200 anos de Vigo. A xénese dunha cidade (VI)

 

Faro de Vigo. O decano da prensa española

De toda a riqueza histórica que agochan  as páxinas destes once fascículos que noutrora publicou Faro de Vigo, cuxos textos son da autoría do historiador Antonio Giráldez Lómba, vou extractando algunhas cousas que máis  chaman a miña  atención; espero que sexan os e as lectoras/es os/as que fagan algún comentario no que eu poida ver si estou ou non  no certo. Iso axudarame a escribir sobre os temas que máis poidan interesar.

E velaí que hoxe intereseime moito pola historia do xornal de referencia  na nosa cidade e bisbarra.

Como adoita acontecer as cousas importantes parten das persoas máis cultas e porén mellor situadas na sociedade. O gran mérito deste xornal é manter unha lonxevidade  de 165 anos: diario decano da prensa española.

“O decano da prensa española”

Os promotores do faro de Vigo eran un grupo de ilustrados vigueses: José Carvajal Pereira,  José María  Posada Pereira e Joaquín Yáñez, os tres xuristas, e o impresor Ángel de Lema y Marina

En España naquel ano publicábanse, segundo a historiadora Mari Cruz Seoane, 123  xornais, 73 deles en Madrid.  Pero no 1984 ó desaparecer o Diario de Barcelona, Faro de Vigo sucedeuno no escalafón como Decano da Prensa Española.

Unha honra da que se senten orgullosos os galegos. Gaba que sobrevivir a un humilde xornal, nado nun entorno de nove mil habitantes (a Memoria de Poboación do 1857 asigna ao Distrito Municipal de Vigo unha poboación de  11.412 cidadáns, engadindo transeúntes, militares e presos), dos que a maioría son pescadores e agricultores, de escasa ou nula formación. Cando desapareceron as cabeceiras das grandes cidades da  época.

É só un milagre que se explica porque, despois do reducido grupo de fundadores achegáronse un cento de ilustrados vigueses, subscritores dende o primeiro número, convencidos de que  o periódico, era vital para o desenrolo da cidade.

Faro de Vigo xurde, como constata o editorial fundacional, para defender a Vigo e Galicia.  Pero cun obxectivo primordial, case exclusivo: abrir Vigo ao exterior, illado  pola súa ubicación periférica e  as pésimas comunicacións.  O instrumento  para acadalo é o ferrocarril.

Tíñano claro meses antes da aparición de Faro, tres dos seus fundadores (Carvajal, Yáñez  e Lema), que se xuntan para  publicar un folleto titulado  “Razóns de utilidade nacional  en apoio do Decreto no que se manda a construción dun ferrocarril  de Vigo a Madrid, Zaragoza e Barcelona”.

O periódico proclama (27-IV-1861):

“A defensa do ferrocarril de Vigo produciu hai anos a aparición de Faro de Vigo, que como saben os nosos subscritores, adicouse exclusivamente a avogar polos intereses materiais da cidade e o benestar das nosas provincias”.

A causa de que Faro perviva cando tantos outros periódicos pecharon é o compromiso ininterrompido e inquebrantable con Vigo e os intereses de Galicia.

Cinco etapas de Faro de Vigo

Describe os cambios procesais dende o 3 de novembro do  1853, data da súa fundación ata o ano 2010 data da emisión dos fascículos.

Os poderes do Decano

Ao longo da súa secular historia, Faro de Vigo librou, como é tradición na prensa, múltiples rifas dialécticas cos colegas. E en ocasións tivo que apelar ó argumento de Cisneros: Estes son os meus poderes”.

Do fardel da miña memoria

A supervivencia de Faro non se debe só ao ben facer dos propietarios, senón tamén,  ao fiel acomodo a criminal ditadura de Franco, (etapas 3 e 4).

Pola contra, “El pueblo Gallego” do republicano Portela Valladares, foi confiscado polo novo réxime pasando a pertencer a prensa do movemento: órgano da Falanxe española.

O diario “Madrid” de Calvo Serer, foi outro dos pechados por desviarse da liña marcada polo sistema no 1971. Estes como exemplo.

As veces aos historiadores quédanlles cousas por dicir, e a historia  se non se explica fielmente pode converterse en  revisionismo.

Documentos hai; hemerotecas tamén.

 

 

 

Telmo Comesaña     xaneiro 2019