Astérix

 

Lembro con agarimo os persoeiros do cómic francés: Astérix, Obélix, Idefíx, Panorámix, Abraracurcis, Asurancetúrix, Karabella, e demais poboadores da aldea gala.

Non pensaba que este ía ser o meu relato desta semana, pero, vaites vaites, que me pasaran pola cabeza os persoeiros citados e as súas fazañas, debeuse á coincidencia ó atopar a un paisano cun canciño que me lembrou a Idefíx. Entrei nunha oficina a facer unha xestión e tiven que esperar porque as funcionarias estaban atendendo aos clientes. Saudei e sentei nunha cadeira. Preto de min estaba sendo atendido un home voluminoso; el tiña unha postura cómoda -unha perna enriba doutra- e no colo un canciño branco co fociño negro. O home ía contestando aos requirimentos da funcionaria e acariñando ó animaliño que parecía estar feliz: pechaba os ollos e volvía abrilos; o señor non deixaba de pasarlle a man por enriba; faláballe como si fose unha criatura.

Rematou a xestión e alí sentou unha señora que chegara antes de eu chegar. O señor puxo o canciño no chan e este non quería; apoiábaselle nas pernas. Entón, deulle unha explicación e o animal miraba fixamente para el. O home con paciencia case infinita trataba de convencelo de que tiñan que andar un pouco porque aquel día non andaran ren. Abofé que aos dous lles facía boa falta. Saíron e a vida foi pasando.

O saír dalí, quedábame algo máis de media hora de camiño para chegar a casa. Como adoito facer cando camiño, fun reconstruíndo mentalmente o acontecido durante o día, e dei en lembrar algúns dos episodios de Astérix e as fazañas dos galos, que foron o medio para aprender francés.

Aprendendo francés con Astérix

Foi algo inusual. Por cuestión de traballo e tamén de interese propio tiven que estudar francés como outros en situación semellantes.

No primeiro curso a profe que nos tocou utilizou un método clásico de ensino. No segundo, unha xovenciña francesa, nada nunha colonia africana, sorprendeunos cun método diferente . O libro de texto era unha historia de Astérix. Sorprendidos polo cambio de sistema non tomabamos moi en serio a clase, pero aos poucos días decatámonos que a afouteza daquela profesora non era en balde. Pouco a pouco fomos integrándonos na aldea gala e nas batallas sen espadas nin escudos. Astérix e Obélix defendían aquel poboado onde vivían felices. Grazas a poción máxica que o druída preparaba. O muérdago e a mistura coas outras herbas que so el coñecía, facían aquel xarope que lle daba unha forza incrible a Astérix; a Obélix non lle facía falta porque cando era pequeno caera na pota.

Como na maioría das historias hai un grande e un pequeno: Astérix era home de xenio e pola contra Obélix era tenro; sempre disposto a axudar, un pouco solitario e incapaz de mostrar o seu afecto amoroso. Idefíx era a súa mellor compaña. Tiña pinta de bocoi e era traballador, levaba menhires dun para outro lado e o seu xantar favorito eran os xabaríns (que enchentas podía tomarse agora si viñera a Lugo, a gala galega).

Foi tan grande o prestixio destes galos, que perturbaron o Imperio romano; o mesmo César chegouse ata a Galia onde fixeran unha fortaleza romana: pechada arredor, con gardas nas portas e nos miradoiros, milleiros de soldados armados con espadas e escudos, ben entrenados física e emocionalmente polos adestradores e os psicólogos romanos. A presenza do César era subliminar para acabar para sempre con aqueles dous galos que tiñan sona de invencibles.

Chegou o día esperado; tronaron as trompetas e aqueles soldados saíron dispostos a barrer para sempre a aldea que tantos desgustos lles tiñan dado.

Nin eles nin o César contaran que o druída fixera unha potada especial para que Astérix puidera repetir. Meu deus, que escalazada fixeron Astérix e Obélix!

De cada puñada ían polo ar homes cos escudos e espadas, batíanse uns contra os outros, e en pouco tempo o campamento quedara escangallado. Aquel tendereite quedara feito un chamizo: homes descalzos e coas roupas feitas tiras, outros espidos e cos ollos grolos mirando estreliñas… buf, non daban creto. César, estarrecido polo que tiña diante, tampouco daba creto do que alí acontecera e, fuxiu como un lóstrego.

Malia que non saíran fora, despois de ter asegurada a aldea decidíronse a ir polo mundo: foron a Exipto e demostráronlle a Cleopatra como se facían as pirámides; nun pois-prás pasaban as pedras dun lado po outro e choio listo. En Roma, diante do César, non deixaron títere con cabeza e así foron pasando por probas das que ninguén saía con vida.

Aquel curso foi unha regalía; aprender e divertirse ao mesmo tempo non é casualidade.

Todo ten unha explicación que cada quen interpreta ao seu xeito.

Os galos só cos puños e a pócima eran naqueles anos a figura dos franceses defensores da honra do país e por si fora pouco, saíron a demostrar o seu poderío nas antigas colonias e no mundo coñecido. Iso afervoaba á xuventude.

Noutrora, anos corenta do pasado século, en España as figuras de Roberto Alcázar e Pedrín eran o pretendido prototipo daquela pretendida xuventude que cos seus puños eran quen de derrotar aos infieis sarracenos.

Prométome a min mesmo volver a pasar os vídeos de Astérix. Esta tarde xa me rin un pouco lembrando as historias de Astérix e Obélix.

Telmo Comesaña febreiro 2019

Un comentario sobre “Astérix

  • el 1 de marzo, 2019 a las 16:41
    Permalink

    Siempre fue uno de mis comics preferidos. Incluso algunos episodios, llevados al cine, me resultaron divertidos. Tambien me sorprendía la buena documentación de los autores, retratando a los personajes de la época y además las carecteristicas más floklóricas de los paises vecinos, como Inglaterra, Bélgica, España. No solo se podía aprender francés con las historietas, sino además recordar el latín y algunas expresiones de otros idiomas. Esto me hace pensar en algunos maestros que son tan creativos a la hora de impartir su asignatura, que aún siendo árida, la hacen divertida, por la forma de abordarla. Es la gran lección que nos dejó Tom Sawyer cuando consiguió que todos sus amigos pintarán la valla que el tenía como castigo. Es una gran virtud ser capaz de hacer atractiva cualquier tarea ingrata. Eso marca la diferencia a la hora de vivir.

Comentarios cerrados.

A %d blogueros les gusta esto: