200 anos de Vigo – O xénese dunha cidade (II)

Imos hoxe con esta segunda entrega da historia de Vigo, extractada dos fascículos de Faro de Vigo, cuxos testos corresponden ao historiador Antonio Giráldez Lomba.

[Os liberais vigueses

Detrás dos fastos e das celebracións polo xuramento da Constitución de 1812, apreciábase a man dun sector da cidadanía viguesa, tan resolto, presente tanto na xerarquía militar como entre os membros da primeira corporación municipal constitucional.

O grupo de comerciantes-industriais asentados nunha parte do barrio do Areal apostaba por limitar o poder do Rei, tolerar tódalas opinión, declarar a liberdade de fabricación e de venda do sal e do tabaco e suprimir os impostos dos consumos. O industrial vigués Francisco Tapias deixou escritas estas ideas en 1854.

Como el, progresistas de primeira fila na nosa cidade foron Ramón Buch (membro dunha coñecida familia catalá adicada a industria pesqueira), que presidiu a Xunta Revolucionaria cando Vigo se sumou ao pronunciamento progresista de 1840, Xoaquín Yáñez, adicado ao trafego de graos e da salga e que tamén formou parte daquela mesma Xunta, Curbera, Molíns ou Xosé María Chao. A maioría daquel activo grupo de burgueses liberais que formaban a élite ilustrada da cidade sumouse a cantos pronunciamentos progresistas importantes houbo durante o reinado de Isabel II e apostaron por dotar a Vigo de sociedades recreativas e culturais como “El Casino”, un teatro e ata un lugar tan aberto ao ocio e o recreo urbano como A Alameda. (…)].

[Todo o que Vigo lle debe ao mar

O ano 1783 marcou un antes e un despois na historia do porto de Vigo. Ao poñer fin, cinco anos antes desta data, o rei Carlos III, da exclusiva que tiña o porto de Cádiz no comercio con América, o de Vigo comezou a recibir tamén produtos coloniais e a exportar ao continente americano produtos da nosa terra.

Neste ambiente de “bos negocios” comezaron a chegar un bo número de empresarios cataláns; emprendedores procedentes da Costa Brava que introduciron novas artes de pesca, a salga e o prensado da sardiña e converteron ó Areal nun barrio no que a partir de entón se mesturaban as factorías de salga e os secadoiros de peixe, coas casas dos mariñeiros acabando rebautizándose como “barrio dos cataláns”.

Na segunda metade do século XVIII, Vigo estendíase pola costa entre Teis, o Areal e Coia e pasaba dos 3.000 veciños. Unha terceira parte deles adicábanse a pesca e a salga. (…)].

[O Berbés, a memoria do Vigo mais mariñeiro

O barrio do Berbés conserva nos seus soportais a memoria. Existe a teoría de que o Berbés naceu como un porto de abrigo para os mariñeiros que saían a pescar e que a volta, cando o mar estaba picado, resgardábanse nesta enseada.

No século XII, o rei leonés Fernando II concedíalle a freguesía de Santa María ó bispo de Tui e na escritura de concesión describía este barrio. Despois, a principios do século XV, o rei Xoan II de Castela deu exencións aos que se asentaran alí. O Berbés foi testemuña das incursións do corsario Francis Drake e cando se amurallou o burgo de Vigo en 1665 era xa un barrio extramuros. Dende o convento de San Francisco, nun outeiro sobre o Berbés, ollábase o ir e vir de dornas que desembarcaban a pesca de baixura nuns soportais que cheiraban a salitre. (…)].

Telmo Comesaña novembro 2018

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.