Excursión a Pobra do Caramiñal e Sálvora

O principal destino era coñecer  a última das illas  (Sálvora) do Parque Nacional  Marítimo Terrestre  das Illas Atlánticas de Galicia.

Organizada polo Centro Sociocomunitario de Coia, o mércores día 19 fomos de excursión. As meigas que fan e desfán ao seu antollo nos seus dominios náutico-terrestres,  agasalláronnos cun día espléndido; os días anteriores houbo néboa con fartura e o día seguinte tamén.

Saimos de Coia  coa frescura do mencer nun autobús  -homes e mulleres- rumbo á Vilagarcía de Arousa, onde nos esperaba o barco que ía trasladarnos á Pobra do Caramiñal, que viña a ser o complemento da xornada festeira. Embarcamos  e a xente tirou para riba onde a panorámica é total: o fresquiño era levadeiro e cunha peza mais de roupa íase ben. Unha hora de ruta atravesando a ría e indo dunha a outra provincia, chegamos a vila  de moita sona pola antigüidade e as costumes ancestrais mantidas ao longo de séculos e que perduran hoxe dia, dun xeito semellante á parroquia de Ribarteme, concello  das Neves, Pontevedra.

A procesión das “Mortallas”, (persoas vivas son porteadas en cadaleitos abertos polas rúas do pobo. Din que o fan ofrecidas por algunha promesa  feita por calquera cousa -que non depende dos médicos nin das meigas ou dos menciñeiros-,  persoal  ou familiar). O macabro espectáculo achega a xentes doutras culturas que non entenden as raíces cristián-pagáns que perviven nesta terra do Barbanza e do Condado, Baixo-Miño .

A  visita  era ao Museo “Valle-Inclán”.

Torre de  Bermúdez é un edificio que data do  Renacemento (ca.1570) vencellado  aos seus devanceiros. Co paso dos anos chegou a ameazar ruína; unha vez  restaurado foi declarado Monumento Histórico-Artístico  Nacional  no ano 1976 e, no ano 1986 abriuse o Museo ó público. Eu nono coñecía e saquei unha magnifica impresión, engadindo a beleza do edificio que fala dun pasado señorial da vila.

Só por iso paga a pena achegarse a Pobra do Caramiñal.

Rumbo a Sálvora

Durante a hora de ruta os polivalentes camareiros servíronnos o xantar: empanada, mexillóns a fartar e arroz con marisco; pan, viño tarta de Santiago de postre e café a escoller: só, con leite, descafeinado…, e todo con boa harmonía.

Unha hora despois da saída da Pobra o catamarán aproou ó peirao da illa: eran as dúas e media da tarde e  o calor, sobre todo despois do xantar facíase sentir.

A primeira impresión o desembarcar foi a total tranquilidade, as  augas limpas e cun suave cor verdoso reflectido da matogueira, peixiños pequenos rebulindo na auga e que  non fuxían,   (será que se senten seguros de estaren nun espazo protexido onde o ser máis depredador da terra non lles fará dano!, será, pero tamén que ese ser decatouse que si non hai zonas protexidas e sostibles remataríamos coa vida)

As guías que nos acompañaban dende Vilagarcía –despois dunha meticulosa información do que supón a normativa para visitar un parque- púxose ao fronte camiñando para facer a ruta nº 2, ata a Aldea; (así chaman ao poboado no que residían as familias que alí traballaban e vivían.

O camiño está cheo de pedras soltas que non dan un bo andar, pero así son as cousas nos Parques: a conservación é total, nada se modifica. Ao pouco atopamos a uns cabalos a sombra dun penedo; pasamos con cautela e os animais non se asustaron. Seguimos e atopamos unha fonte de auga doce cun pobre caudal; unha pequena presa recolle a auga cando verte con máis cantidade. Será no inverno, penso eu.  Arredor resisten unhas árbores e na contorna hai herba fresca.  Seguimos torcéndonos os nocellos dos pés, nos croios do camiño e demos chegado a Aldea.

Alí, a guía deunos unha ampla información do que significou aquel poboado ocupado por distintas familias en diferentes épocas. A illa sufriu os ataques dos aventureiros que ao través dos tempos se achegaban as nosas costas por diferentes motivos.

As edificacións de pedra son sólidas; só se manteñen en pé as paredes, e algunhas aínda teñen as armaduras de madeira. Aquelas agrupacións humanas non tiveron máis aló de sesenta membros que se dedicaban á agricultura e a pesca. Sorprende o grupo de canastros e unha eira enlousada de pedra. Os hórreos cambian radicalmente o formato, tanto cos que coñecemos pola ría de Vigo, Salnés e Baixo Miño, como cos da serra do Barbanza.

Estes están montados enriba dun gran baseamento de pedra, chaflanado polas catro caras, (supoño que para que esvare a auga da choiva),   montado enriba de muros transversais máis cortas ca plataforma, para evitar a subida dos ratos.

Os aduvíos son os mesmos cos que coñezo: unha cruz nun pincho e unha esfera sobre unha pirámide no outro. Unha mostra máis da conexión cristián-suevo.

Aquelas xentes eran explotadas polos diversos donos: civís, eclesiástico, señorío, etc. Nun tempo pagaron foros e noutros “medias”, a metade da colleita, quedándolles a pesca libre de tributo. Nese complexo aldeá tiñan escola para as crianzas, e como mestre o fareiro; este si que vivía solitario.

As lendas son riquísimas: as sereas, -como non podía ser menos nunha illa-,  engaiolaban aos illáns que caian rendidos aos seus encantos chegando a procrear homes con escamas…

Fomos baixando  para rematar a visita e voltar a Vilagarcía de Arousa.

Hora e media de navegación tranquila,  desfrutando das bebidas fresquiñas  que os camareiros nos ían ofrecendo, a xente xa estaba mais esparexida: parte arriba, cantando ou seguindo a música  que pon o patrón, e outra sentada palicando amigablemente. Voltamos ao autobús e até Coia, onde nos felicitamos e quedamos para outra.

Resumo

As visitas  ao Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, xa están no noso coñecemento e mesmo algunhas vilas. E isto faime lembrar a riqueza cultural, paisaxística, arquitectónica, industrial,   etnográfica e social que temos nesta bendita terra galega. Ter unha costa con arquipélagos, praias, portos, miradoiros  como os de Carnota, Xaxán, Alba-Cepudo ,  Galiñeiro, Groba e tantos outros, é un luxo que non poden ter  ningunha comunidade en España.  As rías son non só unha fonte de riqueza, son tamén un equilibrio emocional

E cecais non nos decatamos.

Compre lembralo.

 

Texto: Telmo Comesaña    setembro 2018

Fotos: Paco Domínguez

Un comentario sobre “Excursión a Pobra do Caramiñal e Sálvora

  • el 28 de septiembre, 2018 a las 20:12
    Permalink

    Excelente reportaje Telmo. Me gustó mucho cómo has narrado esta excursión. Y las fotos también muy bonitas. Gracias

Comentarios cerrados.