Cómicos

A veces penso eu: Que sería do mundo sen os cómicos?

Circo HervasOs cómicos son xente moi seria pero que adoitan facetas distintas a súa personalidade: unhas veces para rirse de si mesmos e outras para rirse da sociedade na que se mergullan, nas ideas represivas e nos represores,en temas de actualidade. As guerras, as ditaduras, a política, as relixións e os acontecementos  sonlles materia de cada día.

Os cómicos como persoas que forman parte da sociedade van mudando de estilo segundo as circunstancias.

Os que primeiro descubrín –aló polo ano 1941 do pasado século- foron os pallasos do circo HERVAS. Meu tío Pepe levoume ó Circo, e daquel espazo o que me quedou máis afortalado na memoria foron aqueles dous homes –un parvo e pobre e o outro rico e listo, que abusou do que tiña a roupa rota e uns zapatos tan grandes que tropezaba cun pé no outro-.

La CodornizCo devalar dos anos, aínda adolescente, cando calquera cousa que se apartara do control nacional-católico, podía levarte diante das autoridades daquela, o semanario LA CODORNIZ de Álvaro de la Iglesia, burlaba aos da censura buscando a forma e cambiando estilos para entender algo distinto o escrito, por exemplo; parte meteorolóxico: un fresco general procedente del Noroeste de España invade la península. Cando os 25 anos de paz, escribía: 25 años de paz …y ciencia; e outro tamén daquela, rezaba: 25 años de paz -e, en vertical- un puro e un ovo.

Cando lle censuraban algo, aquel espazo figuraba en negro e así xa se sabía cantos foran censurados. A imaxinación vencía á represión, e para nós, xente nova e non tan nova era motivo de liberación. Álvaro e outros: músicos, pintores, poetas e escritores; actores de cinema e teatro, bailaríns. -Artistas, homes e mulleres que coa súa actividade fixéronnos un mundo máis soportable-. Eran quen de rirse deles, dos censores e das autoridades impostas.

Xan das Bolas, foi un actor galego ó que vin no teatro García Barbón formando parte dunha compañía de variedades; el era o cómico e ía soltando chistes nun galego acastrapado que fería a moitas persoas , pero as súas historias facían rir a xente e iso era o que se esperaba del. Nunha das actuacións entrei cos de clá, para aplaudir. Estabamos en xeneral (suprimido cando a reforma do teatro polo arquitecto Desiderio Pernas); o balcón quedaba case a altura da parte alta do escenario e as persoas mirábanse por enriba. Cando saíu Xan das Bolas aplaudimos e a xente seguíanos. Un dos chistes que contou quedoume na cabeza; dicía: Cando viñamos pra Vigo,o tren paraba nas estacións e o alto-falante dicía onde estábamos: …Venta de Baños, …Ponferrada,…Monforte de Lemos,…Ourense, Redondela, Chapela. Cando oín aquilo díxenlle a compañía: ímonos de volta que cando aquí xa pela, en Vigo arde. Uf! Aquilo fíxonos rir tanto que aplaudimos ata coas orellas. Meu deus, o público seguiu triscando as mans cando nós xa cansaramos.

Os chistes sempre deixaban unha intencionalidade e despois faciamos as nosas conclusións; obrigábannos a pensar.

Caricatura de Gila por Alejandro NúñezXaora, pasando aquela longa etapa, Gila, despois de saír vivo dun pelotón de fusilamento, vingouse tomando a guerra de cachondeo e, acompañándose dun telefono ridiculizou a guerra e aos que a fixeran; durante anos paseouno polos escenarios de toda España. Quen non estaba pendente da televisión –a única que había- para rirse do que contaba aquel home tan serio.

Na televisión quédanos o incombustíbel Wyoming e a súa equipa para non esquecer-mos do humor político-social. É moi importante para destensionar ao balburdio deste momento histórico.

Os xornais tamén foron acollendo a estes produtores de viñetas que ademais de facer rir deixaban a súa mensaxe. Hóuboos e hainos, mais céntrome no Faro de Vigo; durante anos, a viñeta de Quesada era comentada nas tabernas e nalgunhas, coleccionábanse pegadas nunha táboa ou na fondama dun bocoi. O taberneiro poñíaas onde a el lle interesaba que a xente ollara.

Despois foi Gogue, co seu sempre retorcido Floreano; fainos rir coas súas saídas, co cura, a Monchiña e demais da súa colección.

Bichero de DavilaE para rematar este recordatorio, contarvos a miña eiva: como xa teño comentado noutros artigos, empezo a ler o xornal pola derradeira páxina, e logo vou dereitiño na procura de, O Bichero de Luis Davila. Son un fan, de Davila e da súa obra. Nunca me decepciona, só me magoa un pouco cando lles falta o color, pero, os debuxos e o enfoque dos temas son excepcionais. Ver as posturas ou as arroutadas dos persoeiros é unha regalía. Cando os vexo –aumentados na miña tele-lupa-, estalo a rir sen control de min mesmo.

Non coñezo persoalmente a Luis, pero agradézolle moito a súa tarefa e mándolle os meus PARABÉNS .

Telmo Comesaña febreiro 2019

A %d blogueros les gusta esto: