de xuño do 1941. Detrás hai unha historia conmovedora e, xaora, este ano virán a Vigo a honrar aos preto de seis mil que naquela illa penaron e aos preto de dous mil que alí finaron de enfermidades, fame, malos tratos, frío e angurias: cargados de piollos e lonxe das familias. Outros sacáronos para fusilar na Concheira e na mesma illa. Todos tiñan nome, e familia e amigos e, …
No mes de xullo recibiremos a esa familia: acompañarémola no seu dolo no osario do cemiterio de Lavadores, onde están os restos xunto con outros moitos da mesma procedencia penitenciaria.
Estas escenas non se poden reproducir: compre vivilas con emoción e en absoluto silencio. Estas historias non son motivo dos medios de comunicación, só o Papa Francisco -contestando ao xornalista Jordi Évole- sobre as fosas común do franquismo, despois dun breve e conmovedor silencio, dixo:
“Una sociedad no puede sonreir teniendo sus muertos escondidos”.
Telmo Comesaña abril 2019