"Consumismo si, consumismo non…"

Temos que ser uns grandes consumistas da vida, da risa, da amizade, da sinceridade, das ilusións, de compartir;  cos que queremos moito e cos que queremos menos, o pouco ou moito que teñamos.  Non nunhas datas determinadas, senón durante todo o ano e durante toda a nosa vida.
Consumir porque o di a TV, porque se leva, por aparentar máis ca os demais. Ser como o avaro que conta as moedas que nin tan sequera a el fan feliz, crer que o tempo é só noso, que ninguén ten dereito a gozar del.
Ese consumismo non. Nin sequera serve de nada. Non por iso imos ser máis felices, todo o contrario. Non é máis feliz o que máis ten, senón o que máis comparte. Non por caridade, nin para ser máis bos ca os demais senón simplemente por sermos máis felices.
Esquezamos, aínda que só sexa por un momento, os cartos, os coches, os agasallos (que ás veces se dan esperando algo a cambio).
Pensemos un anaquiño o felices que seriamos se unha anciá recibise unha aperta nosa, se un neno sorrise porque xogamos un pouco con el, se en vez de cambiar o móbil mercásemos algo para calquera persoa que non ten case nada.
Sexamos felices coa felicidade dos que nos rodean; primeiro os que están máis preto de nós, despois quizais os que están un pouco máis lonxe, neste noso fogar, de todos, que é a Terra.

HÉLÉNE

A %d blogueros les gusta esto: