E xa van aló tres meses

Dentro de tódalas calamidades que nos ateigan  por algo que nunca pensamos que ía pasar, -excepto os científicos que viñan avisando que o cambio climático traería consecuencias graves-. Menos mal que a estadía dentro do fogar dáse en primavera, cando os días xa son máis longos e a claridade do sol axuda e reconforta.

Cadaquén foi buscando a maneira de acomodarse a situación segundo a problemática familiar e os seus estilos de vida.

Claro que é difícil!. Custa moito; mais a situación pandémica, manda.

Eu, como un de tantos afectados    vou seguindo os acontecementos e mergullándome neles: os libros e a música son os mellores alicientes.

O pasamento de Luis Eduardo Aute fíxome reflexionar sobre á súa obra: botei man dela e voltei á peza “Al Alba”. Oína e desfruteina; lembrei a motivación do motivo da inspiración do autor; (hai quen di que el pensaba nalgún outro acontecemento semellante). Fose ou non a motivación dos crimes do 27 de setembro do 1975, a min lévame á esa data e a eses feitos; e non deixa de emocionarme.

Outro día lembrando a Miguel Hernández (finado por tuberculose na  cárcere de Alacante o 28 de marzo do 1942,lembrei que gardo un libro -agasallo das miñas fillas- e botei man del: unha xoia, tanto polo contido,  23 poemas escritos e incorporados nun CD e un vídeo, como a    música e a voz de Serrat que  lle dan pulo a esa obra fantástica  de amor e agarimo, de soidade e esperanza…Mais para el non hai piedade; non pensa igual que os que o xulgaron…Un poeta era perigoso; como Lorca, e outros que se exiliaron.

Cito aquí algún dos que máis me emocionan; dediqueille un par de días, escoitándoos.

-Solo quien ama vuela

-Si me matan, bueno

-Nanas de la cebolla

-Menos tu vientre

-Para la libertad

Logo paseime aos da terra, e a man foime ás obras completas de Celso Emilio Ferreiro. Un libro que recolle o amplo traballo do poeta de Celanova.

Este libro foi editado por “Xerais” en marzo do 2004. Nas 788 páxinas agocha a obra completa –poesía e narrativa- dun home entregado a traballar a prol da terra e da xustiza; pola verdade e a dignidade do pobo galego. A política e a cultura foron os camiños polos que andou.

As pezas máis salientables  -ao meu ver- son:

-O soño sulagado

-Longa noite de pedra

-Viaxe ao Pais dos Ananos

-Onde o mundo se chama Celanova

O extinto cantautor Suso Vaamonde puxo a música e a voz en algún dos poemas.

E non podo esquecer a Neira Vilas

Conservo dende hai anos a novela máis universal da lingua galega: “Memorias dun neno labrego” o creador de “Balbino”, aquel rapaz co que tanto me identifiquei, agás cruzar o Atlántico e vivir noutras terras.

Aquí e agora é a triloxía (Lar, Nai e Pan)Lar chegou as miñas mans como agasallo dun compañeiro de traballo como agarimo por utilizar a lingua galega como vehículo de entendemento. Sorprendeume nun corredor entre máquinas e  ferramentas  e púxomo nas mans .

Cando cheguei ao meu sitio empecei  a ler.

(Ven, Anisia, compañeira de tódolas horas. Imos percurar,  collidos pola man, os logares da miña nenez. Pasaremos a ponte de vella cantería, iremos pola beira do rio, escoitando o marmurio eterno das augas…)

Lin a páxina completa, e humedecéronseme os ollos. Botei man dun boli de trazo groso e escribín:

(Recibín este agasallo, das mans do amigo Bascoy coa maior ledicia do mundo, por ser, o libro froito do amor  e, o agasallo froito da amizade, xurdida do corazón dun home bo e xeneroso.  2 xuño 1997.

P.D. Cando sexa vello ei llo deixar en herdanza a miña neta Sara.   E asinei,  Telmo)

O libro LAR, con ilustracións de Isaac Díaz Pardo e editado por AKAL, entreguéille-lo a Sara o, 27 de marzo do 2011, na pequena festa da súa maioría de idade.

-Lembrar isto faime moi feliz-

 

 

 

Telmo Comesaña   maio 2020

A %d blogueros les gusta esto: