Nicolás Taboada Leal. O médico que escribiu a primeira historia de Vigo

Nado a finais do século XVIII na vila lucense de Viveiro, pero vigués de corazón. Nicolás Taboada Leal estudou “Medicina” na Universidade de Santiago de Compostela

E apenas rematou a carreira estableceu a súa consulta na nosa cidade. No 1828 xa figura como médico do “Hospital de Caridade” de Vigo, en onde exercería ata a súa morte. Autor dun libro sobre as propiedades das augas mineiro-medicinais galegas. En 1833 foi testemuña dos efectos dun forte andazo de cólera na nosa cidade, un andazo que chegou ao noso porto da man dun barco inglés que trouxo abordo algúns enfermos deste mal e que, despois dos primeiros casos no barrio do Areal, acabou afectando durante dous meses ao recinto amurallado vigués. En aqueles días, Taboada Leal, ademais de atender, de balde, e sen descanso aos afectados, comezou a concibir o proxecto de instalar un lazareto na illa de San Simón inspirándose en outros establecementos semellantes en Marsella e Estocolmo.

O lazareto acabaría inaugurándose no 1842 grazas a fin anciación do filántropo vigués de orixe rioxano (Ortigosa de Cameros), Norberto Velázquez Moreno. Dous anos antes, Taboada Leal deixounos escrita a primeira historia de Vigo, “Descripción topográfico-histórica de la ciudad de Vigo, su ría y alrededores”. No 1848, editou un folleto titulado “Informe sobre el cólera morgo asiático”, facendo tamén historia do andazo do cólera.

Ademais escribiu artigos na prensa chamando á atención do “Consello de Sanidade” e da “Academia de Medicina” para evitar un novo azoute daquel andazo. Médico, escritor e xornalista, Taboada Leal foi médico consultor da “Junta de Sanidad”, subdelegado de Medicina, segundo axudante honorario do Cuerpo de Sanidad Militar. Socio de varias corporacións científicas e literarias de España, recibiu dúas condecoracións: a “Cruz de Epidemias”, polo seu bo facer profesional contra o cólera, e a “Cruz de Isabel La Católica”, e a nosa cidade, pola que tanto traballou, nomeouno cronista. Finou en Vigo o 4 de decembro do 1883. No 1909 o noso Concello adicoulle unha rúa; que arranca de Ronda don Bosco e sube paralela co Castro. Dende hai uns anos, un ambulatorio do “Sergas” tamén leva o seu nome.

Da miña memoria

Dende a miña infancia lembro unha rúa con ese nome. “rúa Taboada Leal”. Nunha travesía “´rúa do Pilar” tiña meu tío Hixinio a vivenda e unha fabrica de paus de zocos, ou tamancas, mesmo ao carón dos Maristas. A rúa Venezuela atravesou Taboada Leal e comunicou as dúas rúas, deixando “Pilar” de ser travesía. Nesa rúa tamén se atopaba o “Cable Inglés”. Como a rúa é en pendente o corte producido perpendicularmente por Venezuela, deixou un desnivel que se salva por unhas escadas de pedra, e o tráfico rodado por “Pilar”.

Vigo sempre foi lugar de acollida. Xentes de toda España foron chegando por diferentes motivos que deron lugar a soados acontecementos. Asemade comerciantes e armadores europeos –sobre todo das cidades que daquela xa comerciaban con esta praza-, tiñan unha relación directa con Vigo. Moitos quedáronse aquí formando familias con mulleres viguesas, mesturándose nomes e apelidos que chegaron aos nosos días. Arestora podemos recoller nas hemerotecas dos xornais, dos arquivos da cidade e nas lápidas funerarias.

Benvidas sexan as persoas que adican o seu tempo para mostrarnos-las en conferencias, libros e/ou artigos de prensa ou revistas.

Fonte: “200 Memorias de Vigo”

Telmo Comesaña outubro 2018

2 comentarios sobre “Nicolás Taboada Leal. O médico que escribiu a primeira historia de Vigo

  • el 12 de octubre, 2018 a las 19:51
    Permalink

    Me gusta tu artículo sencillo y ameno. Quizás la mayoría de la gente no conozca el por qué de las calles de Vigo que llevan nombres de personajes.

  • el 13 de octubre, 2018 a las 20:17
    Permalink

    Grazas Ester, dasme una boa idea e seguirei o eu sabio consello.

Comentarios cerrados.