Do 1888 ao 2018

130 anos nos separan. Pasaron infinidade de historias: unas boas, outras malas e outras que descoñecemos total ou en parte.

Todas elas poden ser proveitosas para algúns e ruíns para a humanidade. Ao longo destes anos a poboación do mundo dobrou a súa presenza. Os desprazamentos interoceánicos xa non se fan á vela nin en barcos á vapor. (O vapor foi a transición entre a vela e o motor mariño; os barcos á motor e os avións subsistiron aos vapores doutrora que levaban e traían xente e mercadorías con maior seguridade que cando o facían á vela). As guerras -sempre presentes- foron fontes de riqueza para moitos e traxedias humanas para moitos máis, e…a terra seguiu desprazándose na súa órbita allea as liortas dos que a habitaban. A cobiza, as xenreiras,os aldraxes, o poder…dominaron aos máis febles e ignorantes, escravos e sumisos. Velaí dúas castes. As grandes traxedias humanas, fan bo o dito de (Vicente Blasco Ibáñez “guerra, hambre, peste y muerte”. Los cuatro jinetes del Apocalisis)

O desprazarse polo mundo xa viña de lonxe.

Hoxe botei man da “Hemeroteca do Faro” e, un titular daquela di:

“Preocupación pola excesiva emigración”

“O diario decano sinalaba que a emigración era cada vez maior, porque xa non son os pobres moi pobres os que abandonan a súa patria en busca de fortuna, senón que tamén emigran persoas de posición relativamente desafogada. Así, indicaba que se ían obreiros con (un xornal de tres pesetas) ao tempo que resaltaba, que no seguinte viaxe partían sacerdotes, mestres de escola, costureiras …o país en masa”.

E deixeino para outro día.

Vaites, vaites que (hoxe, día 7) cando ollei o diario atópome con estoutra nova na mesma sección:

Fondos para socorrer emigrantes”

“O Gobernador Civil de A Coruña telegrafará ao de Pontevedra para pedirlle que ordenara a casa consignataria dos vapores, Lloyd Norte Alemán en Vigo, que remitira fondos para socorrer aos emigrantes que estaban na cidade herculina sen ningún recurso esperando por un barco que os levara -de balde- ao Brasil. Avisaba que levaban tres días agardando os fondos e si non se recibían, a autoridade civil os axudaría a voltar aos seus fogares”.

Reflexión

Despois de ler estes relatos algo buliu na miña cabeza: lembrei a Rosalía. Abrín a “base de datos” a prol de procurar en que andel repousa “Follas Novas”(1ª edición pombal, santos 1968 da Edt. Castrelos). Si, atopeino; debaixo da telelupa fun pasando as follas –co ton cambiado polo paso dos cincuenta anos gardado- e escollín o que pensei que é máis acaido.

Rosalía sentía profundamente a desgraza da emigración e as súas consecuencias.

“Iste vaise e aquel vaise, / e todos, todos se van; / Galicia, sin homes quedas / que te poidan traballar. / Tes, en cambio, orfos e orfas / tes campos de soedade; / Tes mais que non teñen fillos / e fillos que non teñen pai. / E tes corazóns que sofren / longas ausencias mortais. / Viúdas de vivos e mortos / que ninguén consolará”.

Por que marchaban…, ata xente que non eran moi pobres se tiñan soldos de tres pesetas?. (Non é doado facer comparacións entre épocas tan distantes, pero si que é convinte para coñecer mellor como evolucionan as sociedades). Por exemplo, lembro sendo eu un pícaro, que pasaba uns días no Pazo da Raposeira –no que eran caseiros os meus padriños-, unha conversa durante o xantar (sempre había dez ou doce persoas entre a familia e os criados/as), que unha xunta de bois custara 4000 reais, é dicir, 1000 pesetas. Outra referencia é a que vivín no ano 1949 cando fun traballar: o salario era de 4.95 ptas/día para os aprendices, e 15 ptas/día o oficial de 1ª .

Dende aquel 1888 ata o 1949 pasaran 61 anos e os salarios creceron só 12 ptas/día.

Daquela, -miña adolescencia e xuventude-, a pobreza era, en moitos casos, extrema e a xente, tan pronto puido saír da terra foise, e non era só a fame a que empurraba.

Nos países Centro e Suramericanos e asemade EEUU, había emigrantes dende as épocas coloniais; moitos ben asentados e que xa formaran alí as súas familias; xa eran daquela terra.

Ó remate da guerra en España miles de homes e mulleres con fillos, chegaron alí exiliados, sendo México o país que máis acolleu, grazas ao presidente Lázaro Cárdenas, que abriu as fronteiras para o exilio español.

Na década dos 50, miles de familias marcharon a esas novas terras, algúns tiñan familiares que os reclamaban; outros ían á aventura. Coñecín algúns que se foron de polizóns; un deles viu de volta dúas veces e a terceira estivo preso en Brasil uns poucos anos.

Os “indianos”doutrora deran exemplos de riqueza ao voltar á terra: fixeron casas de luxo e distinguíanse no social, aínda que o mellor exemplo foi facer escolas para acabar co analfabetismo; e velaí, que aínda hoxe, algunhas reformadas e ampliadas seguen na mesma función. Por citar algunhas: Tomás A. Alonso en Coia; Ramón Nieto en Lavadores, Policarpo Sanz nas Travesas (Instituto Sta. Irene), García Barbón no centro (Escola de Artes e Oficios). Outros fundaron empresas que cambiaron o duplo labrego/mariñeiro.

Na década dos sesenta a emigración mudou deica Europa. Desta foron os ferrocarrís os que levaron e trouxeron as xentes que foron a prol de mellorar a vida; descoñecendo cultura e idioma. Aí tamén houbo moita tristeza e sufrimento.

Arestora é a xente mellor formada a que se ten que ir por non ter traballo na terra que os viu nacer. E aló se van a enriquecer un pouco máis aos países máis ricos.

Que pensaría Rosalía si vivira. Que poemas escribiría!

Telmo Comesaña novembro 2018

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.