Adeus 2019

Imos indo deica o remate dun ano trepidante.  O século XXI vai tan de presa que cando miramos atrás non damos creto da transformación que se está á dar, e, iso fainos vivir máis a presa do que os médicos aconsellan.

Entre luces que non nos deixan ver a claridade, parece que estamos no medio dunha néboa tépeda que non nos deixa  ver o horizonte.

As liortas políticas  con máis desencontros que encontros: insultos, medias verdades e mentiras; promesas  que xa fixeran noutrora e non cumpriran,  e todo este balbordo, que por excesivo magoa, converténdose nunha enxurrada que nos arrastra inconscientes até quedar atrapados nas redes da incesante propaganda de miles de cousas –moitas delas innecesarias- que nos levan a consumir  por enriba nas nosas posibilidades.

Este mes é o máis desconcertante: loterías tradicionais, agasallos para familiares e amigos, xantares e ceas de compañeiros/as de traballo, xuntanzas familiares nas noites de noite boa e fin de ano, volta aos fogares das persoas que están vivindo fora.

Desprazamentos en vehículos propios, trens, avións, etc.

Tremendo! Unha tolería que nos deixa magoados e sen folgos  para o arranque do vindeiro ano.

Parece que só miro problemas, pero que va!, o encontro das familias é un bálsamo mellor que o de fierabrás: as apertas, bicos e aloumiños fan milagres na xente.  E iso compensa o esforzo  doutrora.

Sexamos felices e até outra!

Todas e todos ansiamos un mundo mellor e facemos promesas que seguirán incumpridas moitas delas.

Quixera pensar que todo o pasado non existiu, que todo foi un conto dun “charlatán de feira” pero a realidade é outra e salta nos xornais, nas radios e na TV. E entón é cando nos fan pensar que os problemas hai que encáralos e resolvelos (os contos non arranxan nada) e velaí o que está a acontecer coa sanidade: En Verín hai unha gran liorta pola suspensión dun paritorio.

-Os/as profesionais  da “Medicina de   Familia veñen poñendo ó descuberto dende hai anos, a falta de atención da administración para o desenvolvemento cotiá  da súa tarefa, tendo que chegar a prantexar manifestacións e folgas. (Sabémolo ben os pacientes cando comprobamos , ao cotexar o tempo de atención, 5 minutos-).

Outro conflito semellante dáse noutro  concello da provincia de Pontevedra: Soutomaior. Expresa a súa indignación polo peche do centro de saúde por falta de médicos. A Subdelegación do Goberno obriga a suspender a caravana de coches en defensa da Sanidade. (Faro de Vigo, pax.13 do 7-12-2019)

Outra desconcertante noticia (esta na primeira páxina e a catro columnas, o mesmo día que a anterior) di:

Galicia só gastou un de cada catro euros dos fondos europeos para  I + D.  En letra máis miúda continúa: facenda executou o ano pasado 21,9 millóns cando o obxectivo eran 89 millóns. Achaca  o atraso á burocracia  en activar actuacións e ás restricións económicas.

Na páxina 16 figuran os datos dos “Fondos Feder” europeos para incentivar o desenrolo do país galego en (investigación e desenrolo)

Que mágoa!

Quédanos o consolo do aproveitamento que dos cartos europeos fan os veciños portugueses. A última nova fala de: o norte portugués move 1500 millóns de euros en inversión empresariais . A UE aporta 826 millóns dos seus fondos  e benefícianse das exencións  fiscais.

Conclusión

Portugal aproveita as axudas da UE. A burocracia non é un freo para o país.

E nós? Pois …como sempre e -recollo de Siniestro Total- o máis acaído para rematar

“Menos mal que nos queda Portugal”

Telmo Comesaña   decembro 2019

 

 

 

 

 

A %d blogueros les gusta esto: