Abril 2020
Queda para a historia o abril que nos roubaron. -Non foi só a Sabina-. Todo se puxo en contra do inicio da primavera: cando empezaban a florecer as azaleas viña unha pouca choiva e estragábaas; aos rododendros estalles a pasar o mesmiño; as roseiras e as fresas florecen e tardan en abrir e as que florecen non medran o suficiente e perden sabor . É curioso que as froiteiras de oso caéronlle as follas e as flores. As maceiras están a secar.
Abofé que se nota un cambio na natureza que non ten semellanza ao pasado: a nespereira tivo moi pouco froito e moi cativo.
Hai poucos días ollando unha revista puiden ler que se está a notar a falta de abellas para polinizar e caín da burra. Cómo apicultor aficionado que fún, (van aló uns tres anos que as abellas desapareceron desta zona).
Na década dos 80 do pasado século a “varroa” facía estragos nas colmeas pero aquela peste foi controlada sanitariamente e con moitos traballos os apicultores foron remediando a situación.
Hai poucos anos chegou a velutiña (avellas asasinas procedentes de Asia que desfixeron as colmeas) Eis, o problema. Sen abellas non hai polinización.(En decembro do 2017 publiquei nesta sección o artigo “SOS abellas”, que paga a pena reler).
Todo é moi raro.
A Natureza parece que se cansou de ser maltratada e ponse tan tola como o “coronavirus”. Poríanse de acordo para roubarnos o mes de abril, e o de maio,xuño e … algún máis?
Esta si que nos amola ben:retidos no fogar dende o 14 de marzal sen ter seguro cando, nin como imos saír do atranco.
A min roubáronme o “día do pai” , o do meu cumpre (86 anos), non puiden reunir a familia para xantarmos xuntos e recibir os agasallos e os aloumiños propios das efemérides..
Tamén é certo que pasar a reclusión na zona onde eu vivo non é o mesmo que a xente que ten que estar entre catro paredes; e se cadra con veciñanza ruidosa ou que non se levan ben. No meu caso entre o xardín e a horta teño faena a cotío. Ó erguerme, pola mañá, saio ó patín e teño vista dende as Cíes até o Galiñeiro, os paxariños a cantar e o recendo da herba e das flores que pouco a pouco van saíndo.
Por perder pérdese moito máis do que en principio se pensaba: non tes con quen falar cara a cara, nin un amigo que poida vir a visitarte nin ti ir a casa de ninguén. Hai unha ruptura social que non se soluciona co whatsapp, nin sequera coa chamada telefónica.
Outras perdas son os e as que se van definitivamente: en silencio, sen despedilos e sen apoiar ás familias no transo extremo dun pasamento.
A min fóiseme un consogro ó que a longa vida da que disfrutou só lle faltou a posibilidade dunha despedida acaída ao achegamento da familia. Non foi o virus letal o verdugo que o levou, foron os moitos anos que viviu. Paz para el.
Nesta tamén se nos foi Xosé Luis Franco Grande, figura senlleira da cultura galega. Autor do Dicionario Galego- Castelán. Académico da RAG, coas raíces chantadas no seu lugar de nacemento Tebra- Tomiño.
Na primeira folla do dicionario deixa os seus pensamentos: [Aosrexos labregos de Tebra, de quenes adeprendín case todo.
A todos os que asistiron as miñas crases de galego, en vigo, anque de min adeprenderan tan pouco.
E a Tebra, miña terra, onde teño as raíces mais fondas, por enriba de todo, anque esta restitutio non non é, nin pode ser,in integrum-] .
Hai poucos días que tamén se deu a coñecer o pasamento da académica da RAG, Luz Pozo Garza aos 97 anos de idade.
Dela din que foi “Unha das renovadoras da poesía galega”. Autora de Concerto de outono e Sol de media noite.
A tamén escritora e académica Marilar Aleixandre,glosa a súa figura que remata,
“… Sen ti, orfas,mais a túa palabra é a nosa herdanza”.
Con todo o que acontece, sabemos que xa nada será igual, mais a humanidade sempre busca como atoparse. A procura da felicidade é unha tarefa diaria.
Telmo Comesaña abril 2020