Vida social

 

Non era parvo pero facíao moi ben. –Oiche Xaquín…, ti cres nas meigas?. –Home, e ti que queres que che diga, depende das ocasións, hai veces que si, e hai outras que non. Compañeiro ti ben sabes a influencia que ten a escuridade: si é de noite ou si é de día. Xaquín non se compromete porque sabe que a xente que o coñece fala del como un visionario e a el non lle fai xeito, pero o amigo non deixa de amolalo e segue a conversa: -pois verás, dixéronme que agora de noite non aparecen e seica foi porque dende que puxeron a luz eléctrica nos camiños desapareceron. –Desaparecerían pero eu de cando en vez, ó revirar na curva dun camiño si que as vexo, (un feixe de ánimas todas branquiñas e cun lume aceso que lle sae pola cabeza). –E dinche algo, métense contigo, falan entre elas…?. -Non oh, elas van ó seu, o que deixan é un fedor a sufre queimado que tira pa tras.

-Compañeiro tes que deixar de ir á taberna de noite; de día, aínda que vaias tropezando un pé co outro non importa, total todos nos coñecemos e uns e outros temos as nosas eivas.

Estas liortas eran frecuentes entre Bieito, Xaquín e algún mais.

O tempo ía pasando e o verán estaba a chegar: días longos e calurosos e noites claras.

Festas nas parroquias da contorna e na propia; rebulir de rapaces polos camiños xogando e aproveitando a luz do día ata que chamaban para cear.

Ás derradeiras horas do día, pola fresca, sacábanse os animais ao pasto e facíanse os traballos que o calor non deixou facer durante as horas de máis insolación.

Os paisanos que non tiñan obrigas na casa xogaban ás partidas de chave nas tabernas ou falaban entre eles.

As festas eran outra saída.

  • Sábado vésperas: a tardiña, uns cantos foguetes anunciaban a entrada da banda de música que os mordomos contrataran ese ano; pola mañá xa o fixeran os gaiteiros que percorreron os barrios acompañados dun mordomo e dunha banda de rapaces aplaudindo e votando aturuxos; en cada barrio o acompañante botaba un par de foguetes para sinalar onde se atopaban: do solpor en diante os dous grupos animarían a verbena.
  • Domingo era o día do patrón ou patroa: misas rezadas pola mañá e ás doce misa maior cantada por un orfeón e varios curas convidados; a igrexa lucía floreada e os santiños limpos e cos galanos que noutrora lles concederan, enriba das andias para saír en procesión. Despois de ler o evanxeo que correspondía naquela longa misa –sempre había un predicador que facía as loanzas do santo ou santa, aos que se lles atribuían dons celestiais para sandar doenzas ou calquera outro asunto mundano: que o fillo non fora á guerra, que a filla collera un mozo rico co que casar, ou quen sabe o que cadaquén ten na cabeciña-. Só é preciso ter fe, moita fe, que din que a fe move montañas!.

Cun repenicar de campás saía a procesión arredor do torreiro e da igrexa: diante un home coa cruz e detrás os curas, o abade ía no medio e na man un libriño para cando dicía algunha oración, os outros coas mans nas boca-mangas das roupas de gala que tamén distinguían aos portadores das sotanas negras. Arredor deles, un pouco disimulado, un monago co caldeiro da auga bendita, presto a que o abade se lle ocorrese botar man do hisopo para dar a bendición e regar aos presentes.

Catro homes portaban a andia co patrón enriba e detrás os demais santiños e virxes como acompañantes. Detrás a banda de música interpretaba pezas sacras. Dun e doutro lado xente devota con candeas acesas, e algúns coas pezas de cera simulando a doenza dos portadores. Estes procuraban achegarse o máis posible ó santo en procesión considerado o de curandeiro silencioso; seguía a xente engalanada coa roupa e calzado de estrea, e nunca faltaban algún curiosos aos que non lles importaba aquilo, pero seguían o acontecemento para logo facer os comentarios e as críticas que era unha maneira de pasar o tempo.

  • A tirada de foguetes e bombas de palenque, -das que facían máis estúpido-. Non foran a pensar os da veciñanza que non eramos tanto coma eles!.

A mañá remataba coa banda de música interpretando tres pezas clásicas, aplaudidas pola xente presente, que dalí, ían xantar unha comida especial.

Á tarde-noite verbena ata que o dispuxera a Garda Civil. (Daquela era quen mandaba).

O luns adicado a un santiño menos importante co patrón e con semellante cerimonial.

Tres Días de festa rachada

Xaquín era dos que non lle importaban aquelas historias, pero ía alí a curiosear aproveitar, para estar con algún amigo deses que veñen de fora para estar coas familias, deixarse invitar para acompáñalo a comer un prato de polbo e beber uns netos de viño e pasalo día.

Na procesión viu a Bieito desfilando cunha cadea acesa, a gorra na man, deixando ó descubertouns poucos cabelos ensarillados naquela cabeza branca na que nunca se puxeran os raios do sol: colgado do pescozo levaba unha barriga de cera que deixaba de manifesto algunha doenza do interior. Pero que lle podía pasar a este home…!

Malia que non se atopaban tódolos días, Xaquín xa lle contara a Uxío a liviandade de Bieito: quen o diría…Bieito de “mexapias” cunha barriguiña de cera pendurada diante do peito,e cunha candea acesa; vaites,vaites. –Pero, estás seguro do que me dis, non estabas bébedo compañeiro?- Non oh, aínda non atopara a Xián que me convidou a acompáñalo a un par de racións de polbo e unhas cuncas de tinto no furancho do Eustaquio.

-Pois mira ti, que eu tamén estiven no furancho e non vos ollei. -Non dubido, había tanta xente que nos tapábamos uns aos outros.

-O que non me sae da cabeza é o de Bieito, eu sempre pensei que era un pouco revirado para esas historias. -Compre ter coidado porque el di que non cre na santa compaña e rise de min porque eu si que creo, e ti compañeiro viches algunha vez as ánimas de noite polos camiños?

-Home a min pásame o mesmo que a ti: cando vou bébedo non só vexo a santa compaña, vexo a miña dona que me pon de volta e media.

-Eu, como son solteiro non teño ese problema, xa o di o refrán, “o boi só, de seu se lambe”

Telmo Comesaña outubro 2018