Drons

Sistemas aéreos non tripulados

Esoutro día asistín a unha conferencia impartida por enxeñeiros da U Vigo sobre estes dispositivos dos que se ven falando cada vez máis insistentemente.

O “convida” chegoume do IEV Instituto de Estudios Vigueses) a celebrar na biblioteca da Escola de artes e Oficios. Fun alí, e aínda que a concorrencia non era moita, a explicación foi moi aplaudida  polos asistentes, algún deles eran expertos pilotos  de drons.

Iniciouse o acto coa presentación do profesor que marcou tres etapas no desenrolo do obxecto en cuestión:  principios, actualidade e futuro. (Para os principios fixo un comentario sobre os proxectís V1 cos que os alemáns bombardeaban Londres na guerra mundial).

A etapa actual é de desenrolo rápido: trátase    dunha armadura con catro patas, de “fibra de carbono”, equipado con cámaras  de fotos, vídeo e radio; propulsado por baterías, e nalgún caso, con  paneis fotovoltaicos para unha maior amplitude de carga. O peso adoita ser  de dous Kg. Unha consola é o complemento  necesario para que  o piloto poida manexalo segundo a aplicación que teña incorporada.

Eis, a miña primeira lección destes trebellos que só coñecía de oídas e de velos na tv. Quizais que o resumo que fago non sexa o máis acaído -unha hora de información sobre técnicas  moi complexas e para min   descoñecidas, poidan que non estean ben ordenadas e ou entendidas-.

No coloquio foi onde se viu o coñecemento  destes pequenos aparellos que están chamados a facer tarefas que ninguén arestora podía soñar.

Saín  dalí, e xa no bus que me leva preto da porta da casa, fun matinando cos drons do futuro. Ben sei que é unha parvada pero, por que non soñar!

-Eu xa soñaba cun dron substituíndo ó can dun cego que porta unha consola, dándolle as instrucións pertinentes para que lle conte o que está recollendo o vídeo  e que lle lo diga con voz suave e agarimosa.  Aquí compre facer unha reflexión: (o dron non hai que mantelo, nin lavalo, nin precisa dos coidados dun veterinario. Malia que o dron pode ser menos problemático co can, faltaríalle o “calor dun ser vivo  que agradece os aloumiños” da persoa á que guía e protexe: o animal ladra, respira e dálle ó rabo. Invidente e can acadan fortes lazos de complicidade e afecto).

-Soñei tamén, cun dron vixiando aos meniños que enredan nun parque: si se mancan, ou choran, ou foxen, ou…,ai!  O dron non pode acariñalos, nin limpárlle-las bágoas. (Os drons non son quen de parir, logo non poden sentir).

-Outro soño foi cun dron pastor, gardando e guiando un rabaño de ovellas, levándoas dun a outro pastizal. Informando do número, dos años que nacen –distinguindo os machos das femias- das ovellas preñadas e da actividade do castrón, por exemplo, si xa non produce o rendemento esperado e compre substituílo.

As ideas non quedan aí, só compre  deixarse levar pola mente; negarse a aceptar o término “imposible”.

A humanidade saíu das cavernas  e chegou até hoxe aplicando as ocorrencias  que  vencían as dificultades. Porén, cal é o futuro dos drons?  O futuro xa está aquí; agora, a evolución será exponencial: as aplicacións que as enxeñerías  lles vaian instalando  farán deles elementos de uso cotiá.

O que está claro é que as nanotecnoloxías e a electrónica, van facendo simples elementos,  que poden prestar grandes servizos á humanidade.

Función como espías

A Xunta de Galicia ven de anunciar que incorporará drons contra o lume no monte. E abofé que pode ser un bo vixía que descubra onde está o lume e recolla o escenario no que se produce. Só nos quedará por saber -aos profanos-  como se utilizan os datos que aportan.

Démoslle tempo; o verán xa chegou.

 

 

 

 

 

Telmo Comesaña  xuño 2019

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

A %d blogueros les gusta esto: